Cun acto celebrado no exterior da Casa do Concello, inaugurouse onte unha nova edición da Mostra de Teatro Galego de Cariño. Tras as intervencións institucionais, a compañía Catropés abriu a programación desta XLVIII Mostra coa proposta itinerante Animacreques, que encheu as rúas de cor, música e animación, convidando o público a formar parte do espectáculo.
A programación da xornada continuou na Praza da Pulida coa representación de Historias para escagharriñarse, da compañía Teatro Ghazafelhos, unha función que reuniu a numeroso público e consolidou o ambiente festivo da primeira xornada da Mostra. A actividade pechouse pola noite, ás 21:00 horas e tamén na Praza da Pulida, coa representación de Trïade e Alleo, a cargo da compañía Colectivo Glovo.
Ao longo desta semana sucederanse as funcións familiares en horario de mañá e as representacións para público adulto nas sesións nocturnas do Auditorio Municipal. A programación reunirá compañías e artistas de referencia das artes escénicas galegas como Fantoches Baj, Chévere, Muu, Producións Teatrais Excéntricas, Galeatro e Xarope Tulú, Mariña Lestón, Tarabela Creativa, De Ste Xeito, Píscore ou Carlos Blanco.
A clausura da XLVIII Mostra celebrarase o vindeiro sábado, 8 de agosto, na Porta da Pulida cunha dobre proposta para todos os públicos. Ás 13:00 horas, A Vela Circo presentará Enredos e, ás 22:00 horas, o ilusionista Joshua Kenneth pechará o certame co espectáculo de maxia Degustación de imposibles.
Venda de entradas e bonos
As entradas para as funcións familiares do Auditorio Municipal terán un prezo de 1,50 euros, mentres que as representacións para público adulto custan 6 euros. Os espectáculos programados na Porta da Pulida son de acceso libre.
As entradas individuais poden adquirirse na billeteira do Auditorio Municipal dende corenta minutos antes do comezo de cada representación.
Podes consultar e descargar aquí o programa completo da edición.


