As artes escénicas, a divulgación a través das redes sociais e o patrimonio combínanse no novo proxecto de Galeatro, que leva por título Os muíños no camiño e que se estrea esta fin de semana. A compañía teatral conta nel co apoio da Xunta de Galicia a través de O teu Xacobeo, programa que se enmarca na estratexia de Turismo de Galicia e no Plan Director dos Camiños de Santiago 2022-2027 co obxectivo de favorecer a participación da sociedade na organización de actividades vencelladas ao Xacobeo. O proxecto tamén conta coa colaboración dos concellos de Muxía, Vilasantar e Miño.
Galeatro aposta n’Os muíños no camiño por “difundir o valor histórico deste tipo de edificacións fundamentais para comprender o devir da sociedade galega”, tendo en conta que existen, ademais, ao longo dos diferentes itinerarios xacobeos “un gran número de muíños que chaman a atención pola súa beleza, polo lugar onde se atopan e pola maxia que irradian”.
Partindo destas premisas, Galeatro creou un proxecto que pivota ao redor de dous eixes. O primeiro deles consiste na creación de diferentes pílulas audiovisuais que serven, por unha banda, para dar a coñecer as orixes e a natureza do patrimonio abordado e pola outra para promocionar o evento, sobre todo entre a mocidade. A artista multidisciplinar Carlota Mosquera será a encargada de elaboralas e nelas difundiranse os aspectos máis destacados dos tres enclaves nos que porán o foco: o muíño da Gándara en Vilasantar, o muíño de Callobre en Miño e Os Muíños en Muxía.
Estes tres emprazamentos foron escollidos para tocar tres rutas xacobeas diferentes: O Camiño do Norte, que atravesa o concello de Vilasantar; o Camiño de Fisterra, que pasa por Muxía e o Camiño Inglés, que transcorre polo municipio de Miño.
Tres escenarios
Nestes espazos desenvolverase a outra parte do proxecto: a vertente escénica. A compañía Galeatro transformará estes lugares en escenarios teatrais para representar a súa obra Muiñada. Interpretada por Alba Bermúdez e Tone Martínez, a obra preséntase como “unha viaxe ao pasado para os nenos e nenas de hoxe, que serve para coñecer de onde vimos e para non deixar morrer a memoria dos nosos avós e avoas”. A peza une tradición, festa, música e teatro para toda a familia a través dunha historia: a de Sabela e Xacobe, que, por un malentendido coas quendas, coinciden no muíño de auga. Ao ver que os dous non poden moer ao mesmo tempo, comezan unha discusión na que o xogo, as lendas e a tradición farán que a cativada, pero tamén os adultos, se acheguen á historia dun espazo comunitario que foi fundamental na historia galega: os muíños de auga.
As funcións teatrais celebraranse nos seguintes días: mañá, venres 21 de agosto, Muiñada poderase ver a partir das 20.00 horas na Zona Recreativa Aldea Os Muíños en Muxía. O sábado, día 22, chegaralle a quenda na Área Recreativa do Roseo, en Vilasantar, a partir das 19.00 horas e, finalmente, o proxecto despedirase o día 28 de agosto ás 11.00 horas na Casa da Luz Ruta Muíños de Callobre, en Miño.
Ficha artística
Muiñada, de Galeatro
Dirección: Davide González
Dramaturxia: Ana Carreira
Intérpretes: Alba Bermúdez, Tone Martínez
Espazo Sonoro: Davide González
Deseño Escenografía: Anahí Taraburelli
Deseño Vestiario: Anahí Taraburelli
Deseño Iluminación: Maiko Varela
- Galeatro estrea ‘Os muíños no camiño’ - 20/08/2026
- Titiriberia celebra a súa undécima edición - 13/08/2026
- O FIOT desvela as pezas finalistas do X Certame Metro Cadrado - 11/08/2026


