Cunha programación que reforza de xeito especial o seu compromiso coa inclusión e coa súa dimensión internacional está a celebrar o Festaclown unha nova edición. Dende o pasado luns e ata mañá, sábado 22 de agosto, compañías e artistas procedentes de Colombia, Arxentina e Australia están a compartir cartel con formacións galegas e do resto do Estado nun programa para todos os públicos que se desenvolve fundamentalmente ao aire libre, en rúas, parques e prazas da cidade.
A Fundación Tchyminigagua, chegada desde Colombia; Trotamundos, compañía arxentina asentada en Bilbao; a tamén agrupación arxentina Valeria Altmark, e a artista australiana Maple Staplegun, forman parte dun programa que tamén incorpora propostas de diferentes puntos do Estado espaól, entre as que se atopan Bot Project, Spinish Circo, Rojo Telón, Las Cossas Nostra, Mr. Vita, Adrián Conde e Z Teatro.
A creación galega ten unha presenza destacada no cartel, tanto dentro do circo, coa participación de compañías e artistas como Pistacatro e Sue Moreno, como a través doutras linguaxes escénicas, con compañías e artistas como Vero Rilo, Dani García, A Cova das Letras ou K’Paparota, que ampliarán o abano da programación cara á narración oral, a maxia, o teatro familiar e as propostas participativas.
As funcións repártense entre a Praza de Ravella, a Praza de Galicia, a Praza da II República, o Parque Miguel Hernández e diferentes rúas da cidade, buscando converter o espazo urbano nunha grande infraestrutura cultural aberta e accesible.
O festival desenvolve a programación a través de diferentes seccións: Superroquiños concentra propostas especialmente orientadas ao público familiar; o Certame Festaclown permite descubrir diferentes creacións mediante a complicidade co público; a Mostra Festaclown achega algunhas das montaxes circenses máis destacadas do cartel; e o Apartado Social continúa a desenvolver unha das liñas que caracterizan historicamente o encontro.
O festival
O Festaclown está organizado por Culturactiva e conta co patrocinio do Concello de Vilagarcía de Arousa. No apartado social contribúen Pallasos en rebeldía e o INAEM. Ademais, conta co apoio da Xunta de Galicia, ao ser un dos trece festivais profesionais de artes escénicas incluídos este ano nas subvencións da convocatoria da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, e ao ser unha das máis de 3.600 propostas impulsadas pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude dentro da campaña de verán Para gustos, cultura.
Podes consultar e descargar aquí a programación completa
- Vilagarcía de Arousa acolle o Festaclown - 21/08/2026
- Galeatro estrea ‘Os muíños no camiño’ - 20/08/2026
- Titiriberia celebra a súa undécima edición - 13/08/2026


