in ,

Colectivo Glovo participa no Dance Bridges Festival da India

Nun ano no que celebran o décimo aniversario do seu proxecto e reforzan a súa presenza internacional

Colectivo Glovo no Dance Bridges Festival. Fotos de Arunangsho Chatterjee e Supreeta Singh PR.
Colectivo Glovo no Dance Bridges Festival. Fotos de Arunangsho Chatterjee e Supreeta Singh PR.

A compañía galega de danza e artes do movemento Colectivo Glovo viaxou neste mes de agosto a Calcuta, na India, para formar parte do Dance Bridges Festival, un encontro internacional de danza contemporánea que reúne artistas e compañías procedentes de diferentes partes do mundo. Nesta edición foron a única compañía española participante, que levou ata a India unha proposta creada en Galicia e actuou como representante da comunidade neste contexto internacional.

A súa participación incluíu a presentación de ALLEO, unha das pezas de repertorio da compañía, en dúas xornadas do festival: o 20 de agosto no Gyan Manch e o 22 de agosto no International Management Institute (IMI) de Calcuta.

Esta presenza na India acontece nun ano especialmente significativo para a compañía, que en 2026 está a celebrar o seu décimo aniversario e a desenvolver unha intensa actividade internacional. Ao longo deste ano o seu traballo viaxou e vai continuar viaxando por diferentes continentes. En febreiro estiveron en Seattle, nos Estados Unidos, onde presentaron ALLEO e ALÉN e desenvolveron, ademais, unha nova creación para unha compañía de danza de Seattle, reforzando unha liña de traballo internacional que non se limita á exhibición do seu repertorio, senón que inclúe tamén a creación e o intercambio con outras estruturas artísticas.

Posteriormente estiveron en Ecuador con ALÉN, en Italia con ALLEO. Despois do seu paso pola India en agosto, en setembro regresarán aos Estados Unidos, cunha nova parada en Nova Orleans, onde presentarán ALLEO e TRÏADE; e proximamente viaxarán tamén a Indonesia.

“Para nós, esta circulación non consiste unicamente en presentar os nosos espectáculos fóra de Galicia. Unha parte fundamental do proxecto de Colectivo Glovo é crear vínculos, xerar intercambios e establecer relacións duradeiras con artistas, compañías, festivais e estruturas culturais doutros países. Entendemos cada viaxe como unha oportunidade para compartir o traballo que facemos desde Galicia, coñecer outras realidades artísticas e abrir novas posibilidades de colaboración”, explican dende a compañía.

“Estar en Calcuta como única compañía española participante no Dance Bridges Festival ten, por iso, un significado especial. Supón poder levar a creación contemporánea galega a un contexto cultural tan diferente como o indio, compartir experiencias con artistas internacionais e continuar construíndo pontes entre Galicia e outros territorios a través da danza”, engaden.

Colectivo Glovo na India
Colectivo Glovo no Dance Bridges Festival. Fotos de Arunangsho Chatterjee e Supreeta Singh PR.

“Despois de dez anos de traxectoria, seguimos entendendo Colectivo Glovo como un proxecto profundamente vinculado a Galicia, pero cunha clara vocación internacional: crear desde Galicia para dialogar co mundo e facer que eses intercambios revertan tamén no noso territorio”, comparten, en relación coas propias liñas de acción do proxecto.

Redacción

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Sen patrón, de Pistacatro

Vilagarcía de Arousa acolle o Festaclown