in

A Mostra de Teatro no Mosteiro celebra en Bergondo a súa segunda edición

Entre o 3 e o 5 de setembro, no Mosteiro de San Salvador

'Absurdia', de Dani Blanco Cía.

A asociación cultural Catro Gatos e o Concello de Bergondo, co apoio da Deputación da Coruña, organizan a segunda edición da Mostra de Teatro no Mosteiro, que se celebrará esta semana, entre os días 3 e 5 de setembro (do xoves ao sábado). A iniciativa, que impulsa esta asociación fundada en 2016, procura “estreitar os vínculos entre o patrimonio arquitectónico e as artes vivas, así como dinamizar a través da cultura lugares singulares”.

A II Mostra de Teatro no Mosteiro de Bergondo ofrecerá tres espectáculos nesta segunda edición, que lle dá continuidade ao encontro celebrado por vez primeira en setembro de 2025. Deste xeito, o xoves 3 actuará a compañía Galeatro con Muiñada, un espectáculo destinado ao público familiar; o venres 4 chegaralle a quenda ao grupo teatral da propia Asociación Catro Gatos, que representará a obra Encrobas, nunha xornada ideada para o teatro amador; e  xa o sábado 5, pechará esta segunda edición Dani Blanco Cía, coa súa montaxe Absurdia, dirixida ao público adulto.

As funcións celebraranse ás 21.00 horas os tres días, e a entrada será gratuíta e libre até completar as 150 localidades que se habilitarán para cada espectáculo no claustro do mosteiro de San Salvador.

A asociación

A Asociación Cultural Catro Gatos naceu en 2016 vencellada ao Centro Público Integrado (CPI) de Cruz do Sar, de Bergondo, onde os intérpretes Tone Martínez e Alba Bermúdez se encargan dende aquela dos obradoiros de teatro para o alumnado. A partir desa actividade formativa, medrou o interese nas artes escénicas na comunidade educativa e constituíuse esta asociación cultural que mantén o seu propio grupo de teatro amador, con integrantes de idades que van dende os 26 aos 65 anos. A Asociación Cultural Catro Gatos, entre outras iniciativas, desenvolve cursos de teatro para todas as idades, organiza o Maratón Teatral no que se amosa a actividade anual do grupo de teatro e promove o ciclo Marusía Escénica, no que participan agrupacións amadoras dos municipios de Carballo, Cambre, Sada, Bergondo e Oleiros.

Ben de Interese Cultural

O festival terá o seu epicentro no claustro do Mosteiro de San Salvador, Ben de Interese Cultural, e un dos exemplos máis destacados da evolución do románico tanto na comarca das Mariñas coma no conxunto do territorio galego. O ano da súa fundación é incerto, aínda que se sitúa como moi tarde no século XI ao constar referencias documentais de 1138. Pertenceu á orde beneditina e tivo unha época de esplendor entre os séculos XII e XIV, acadando grande influencia na contorna betanceira.

O conxunto arquitectónico padeceu diferentes vicisitudes até chegar á actualidade, así como distintas intervencións. En 1338 sufriu un incendio, tralo que se practicou unha reforma con achegas góticas, a partir do século XVII entrou en decadencia rozando o case total abandono no século XIX e un raio destruíu en 1959 a súa fachada occidental. En 1973 foi declarado Monumento Histórico-Artístico, o que propiciou a súa recuperación.

Redacción

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

O equipo da montaxe de ButacaZero da obra de Manuel Lourenzo A velada de Londres

ButacaZero estrea ‘A velada de Londres’ no Teatro Rosalía Castro da Coruña

Foto: Cía. Kirenia Danza

A danza contemporánea galega voa