in ,

VACAburra abre o proceso de FAMILIA NIJINSKA en Escenas do Cambio

“Somos defensoras dunha arte diversa, disidente, cuir, con perspectiva de xénero, que utiliza as ferramentas que nos proporciona o transfeminismo e os artivismos”

Foto: Manuel G. Vicente.
Foto: Manuel G. Vicente.

VACAburra presenta no XI festival Escenas do Cambio, na Cidade da Cultura, o proceso de creación de Familia Nijinska. Para a xente que non vos coñeza: que é Vacaburra, como naceu e en que momento se encontra agora?

VACAburra somos Gena Baamonde e Andrea Quintana, no 2019 decidimos xuntar forzas e coñecementos para crear unha plataforma de creación contemporánea na periferia galaica. Gústanos traballar dende a hibridación de linguaxes e a mestura de disciplinas co corpo como accionador principal das nosas creacións. Despois de 6 anos traballando xuntas seguimos con ganas de deixarnos sorprender en cada proceso creativo e polos diversos camiños que se van abrindo de cada vez. Agora mesmo atopámonos en pleno caos creativo con este novo proxecto do que estamos desfrutando moito.

Foto: Rubén Vilanova.
Foto: Rubén Vilanova.

Quen é Andrea Quintana ou como se define hoxe?

Considérome unha artista variopinta que, dende a danza e as artes do movemento, se expande a outros ámbitos. Gústame viaxar entre diversas disciplinas, sempre interesada nas brechas, no imprevisible, na rebelión dos corpos escénicos e na danza como detonante de imaxinarios posibles.

Quen é Gena Baamonde ou como se define hoxe?

Acostumo a definirme como teatreira por convicción, formación e profesión, traballo dende hai unhas cantas décadas na creación escénica contemporánea polo que agora mesmo quizais tamén me defina como artista resistente, polivalente e algo irreverente.

Colectivo VACAburra.
Colectivo VACAburra.

Que é Familia Nijinska e que relación ten co aquí e agora?

Cremos que o traballo de VACAburra ten moi claro o aquí e agora, tecendo dende o  pasado, as disidencias, a memoria e a recuperación de xenealoxías como é o caso desta familia. Familia de bailaríns que nos valen de punto de partida para atravesar moitas derivas que nos ocupan e preocupan como a saúde mental, cuestións territoriais, conflitos bélicos, exilios e diásporas e o valor da danza e das familias artísticas, esas outras familias que tamén son familias. Traballamos dende un aquí e agora co ollo posto nun alí e entón, abrindo a imaxinación a outras narrativas posibles.

Foto: Manuel G. Vicente.
Foto: Manuel G. Vicente.

Como vai ser o percorrido deste proceso de creación de Familia Nijinska que abrides no festival?

Levamos case dúas semanas traballando nas primeiras achegas desta investigación, é unha primeira toma de contacto, comezar a atravesar co corpo os materiais iniciais, as pesquisas, as dúbidas. Un abrir a porta da casa e que o público vexa como traballamos, cos materiais aínda en proceso, vulnerables e crús.

Foto. Manuel G. Vicente.
Foto. Manuel G. Vicente

Que esperades da recepción en Escenas do Cambio?


Publicidade

Abrir os procesos sempre nos coloca nun lugar moi interesante para a creación, a presenza, a ollada, a respiración, o diálogo co público achega novos puntos de vista que sempre resultan moi enriquecedores.

Nos vosos traballos parece que a cuestión de xénero, a hexemonía do que eu aínda chamo “heteropatriarcado”, o “queer” e, por suposto, o feminismo, ocupan un lugar central. Para vós, que papel ten a arte respecto á política e ás cuestións sociais?

A arte que nos interesa é política e debera xogar un papel esencial na sociedade como axitadora de todas esas estruturas arcaizantes como o heteropatriarcado, pero tamén outras estruturas de poder que buscan moldear os corpos dun único xeito. Por iso somos defensoras dunha arte diversa, disidente, cuir, con perspectiva de xénero, que utiliza as ferramentas que nos proporciona o transfeminismo e os artivismos.

Unha pregunta difícil: que é a danza?

A danza tamén é política, políticas dos corpos, un modo-outro de estar no mundo. Nas nosas pezas sempre hai unha reivindicación da danza, un convite a entender o mundo dende o movemento, un mundo que é dinámico e no que non paramos de danzar aínda que moitas veces non sexamos conscientes.

 

Como vedes o presente e o futuro do voso proxecto artístico dentro do panorama galego?

Neste momento estamos moi contentas con esta residencia e coas liñas de traballo que estamos atopando, así como as sinerxías coas artistas que forman parte do proxecto. Estamos a recibir apoio de outros espazos para poder continuar o proceso de creación como é o caso da sala Ártika, onde faremos outra residencia e a estrea da peza. No futuro agardamos que esta peza teña un longo periplo xa que apela a públicos moi diversos aos que cremos que lles pode interesar tanto o contido como o formato.

Foto: Carolina Santos.
Foto: Carolina Santos.

Afonso Becerra

Afonso Becerra

Director da erregueté | Revista Galega de Teatro. Pertence ao seu Consello de Redacción desde o 2006. Doutor en Artes Escénicas pola Universitat Autònoma de Barcelona. Titulado Superior en Dirección escénica e dramaturxia polo Institut del Teatre de Barcelona. Titulado en Interpretación polo ITAE de Asturies. Dramaturgo e director de escena. Exerce a docencia en dramaturxia e escrita dramática na ESAD de Galiza desde o ano 2005. É colaborador, entre outras publicacións, de revistas de cultura e artes performativas como 'ARTEZBLAI', 'Primer Acto', 'Danza en escena', 'Tempos Novos', 'Grial'. Entre setembro de 2019 e xuño de 2021 foi colaborador especialista en artes escénicas da CRTVG, no programa 'ZIGZAG' da TVG. Desde setembro de 2022 é colaborador semanal sobre artes escénicas do 'DIARIO CULTURAL' da RADIO GALEGA.
Premio Álvaro Cunqueiro da Xunta de Galicia en 2001. Premio María Casares á Mellor Adaptación teatral en 2016. Premio de Honra do Festival de Teatro Galego, FETEGA, do Carballiño (Ourense) en 2020. Premio Internacional de Xornalismo Carlos Porto 2024, de prensa especializada, do Festival de Almada, organizado pola Câmara Municipal de Almada, do que tamén recibira unha Mención Honrosa en 2020.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

'ROLAND MON AMOUR' Imaxe: CDN_©BSP

Cristina Balboa e Roland mon amour

Alfredo Rodríguez e Olga Cameselle de A Artística, na 3ª edición de Escora Danza 2024. Foto: Carlota Mosquera.

Escora Danza, na Costa da Morte, entre o 25 de maio e o 8 de xuño