Presentas Roland Mon Amour en Escenas do Cambio, unha coprodución do Centro Dramático Nacional de Madrid e do Centro Dramático Galego. É a primeira vez que te vemos coproducida e programada en espazos institucionais públicos. A que pensas que se debe que sexa agora, logo xa de varios traballos, que saes dos espazos máis alternativos cara aos espazos públicos institucionais?
Pois non sei que dicirche ou o que teño que dicir non é bonito, nin abonda para curar esta ferida de desatención na contorna galega.
En realidade non é a primeira vez que teño un apoio institucional, tiven unha coprodución co CDG para O que segue no 2018 e déronme unha subvención de AGADIC á creación escénica con Technocracia no 2020. En 15 anos de traxectoria profesional coa miña proposta poden parecer bastante anecdóticas estas axudas tendo en conta que levo producidos 9 espectáculos.
Hai dous anos déronme unha residencia dramática para a escritura de Roland mon amour e fixen unha lectura dramatizada onde puña en xogo o dispositivo musical, grazas á cal decidiron producir a peza. Eu quixen coproducila para poder movela despois e solicitei apoio ao CDG para que financiara parte da coprodución. Pero iso só se pode dar se a xente te coñece e mostran un interese no teu proceso, e o problema en Galicia é que nunca chegan a coñecerte porque hai moi poucos espazos onde se programe o que eu fago. A verdade é que é bastante incrible estar un mes de tempada no María Guerrero cunha proposta tan persoal, na que implico todo o meu carácter creativo dende a música, a voz, o corpo e a plasticidade do espazo. Un fito na miña carreira que non fai máis que evidenciar as deficiencias galegas. Levo moitos anos producindo en Galicia teatro contemporáneo nunhas condicións moi precarias, porque a xestión cultural do teatro en Galicia adoece de moitas cousas, pero sobre todo de interese polas creadoras, non atendendo a emails nin a convites a espectáculos, senón estás avalada por unha feira ou por quen sabe. Non hai un tecido que nos sustente nin un centro de creación contemporánea no que poidamos investigar, todo é un tuteloguisastutelocomes brutal, onde hai que ter máis habilidades sociais e administrativas que artísticas, parece ser. Levo máis de 15 anos traballando no teatro profesional e só a miña primeira peza fixo un showcase na Feira Galega no 2011. Cada vez que as comisións deciden quen está na feira ou non deixan sen representación moitos traballos valiosos que nunca serán valorados para as programacións porque se establece un nesgo que, ao meu entender, non ten que ver coa calidade das propostas. O acceso ás subvencións públicas teñen uns criterios de valoración obsoletos, tendo en conta como son os procesos creativos hoxe e que xa case non hai figuras de compañía senón artistas individuais que fan malabarismos, e aínda con ese apoio distribuír estes traballos sen unha política de públicos ou de acompañamento dos mesmos fai que, incluso tendo un bolo, non teñas público e ao final nada compensa… A verdade é que a situación en Galicia é terrorífica para a creación contemporánea. Ese é o caldo de cultivo tamén que alimenta o desencanto da peza, sen todos eses lodos seguramente non tería nacido a artista galega.
Estreaches na Sala Princesa do Teatro María Guerrero o 21 de marzo e fixeches un mes de funcións até o 20 de abril. Supoño que é a primeira vez tamén que tes a oportunidade de facer funcións seguidas. Como foi esa experiencia, muda algo no artístico, na peza?
Si, é a primeira vez que paso dos tres bolos seguidos e síntome unha privilexiada nese aspecto, pois deume o tempo para afinar o traballo e valorar o meu aguante. Tomei cada bolo como unha oportunidade para mellorar o dispositivo, xa que en anteriores ocasións as miñas pezas nacían medio mortas, pois a ausencia de bolos facía que se quedaran a medio camiño do que poderían ter sido.

Puidemos ler críticas moi positivas e algunhas non tanto: “Crítica de la obra de teatro ‘Roland mon amour’: usos y costumbres de una artista gallega” de José Miguel Vila en diariocritico.com; “Roland mon amour: Cris Balboa y el arte de perderse en el caos” de Vicente Sánchez en nuevatribuna.es; “Cris Balboa ocupa la Sala de la Princesa…” de Ángel Esteban Monje en Kritilo.com; “Roland mon amour” de Ismael Lomana en enplatea.com; “Roland mon amour: Música y deseo” de Néstor Barbosa en cinemagavia.es; e quizais outras que non encontramos. Cal é a túa opinión respecto a esa recepción da crítica?
Hai xente que fai crítica, outras persoas comentarios máis ou menos poéticos e outras utilizan o teu espectáculo como escusa para lanzar as súas sentenzas do que pode ser ou non teatro ou para soltar un arma “arrojadiza” contra a institución.
En xeral, sentín unha boa acollida. Tendo en conta que a miña peza é moi disruptiva nun espazo como o María Guerrero, onde, a priori, non ten un público afeito a este tipo de cousas, sentir a conexión co público como a sentín non é gratuíta.
Sobre as críticas negativas, entendo que a miña proposta non ten que gustar a todo o mundo e que pode non conectar coa xente que ten unha idea máis pechada do que é ou non é teatro. De tódolos xeitos cando algo é moi demoledor hai que preguntarse por que e a que obxectivos serve, sobre todo cando non poñen en valor nada da túa proposta. Eu fago o que podo co que teño, pero sempre cunha vontade de conexión co público dende a intuición e o goce e hai máis persoas que, coma min, desfrutan este tipo de traballos.
Logo de todo o percorrido que levas, como definirías o Roland mon amour que imos ver no Salón Teatro en Escenas do Cambio?
Roland mon amour é a evolución de moitos anos de busca na miña traxectoria persoal nas artes vivas. Mestura as miñas actuais obsesións creativas: palabra, música, plasticidade e movemento. Este traballo vai do meu amor á música, ao desexo e á festa, pero sobre todo vai da miña busca da resiliencia nun camiño creativo cheo de frustracións e dúbidas, pero cunha intuitiva aposta pola conexión a través do sonoro, intentando fuxir de certa teatralidade en favor do estar presente, conectada co que fago, co que nos trastorna e empuxa, transcendendo o textual e a acción dramática.
Cal é ou como é a relación da túa escrita, do texto, co espectáculo?
Neste proxecto a escrita mudou dende o primeiro xerme que fixen para o festival USCénica no 2022 ata a concesión da Residencia Dramática do Centro Dramático Nacional. O apoio da residencia foi clave para desenvolver este texto que, a diferenza das miñas anteriores montaxes, é preexistente á produción. De feito o texto da posta en escena muda bastante do que está publicado, pois tivo que poñerse o servizo da acción. O que eu fago en escena e moi poliédrico, mesturo materiais e, por suposto, entendo que a palabra é a columna vertebradora das miñas propostas, pero a miña intención é que os outros materiais se posicionen no mesmo nivel, dotando dunha semántica diferente as evocacións do texto pola potencia da propia mestura.
Cales son os teus referentes principais e por que?
Os meus referentes no escénico son artistas de artes vivas que admiro e coas que me atopei no meu camiño como a Alberto Cortés e artistas que coñecín grazas ás residencias Paraíso como Adriana Reyes, Laila Tafur, Federico Strate, Pablo Esbert, Rebeca Carrera; as miñas compañeiras e mestres do Máster de Práctica Escénica en Madrid como Magdalena Leite, Anibal Conde, Manuel Parra, Leonor Leal, Los Torreznos… Creadoras galegas como o Colectivo Vacaburra, Janet Novás ou Diego Anido. Compañeiras que, ademais dos seus proxectos artísticos, dedican o seu tempo a zafar, en parte, a precariedade da creación en Galicia con proxectos como o Colectivo RPM, De corpos Presentes ou a Casa Vella. E cando comecei, Estela Lloves, Matarile e Chévere foron tamén un revulsivo para min.
Estás metida xa nalgún proxecto artístico novo? Como ves o futuro?
Acabo de estrear dúas pezas, Sinte no Festival Meet You de Valladolid, que quedou un pouco velada pola repercusión de estrear o mesmo mes co Dramático Roland mon amour. Estes dous proxectos son irmáns, porque nos dous indago na miña relación co facer musical cun sintetizador, pero escenicamente son bastante diferentes na posta en escena e
na mestura dos materiais. Quero que estes dous proxectos teñan o seu percorrido mentres me veñen as ganas dun novo proxecto.
Hai algo que debamos saber de Cristina Balboa que aínda non saibamos?
Como artista que traballa co autobiográfico prefiro non fusilar tódolos meus segredos antes de que ocupen o centro nalgunha das miñas producións. Os misterios serán revelados no seu momento. Grazas pola entrevista e que vivan as artes vivas!