in

As formas do amor

A escusa perfecta para poñer a atención noutro sitio

As formas do amor 3
'As formas do amor', de Verdeveras Expresións Artísticas en coprodución co CDG.

O pasado 8 de novembro asistín por primeira vez ao novo auditorio de Ribeira, inaugurado no mes de xullo do 2024. Un espazo que ten o dobre de capacidade que o anterior, sendo este de 500 butacas; e o cal acolleu, na súa xira, o espectáculo As formas do amor, a última peza da compañía compostelá Verdeveras Expresións Artísticas, conformada por María Ángeles Iglesias e Tato López, en coprodución co Centro Dramático Galego, e que tivo a súa estrea o 2 de novembro na cidade de Vigo, dentro do programa Vigocultura.

As formas do amor dunha parella, ou máis ben antiga parella; unha parella como calquera outra: feliz, namorada. Unha parella que xa non o é; El e Ela repasan a súa relación, preguntándose e analizando, nunha prolongada introdución, como chegaron até alí. María Ángeles Iglesias e Sergio Zearreta interpretan esta parella cotiá dos nosos tempos. Mediante analepse, asistimos á historia de amor dos dous protagonistas: como e onde se coñeceron, de que maneira conectaron e comezaron a saír xuntos, como foi a convivencia,  como xurdiu o conflito e como rematou.

O conflito tarda en chegar. Preséntase un obstáculo para a parella, un antes e un despois que os leva aos dous por diferentes camiños. Falamos da maternidade. Cada vez somos máis as mulleres que poñemos en pausa a nosa maternidade polo ben da nosa vida laboral, ou polo ben doutros intereses. Por primeira vez temos a oportunidade de elixir que queremos. Porque a maternidade non nos define: ben porque non podemos, ben porque non queremos, ou ben porque non temos instinto maternal.

A peza fala da incomodidade, da toxicidade nunha relación e do que significa tamén deixar atrás a persoa que amamos. Así mesmo, esta é outra forma de amar, ben sexa por un conflito irremediábel, ben sexa porque a relación non funciona. Cando rematamos algo, adoitamos preguntarnos sobre como comezou todo e como chegaron ate o conflito final.  Quen esixe máis? Quen cede? Quen se acomoda?


Publicidade

Nesta historia posmoderna, cambiamos (xa era hora) as tornas.  Así pois afastámonos da muller  que ansía ser nai por encima de todo para sentirse realizada e atopámonos unha muller cotiá, que non ten instinto maternal. Vemos unha red flag, unha liña vermella que Ela, malia as insistencias de El,  non está disposta a cruzar. A peza suxire un punto de inflexión, que nos leva á reflexión sobre os desexos de ser nai. Mais formula tamén a cuestión e os desexos de ser pai.

O texto é orixinal da propia Iglesias, mentres que a dirección recae en Gena Baamonde.  Acompaña a escena o espazo sonoro, do que se encarga Tato López e serve de nexo dos propios protagonistas; pois observamos a súa relación mediante os seus gustos musicais en común.

Pola súa banda o espazo escénico, que corre a cargo do Centro Dramático Galego, mostra un salón que semella estar pouco habitado, máis que amosa un lixeiro cambio a medida que a peza avanza. A peza vai amosar un final circular, onde todo volve estar igual o comezo da peza. A calma chega logo da tormenta, preparada, quizais, para outra nova, ou non.

As formas do amor, Verdeveras Expresións Artísticas e Centro Dramático Galego

Texto orixinal: María Ángeles Iglesias

Dirección: Gena Baamonde

En escena: Sergio Zearreta e María Ángeles Iglesias

Iluminación e espazo escénico: Octavio Mas

Espazo sonoro e música orixinal: Tato López

Servizo técnico: RTA

Construción escenografía: persoal Centro Dramático Galego

Auditorio Municipal de Ribeira. 8 de novembro de 2024.

Sara Santamaría

Sara Santamaría

Actriz, creadora e filóloga de inglés. Formada en Espazo Aberto (Santiago de Compostela) e en Central de Cine (Madrid) ten experiencia no eido audiovisual en series como Amar es para siempre , Augasquentes; e o spot publicitario de Gadis (2021). No eido teatral participou na obra Antigona de El Desván producciones, e conta cunha peza de creación propia, El valle de la silicona, á vez que está a traballar na dramaturxia do seu próximo proxecto. Na actualidade está a finalizar os seus estudos de interpretación textual na ESAD de Galicia.

"Escribo para expresarme, para comunicar e deixar pegada; así comezo a colaborar coa revista 'erregueté'".

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

O único que verdadeiramente quixen toda a vida é ser delgada. Imaxe de Ana Barceló.

O único que verdadeiramente quixen toda a vida é ser delgada