A Sala Ártika de Vigo acolle hoxe e mañá ás 20.00 horas as funcións de estrea da peza O último home, o novo espectáculo de Ainé Producións con Manuel Cortés. Trátase dunha obra que mestura a poesía, o teatro e a música e que sitúa o público na extinción da humanidade. “Unha soa persoa queda para facer balance do que fixemos —ou non fixemos— e como tendo todo a favor para gozar da nosa existencia no mundo, conseguimos levalo ao colapso. A pesar desta temática, o espectáculo fálanos desde a comedia e desde a poesía, armas útiles para sobrelevar as grandes catástrofes e, nesta obra, estamos diante da maior catástrofe posible”, recolle a sinopse da peza.
Esta proposta de Ainé conta coa dirección de Borja Fernández, textos orixinais e dramaturxia de Manuel Cortés, espazo sonoro de Russ, espazo escénico de Carlos Alonso, deseño de iluminación de Laura Iturralde, vestiario de Elena Cortés e audiovisuais de Samuel Cortés. En escena, Manuel Cortés e Russ interpretan os textos e a música en directo.
O proxecto conta coa axuda da Agadic a través do seu programa de Subvencións á Creación Escénica para a súa produción, e, logo da súa estrea en Vigo, O último home sairá de xira por Galicia nos próximos meses.
- O festival de danza e artes do movemento Abanea celebra a súa quinta edición - 09/07/2026
- Sete persoas e entidades foron distinguidas nos IV Recoñecementos de Escena Galega das Artes Escénicas - 07/07/2026
- Moaña acolle a primeira edición do Festival Internacional das Culturas Mar da Illa de Samertolameu - 03/07/2026



