in ,

Ibuprofeno Teatro estrea ‘Bio Construción’

En Ames, cunha función hoxe e outra mañá

Bio Construción, de Ibuprofeno Teatro
'Bio Construción', de Ibuprofeno Teatro. Foto de Diego Seixo.

A Casa da Cultura do Milladoiro, en Ames, acolle esta fin de semana a estrea da nova produción de Ibuprofeno Teatro, Bio Construción. Trátase dun texto de Santiago Cortegoso para un actor, unha actriz e unha violonchelista no que a compañía quere seguir explorando o teatro absurdo. As funcións serán hoxe, venres 27, e mañá, sábado 28 de febreiro, ás 20:30 horas.

A proposta preséntase como un proxecto cunha “forte carga plástica que mestura a realidade e a ensoñación, a acción e a poesía”. Marián Bañobre e Santiago Cortegoso dirixen e interpretan esta peza que emprega a metáfora para falar da existencia na sociedade capitalista contemporánea. Acompáñaos en escena a violonchelista Macarena Montesinos, autora do espazo sonoro da montaxe.

A obra, a través dun humor absurdo, presenta “dous personaxes inocentes e loitadores, un pouco heroes e un pouco fracasados que viven nun fráxil equilibrio entre a procura da felicidade e a frustración”. Esta parella “decide deixar o teatro, traballo ao que se dedicaran ata ese momento, para marchar a un lugar remoto e emprender o seu proxecto máis ambicioso: construír unha casa coas súas propias mans, e así transcorren trinta anos”.

Completan o equipo Marcos PTT na asistencia de dirección, Gloria Punzano como auxiliar de dirección, a través dun convenio asinado coa ESAD de Galicia, Jose Perozo no deseño e realización do espazo escénico, Laura Vidales no deseño de vestiario, Carlos Álvarez-Ossorio no deseño de iluminación, Armando Martén no movemento escénico e Baia Fernández na caracterización.

Na obra a transformación do espazo, do escultor e escenógrafo Jose Perozo, é un elemento clave. A través del viáxase “dende un espazo baleiro ata outro recargado, froito da acción dos personaxes ao longo do tempo”. A música, de Macarena Montesinos, apoia tamén esta idea como un elemento vivo que se transforma en cada escena. O espazo sonoro, segundo explican dende a compañía,  “non é unha narrativa pechada, pola contra pretende abrir un diálogo co público a través de distintas capas, repeticións e silencios que conviden á reflexión”.

Xa que logo, Ibuprofeno Teatro explora a plasticidade a través dun traballo de creación próximo á artesanía na elaboración do espazo escénico e do vestiario, para o que Jose Perozo e Laura Vidales xogaronn coa hibridación de materiais e texturas. En canto ao traballo actoral a proposta aproxímase ao clown e á relación cos obxectos, a través da mirada de Marcos PTT, asistente de dirección. A caracterización de Baia Fernández, o traballo corporal de Armando Martén e o deseño de Iluminacion de Carlos Álvarez-Ossorio apoian a idea de paso do tempo que atravesa toda a proposta.

A montaxe conta coa colaboración da Xunta de Galicia a través das Axudas á Creación da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e co apoio do Concello de Ames e do Concello de Catoira, que acolleron a compañía a través de residencias técnicas. Despois a peza poderá verse noutros espazos, como Cangas, Soutomaior, Vigo ou Lugo.

Bio Construción é o duodécimo espectáculo de Ibuprofeno Teatro, compañía fundada por Marián Bañobre e Santiago Cortegoso no 2010 “para explorar a través das artes escénicas os temas que afectan ao ser humano contemporáneo a través do humor e do absurdo”.

Redacción

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

É difícil fotografar o baleiro foto de Rocío Cibes

A 13ª edición de Galicia Escena Pro ten aberta a súa convocatoria de inscrición