O Festival Atlántica, o festival Sete Falares e NOGA (Asociación de Narradoras e Narradores Orais de Galicia) convidan a celebrar mañá, 20 de marzo, o Día Internacional da Narración Oral. Para iso, organizaron unha xornada cunha programación especial para que Galicia se sume a esta celebración mundial, reivindicando a narración oral como “unha arte escénica viva, contemporánea e profesional”. O obxectivo é seguir visibilizando “un sector consolidado” e “reforzar o seu recoñecemento cultural”.
A celebración do 20 de marzo busca poñer tamén o foco “na necesidade de profesionalizar o sector da narración oral, promovendo programacións estables e diversas que non se limiten ao público infantil, senón que inclúan tamén espectáculos para público adulto, recoñecendo así a amplitude e riqueza desta disciplina artística”.
Así mesmo, quere ser “unha oportunidade para reivindicar a lingua galega como lingua de creación, transmisión e encontro, reforzando o seu uso vivo a través das historias compartidas”.
Co gallo desta celebración, estase a desenvolver unha ampla programación de funcións en distintos puntos de Galicia, nas que narradoras e narradores galegos están a levar os contos a bibliotecas, teatros, centros culturais e espazos comunitarios, enchendo Galicia de historias.
Programación completa
17 DE MARZO
- 09.45 h | Paco Nogueiras. Contos grandes e pequenos. Salón do Libro de Pontevedra (público escolar)
- 11.30 h | Paco Nogueiras. Contos grandes e pequenos. Salón do Libro de Pontevedra (público escolar)
- 12.00 h | Pablísimo. Cabicivai. CEIP Francisco López Estrada, O Barqueiro (alumnado de infantil e primaria)
- 17.00 h e 18.30 | Ángeles Goás. Carapuchiña e os 5 lobiños. Espazo Ágora. A Coruña
- 18.00 h | Raquel Queizás Cinema Melodía. Salón do Libro de Pontevedra (familias) ESTREA
18 DE MARZO
- 18.00 h | Brais das Hortas e Marta Ortiz. Barquiño de pau. Xardín Agra de Caldas, Carballo
- 18.00 h | Raquel Queizás A viaxe de Nano. Biblioteca Pública Municipal Santa Cruz, Oleiros
19 DE MARZO
- 12.00 h | Atenea García. Corochas. Salón do Libro de Pontevedra (0-3 anos)
- 17.00 h | Atenea García. Corochas. Salón do Libro de Pontevedra (0-3 anos)
- 18.00 h | Paco Nogueiras. C@nto contigo. Salón do Libro de Pontevedra (público infantil e familiar)
- 18.30 h | Atenea García. Corochas. Salón do Libro de Pontevedra (0-3 anos)
- 20.30 h | Dani Blanco. Enterros, tabernas e contubernios. Centro Social A Alvariça, Allariz (público adulto) ESTREA
20 DE MARZO – DÍA MUNDIAL DA NARRACIÓN ORAL
- 17.15 h | Sole Felloza. Cabaliño Hop. Salón do Libro de Pontevedra (0-3 anos)
- 18.00 h | Cris de Caldas. A revolución estrafalaria. Salón do Libro de Pontevedra
- 18.00 h | Raquel Queizás. Nanovo. Biblioteca de Coristanco
- 18.00 h | Marta Ortiz. Tralará. Biblioteca de Arzúa
- 18.30 h | Pavis Pavós. Escola de lectura para familias curiosas. Obradoiro para adultos. Salón do Libro de Pontevedra
- 18.30 h | Sole Felloza. Cabaliño Hop. Salón do Libro de Pontevedra (0-3 anos)
- 19.30 h | Dani Blanco. Enterros, tabernas e contubernios. Biblioteca Pública Municipal Neira Vilas, Vigo
- 20.30 h | Ángeles Goás. Contos da Torre, do Foco e da Lamagrande. Biblioteca de Caldas de Reis.
- 21.00 h | Vero Rilo. Lavandeiras. Centro Social Abanqueiro, Boiro (público adulto, +14)
- 21.00 h | María da Pontragha. Donas do lugar. Centro Social A Pedreira, Pontevedra
21 DE MARZO
- 17.00 h | Paula Carballeira. Camiños de mar, terra e vento. Casa-Museo Manuel María, Lugo
- 18.00 h | Raquel Queizás. A viaxe de Nano. Biblioteca Pública Municipal de Nigrán
- 18.00 h | Ángeles Goás. Gala Brión por Palestina. Salón de Actos-Centro Social Polivalente de Brión
- 19.00 h | Vero Rilo e Atenea García. Bailen as vellas. Os contos das cereixas. Casa da Cultura, San Sadurniño (público adulto, +14)
22 DE MARZO
- 18.00 h | Atenea García. Estrafalaria. Festival Singular, Narón
23 DE MARZO
- 12.00 h | Dani Blanco. Contos de revolución: de Neira Vilas a Brassens. IES Meaño
24 DE MARZO
- 10.00 h | Sole Felloza. Era unha vez. Ceip Plurilingüe do Xurés (Lobios)
- 12.30 h | Vero Rilo. Elas. Museo Interactivo da Historia de Lugo (público familiar, +3)
- 17.00 h | Pablo Díaz. Cantacontos para bebés. Centro Ágora, A Coruña
- 18.30 h | Pablo Díaz. Cantacontos para bebés. Centro Ágora, A Coruña
- 19.00 h | Encontro Comunitario de Oralidade na Biblioteca de Barro. Un espazo para escoitar e narrar historias. (Inscrición: a través do número de teléfono 690 722 812).
25 DE MARZO
- 8.30 h | Sole Felloza. Era unha vez. IES Carral (Carral)
26 DE MARZO
- 10.00 h | Sole Felloza. Era unha vez. Ceip Manuel Respino (A Rúa de Valdeorras)
- 17.30 h | Pablo Díaz. Contos con tradición. Biblioteca de Lorbé, Oleiros
27 DE MARZO
- 8.30 h | Sole Felloza. Era unha vez. IES Carral (Carral)
- 18.30 h | Pavis Pavós. A hora do conto. Biblioteca Pública Municipal Luís Seoane, Soutomaior
O pregón
Nesta edición, o Festival Atlántica, o festival Sete Falares e NOGA encargáronlle a elaboración dun pregón propio para a xornada á investigadora e académica Camiño Noia, “unha figura clave na cultura galega”, cunha traxectoria da que as entidades organizadoras destacan o seguinte: “fundadora de Xerais, autora da antoloxía Palabra de muller, entre moitas obras, antropóloga e piar fundamental na investigación da oralidade en Galicia. Ao longo da súa traxectoria desenvolveu un traballo pioneiro na recollida, análise e clasificación da narrativa oral galega, creando un amplo catálogo que sitúa os contos tradicionais galegos en diálogo coas tradicións europeas e universais”.
No seu pregón, escrito a xeito de manifesto, Camiño Noia reivindica a forza da palabra viva fronte á “letra morta”, lembrando a emoción única de escoitar un conto na voz dunha persoa”. Destaca nel tamén ” papel da narración oral como forma de comunicación esencial que constrúe comunidade, fronte ás dinámicas das redes dixitais que, moitas veces, afastan ás persoas do encontro directo.
A autora subliña, así mesmo, a importancia da transmisión oral na infancia e na educación, así como o valor insubstituíble da presenza: “A voz presencial é a mellor pantalla na que nenos e nenas escoiten os contos”, sinala.
Nun contexto no que a tecnoloxía multiplica os contidos, Noia expresa, ademais, que ningunha máquina pode substituír a emoción da voz que conta, e reivindica o papel das persoas que narran como transmisoras de cultura, memoria e afectos.
O Día Mundial da Narración Oral pode converterse así nunha chamada colectiva a “escoitar, contar e compartir”, e tamén nun convite, segundo sinala Camiño Noia no seu pregón, a “darlle voz a este país que moitos pensan pequeno, mais que é moi grande en historias”.



