Este volume recolle as actas do Encontro celebrado en Santiago de Compostela o 28 e 29 de maio de 1999, organizado polo Consello da Cultura Galega, Comisión Técnica de Teatro, Sección de Música e Artes Escénicas.
Este encontro tentaba reflexionar sobre a necesidade de promover a creación de estruturas teatrais de titularidade pública, desde as que os creadores escénicos poidan establecer un diálogo máis permanente e frutífero cos seus públicos, entendendo sempre que a cultura é un servizo público tal e como se manifesta no artigo 44 de Constitución Española de 1978: Os poderes públicos promoverán e tutelarán o aceso á cultura, á que todos teñen dereito.
As “compañías residentes” foron un dos temas máis recorrentes nas cinco edicións dos encontros de teatro entre Galicia e o Norte de Portugal ( Teatragal de 1996,1997 e 1998) mais que aínda hoxe é, sen dúbida, unha cuestión pendente dentro dun programa de política cultural deseñado con rigor e futuro.
Non se trataba de substituír o que xa existía. Máis ben complementar e tamén mellorar as outras liñas existentes: a itinerancia, os Circuítos, as Compañias Independentes ou as Salas Alternativas. A “residencia” non sería máis que un dos eixes sobre os que construír un verdadeiro sistema teatral.
Salientábase con claridade que o seu obxectivo era promover a creación de novos espazos e tempos para a creación, a exhibición e a recepción. Un proxecto que polo demais debería ser plural como plural é a sociedade á que vai dirixido.
Enumeramos de seguido os títulos e os autores das comunicacións presentadas:
-Territorios do(s) teatro(s) e teatro(s)para os territorios. Algunhas reflexións arredor das políticas culturais, as políticas teatrais, o tecido teatral e as compañías residentes. Manuel F. Vieites.
-Companhias residentes e exercício de cidadanía. José Martíns.
-Consideracións básicas sobre as compañías residentes.Eduardo Alonso.
– Itinerancia e estabilidade. A regularización do tecido teatral. Cándido Pazó.
-O remate dun ciclo. Xulio Lago.
-Unha noite no muiño. Gustavo Pernas Cores.
– O financiamento das Compañías Residentes. Francisco Javier Sanjiao Otero.
– Residencia teatral e estatuto profesional. Eduardo Alonso.
– Residencia teatral. Un esbozo para Pontevedra. Xosé Manuel Pazos Varela.
Velaquí un sumario rico en propostas teóricas e prácticas que incita a súa lectura e debate.
De entre todas elas escollemos e dámoslle rolda a dúas voces ausentes: Gustavo Pernas e Xosé Manuel Pazos.
Gustavo, logo de afirmar que o teatro itinerante que se practica en Galicia é un camiño sen saída, un exercicio de histérica supervivencia, enumera até 16 síntomas desa lenta agonía: a escaseza de infraestruturas nas pequena vilas, a falta de compromiso real dos partidos políticos coa cultura, a falla de empatía entre as diferentes artes e artistas de Galicia, o excesivo número de compañías, uns presupostos cativos, a falla dunha política cultural e teatral clara e coordinada entre as distintas institucións públicas, etc, etc. E sen embargo a pesar deste panorama algo se move, hai públicos diversos para variadas tendencias, autores con ideas anovadoras e directores e actores e técnicos que máis por paixón que por compensación se dedican a este oficio. Aínda hai saídas para a resistencia, escribe, Unha resistencia que pasa pola mellora de condicións para unha itinerancia necesaria pero que non deber ser traumática, e unha resistencia que albisca un horizonte máis amplo no que hoxe está en boca de todos, unha posible estabilidade na “residencia teatral”.
No entanto, considera que son moitos os modelos de residencia que existen e ademais que o concepto de compañía residente e suficientemente ambiguo e pode levantar suspicacias.
Ao cabo, valora e enumera como efectos beneficiosos o seu estabelecemento desde o punto de vista da produción, da creación, da exhibición e da formación.
Trátase de proxectos, conclúe, para a cidadanía, e o público das cidades é diverso. A compañía residente con fondos públicos debe saber aglutinar diferentes tendencias artísticas e será máis rica, por tanto, na medida en que saiba conxugar a creatividade de varias compañías nun proxecto artístico común. Trátase de sumar, non de restar. Trátase de facer compatibles e alternas estéticas diferentes non de impoñer unha soa alternativa. Trátase, en definitiva, de residir no sentido de convivir entre nós e co público da cidade e non de ser residentes privilexiados, ni, no peor dos casos, vellos itinerantes cansos, que no final da súa andaina se converten en asilados.
Tamén Xosé Manuel Pazos, con outros matices, defendía a creación dunha serie de compañías residentes nas principais cidades ou mesmo en importantes cabeceiras de comarcas do país. Estas compañías serían as encargadas de xestionar un teatro de titularidade pública durante todo o ano e ofrecerían espectáculos propios con continuidade na carteleira e outros servizos como campañas de animación e captación de públicos, formación, colaboración con institucións educativas, intercambios con outras compañías, organización de eventos teatrais, etc. O seu obxectivo sería, xa que logo, que o teatro constituíse unha oferta cultural regular, inserida na vida cotiá e, por conseguinte, unha referencia máis da cidade para a cidadanía.
Pazos, home cunha longa experiencia na política municipal, consideraba que coa creación de compañías residentes habería un mellor aproveitamento dos recursos públicos pois a cultura, a arte dramática neste caso, chegaría a un maior número de persoas.
Na segunda parte do seu traballo, esbozaba un proxecto concreto de residencia no Teatro Principal de Pontevedra pois segundo a súa opinión, esta sería a cidade ideal para un proxecto pioneiro.
Vexamos algunhas das razóns que esgrimía:
Porque é unha cidade media no país, e polo tanto a incidencia dunha compañía teatral residente no tecido social sería moito máis doada ca nunha cidade máis grande; porque o Teatro Principal, edificio emblemático situado no corazón da cidade, conta coa infraestrutura técnica necesaria para desenvolver dignamente a actividade teatral; porque falar de Pontevedra é falar dunha cidade de arredor de setenta e cinco mil habitantes cunha área dependente dende Caldas a Soutomaior, dende Marín a Pontecaldelas de moitos miles máis; pero tamén con tres comarcas próximas da importancia do Salnés, A Arousa e O Morrazo para as que a capital se pode e se debe converter en foco de atracción teatral. Evidentemente, a partir dun intenso traballo de dinamización e captación de públicos por parte da compañía, con convenios e/ou ofertas a centros educativos, asociacións cívicas, empresas, etc.
E remataba a súa suxestión indicando que en Pontevedra están instalados centros de estudios como a Facultade de Belas Artes, o Conservatorio de Música, a Escola de Idiomas, a Escola de Formación do Profesorado e outros centros de estudo cos que unha compañía residente pode e debe establecer convenios de colaboración para a realización de escenografías, tradución, elaboración de material didáctico, composición e/ou execución musical, formación, realización audiovisual etc, conseguindo así unha implicación de diferentes entidades no proxecto teatral e servindo de elemento aglutinador da creación artística alén do estritamente teatral.
Pasaron máis de vinte anos despois destes Encontros e malia o tempo transcorrido, alguén pensa que non paga a pena procurar a creación de compañías residentes en espazos públicos?
O reto está pendente. Neste volume que recolle os Encontros hai ideas para que algún colectivo teatral elabore un proxecto de compañía residente que logre convencer aos políticos e xestores dos orzamentos públicos, como, e quizais de forma máis importante, polo convencemento ós cidadáns en xeral da necesidade da súa existencia.