in ,

‘Casting Lear’ gaña o Premio do Público do FIOT de Carballo

O recoñecemento ao mellor espectáculo no Metro Cadrado foi para ‘Respira’, de Sempre Arriba, e a mellor interpretación para Laura Villaverde

Casting Lear © Vanessa Rabade
'Casting Lear'. Foto de Vanessa Rábade.

O Festival Internacional de Outono de Teatro, FIOT, de Carballo vén de dar a coñecer que Casting Lear, de Andrea Jiménez, Barco Pirata e Teatro de la Abadía, foi o espectáculo máis valorado polo público na  súa 33ª edición, que rematou o pasado 31 de outubro e que contou con preto de 12.000 asistentes ao longo das súas 56 funcións e nas máis de 20 actividades organizadas arredor das artes escénicas, cunha porcentaxe de ocupación da sala dun 93,3 %. Casting Lear obtivo unha puntuación de 4,85 sobre 5, a moi curta distancia de IRIBARNE, de ButacaZero, que obtivo a segunda posición, cunha puntuación de 4,81 sobre 5.

O festival desvelou tamén que o Programa de Sala acadou unha puntuación de 4,33 sobre 5, mentres que a nota media da programación global do FIOT foi dun 4,27, cun total de 2.162 votantes rexistrados, e que Respira, da Compañía Sempre Arriba, recibiu o recoñecemento como mellor espectáculo no Certame Micro-escenas M2, cunha puntuación de 4,79 sobre 5, mentres que Laura Villaverde, de Artesa Cía., foi galardoada co premio á mellor interpretación do certame polo espectáculo Panos de vinaghre, cunha puntuación de 4,58 sobre 5.

Outras liñas de programación tiveron tamén moi boa acollida, como o OTNI (Obxecto Teatral Non Identificado), que encheu todas as representacións. O FIOT destacou tamén a constatación do interese do público polas propostas máis contemporáneas e arriscadas.

Un ano máis, a Asociación Telón e Aparte, organizadora do FIOT, aproveitou a comunicación pública da valoración do público da pasada edición para transmitir o seu agradecemento: “A todos os públicos polo apoio incondicional, o cariño e a ilusión recibidos; aos artistas e compañías que participan no festival, porque nos transmiten a súa satisfacción por formar parte dun programa de prestixio, que perciben como diferenciador pola calidade e o mimo con que en Carballo se tratan todas as súas facetas; ás institucións, polo seu respecto a un proxecto ambicioso, rigoroso e honesto co ecosistema cultural; aos voluntarios e numerosos colaboradores, base na que nos sustentamos e dos que sentimos unha entrega única, e que son os mellores embaixadores do FIOT; e aos espectadores, que nos apoian día a día, función a función e actividade a actividade, porque participan, opinan, animan, critican e, sobre todo, viven con nós a ilusión polo FIOT”.

Sobre ‘Casting Lear’

Esta versión-simulacro é unha autoficción a partir dun clásico (ou un clásico autoficcionado) que investiga os cruces entre ficción e realidade para reflexionar sobre a paternidade, o amor e o perdón, nun brillante exercicio teatral tan valente como lúdico. Unha porta aberta para pensar sobre como nos relacionamos cos nosos pais, tanto os biolóxicos como os metafóricos, mesmo o propio Shakespeare, abordando a influencia do pasado e como os que nos preceden nos constrúen.


Publicidade

Na adaptación contemporánea de Andrea Jiménez do Rei Lear de Shakespeare, “teatro e performance mestúranse con humor e tenrura nunha proposta irreverente e innovadora, emocionante e intensa que abre un espazo de encontro con toda unha xeración de actores e homes, permitindo unha profunda reflexión sobre as relacións humanas e os roles paternos”.

En Casting Lear o actor protagonista na pel do Rei Lear é unha incógnita, xa que cambia en cada unha das representacións do espectáculo, polo que o nome do intérprete, que non coñece o texto ata unhas horas antes do inicio da función, foi unha sorpresa para o público que a que acudiu ao FIOT a ver a obra, feito que supón toda unha experiencia escénica e que converteu á peza nunha das revelacións da temporada en España.

En Carballo, Lear foi interpretado “polo queridísimo” Quico Cadaval, como subliñou o FIOT, fito que provocou unha máxica conexión co público e converteu este espectáculo contemporáneo e experimental no éxito indiscutible do Programa de Sala, cun entusiasta patio de butacas que rompeu en aplausos e se alzou en pé en bloque nada máis rematar a función. A súa creadora, Andrea Jiménez, segundo sinalou tamén o FIOT, “é un valor en alza da creación escénica actual, directora de obras para importantes institucións teatrais e galardoada con premios como o Ojo Crítico de Teatro no 2019 pola compañía Teatro en Vilo, da que é fundadora”.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Imaxe de ensaio da ópera galega 'Pálido punto azul'. Foto: José Díaz.

Estrea absoluta da ópera galega ‘Pálido punto azul’ de Javier Otero Neira

AveLina Carlos Andrea collage erregueté

AveLina Pérez, Carlos Labraña e Andrea Cid Freire gañan os premios de literatura dramática da Agadic