Amigos da Ópera da Coruña programa a estrea absoluta de Pálido punto azul o martes, 12 de novembro, no Teatro Rosalía de Castro (19 horas).
Con música de Javier Otero Neira e libreto, dirección escénica, escenografía e vestiario de Iria Azevedo e produción de José Díaz, a obra en galego trata a evolución do ser humano nun mundo en constante mudanza.
Segundo o propio compositor e a libretista Iria Azevedo esta é “unha viaxe que percorre o Ser, o Estar e o Parecer en busca de “instrucións” para saber diferencialos”.
Unha produción novidosa que contará coa presenza do compositor Javier Otero Neira no escenario, encargado do piano, a programación e a electrónica. Xunto a el estará a soprano Esperanza Mara no papel de Fatma e Nerea Brey será a performer que se converta en Sombra, co asesoramento de movemento escénico da coreógrafa Rut Balbís, coa iluminación deseñada por José Faro “Coti” e os visuais de José Díaz. Entre os tres contarán a historia de persoas que buscan a súa identidade nun tempo cambiante e polarizado.
O título lembra o do libro de Carl Sagan, no que se mestura filosofía e ciencia para obter unha perspectiva sobre o lugar que ocupa a especie humana no universo. Un título, o da obra de Sagan: Un punto azul pálido: Unha visión do futuro humano no espazo (1994), inspirado nunha fotografía do planeta Terra tirada pola sonda Voyager 1 en 1990 desde uns 6.000 millóns de quilómetros.
Pálido Punto Azul nace da necesidade de enfrontarse a diferentes expresións artísticas para chegar ao público. Unha fiestra aberta a outras formas de pensar, imaxinar, facer e crer. Trátase dunha obra colectiva, froito dun proceso artístico enriquecedor.
O punto de partida é o equipo formado por artistas complementarios de diferentes disciplinas (música, teatro, audiovisual e plástica).
A ÓPERA
Pálido punto azul é unha ópera contemporánea que toma como punto de partida a famosa fotografía realizada pola sonda Voyager 1 en 1990 a unha distancia de 6.000 millóns de quilómetros. Unha solicitude de Carl Sagan e a última imaxe antes de apagar as cámaras definitivamente.
É un punto de partida para mostrar a insignificancia e fraxilidade da Terra como un pequeno punto azul na inmensidade do espazo.
Unha representación do lugar que a humanidade ocupa no universo a través de diferentes dimensións artísticas (música orixinal, libreto orixinal acompañado de visuais ad hoc).
Fatma, interpretada pola soprano Esperanza Mara, conta e canta a súa propia odisea na procura dunha identidade nun tempo cambiante, polarizado e manipulado no que vivimos. A identidade que se constrúe en relación cos demais e co seu contorno e o que significa comprender, representar e ser conscientes de quen somos e como nos consideramos persoal e socialmente.
Ao mesmo tempo, escrava da inmediatez, está suxeita aos cancelos persoais que compartimos cos demais a través das redes, onde se amosa a nosa intimidade sen percibila como algo perigoso.
Fatma, como as persoas que a rodean, ofrece unha imaxe de ganga que calquera pode consumir rápida e facilmente.
As redes converten aos usuarios en cámaras de eco que repiten a última palabra que escoitan ou len. Actuamos de acordo co que queremos que se vexa como unha vida de “espectáculo”.
A MÚSICA
Esta ópera está escrita para varios instrumentos: piano, voz e electrónica. A música de Pálido punto azul é outro dos personaxes da escena. O piano e a electrónica tecen unha rede coa voz na procura da emoción, do goce do público e, sobre todo, de deixar un recordo interior.
Os ecos, as frecuencias e as resonancias son vitais para a propia existencia da música. Consonancia e disonancia, como reflexo da respiración, e da inhalación e a exhalación.
Sinopse do espectáculo
Descrición:
O programa canta e conta a odisea de Fatma. Unha muller vítima dun contexto hostil que traspasa fronteiras, deixando atrás un pasado marcado pola opresión.
A busca de refuxio entre a multitude, da súa propia identidade, baixo o xuízo dos demais, non deixa de lembrarlle a súa condición de allea.
PÁLIDO PUNTO AZUL
Obertura Acto I
SER – Respirar – Columna Vertebral – Cantos de Serea
Acto II
ESTAR – Son – Un anaco de atmosfera – Troianos – Pestanas
Acto III
PARECER – Parecer – Efecto Wow
Acto IV
CONFLITO – Ser – Estar – Parecer
Acto V
FINAL- Heart Beat