in

El futuro empezó ayer

img 4391 |

Unha vida sen interese

Manuel Xestoso

IMG_4391
Foto: Laura Míguez

 

Empoleirados nas maiúsculas das Artes, as Ciencias ou a Política, tendemos a non prestarlle moita atención ás vidas sen interese. E, non obstante, a vida propende a presentarse con moitas menos maiúsculas que a escritura: cando reparamos niso, decatámonos de que as vidas sen interese adoitan conformar a materia coa que se moldean as Artes, as Ciencias e a Revolución, que é outra forma de denominar a Política. Fidel Castro (con perdón) asegurou unha vez que os que non tivesen fe no ser humano non podían chamarse revolucionarios a si mesmos. Marco Canale demostra, con El futuro empezó ayer, que si o é.

Mirando ao que ten máis a man –a familia, os amigos– Canale comproba que non son só os poderosos os que posúen un Corazón de León. Que a humildade é o suficientemente complexa como para que as relacións de poder problematicen a convivencia ata extremos dolorosos. Que todo iso ten a ver coa política, porque a política só ten xustificación cando o seu propósito é acabar coa dor.

Hai un segredo de familia escuro, un intento de atopar iso que chamamos a “verdade”. E hai o recoñecemento de que esa verdade é unha construción social que precisa consensos e complicidades para ser operativa. Todo se presenta a través dunha representación que se representa a si mesma, dun xogo entre o dito e o silenciado, dun vaivén entre o real e o imaxinado. A memoria non é neutral: hai que forzala a descubrir as súas trampas.

A consistencia está, nesta función, do lado dun autor que é quen de contar en clave de sainete sen renunciar á traxedia. Non recorre á épica, pero si insiste na excepcional nobreza das loitas diarias da xente que chamamos común. Ou sexa, todos nós. A frase é un vehículo para levar adiante a narración, pero tamén un disfrace que só amosa a súa grandeza cando xa envolveu ao espectador no seu relato de vidas sen interese. Porque Canale esixe a atención do público, a súa implicación nesa dor e nesa alegría que transmite e homenaxea.

E atrévese ao que se atreven todos os revolucionarios: a imaxinar un porvir que talvez non é moito mellor que o presente, pero si máis equitativo. Atrévese a imaxinar unhas tristezas que xa non o serán tanto porque xa non procederán da inxustiza, senón da natural impredicibilidade dos elementos. Imaxina un futuro no que os conflitos se superan sen necesidade de vinganza. E faino remexendo nunhas contradicións que son persoais, pero que teñen o seu reflexo no mundo que habita, que habitamos.


Publicidade

Ás veces son as vidas sen interese as que cuestionan os valores que nos impón unha sociedade que tende a ignoralas. A mensaxe podería ser dunha inxenuidade decepcionante se todo se reducise as palabras: “Sen amor, nada ten sentido”. Mais a función vai máis alá dun cándido exercicio escénico sobre un episodio familiar: é unha declaración de intencións que explica por que ese antigo vicio de contar unha historia dende un escenario pode ser o detonante dunha revolución. Algúns historiadores cren que a representación de As vodas de Fígaro foi a faísca que prendeu o lume da Revolución Francesa: non sabemos se en Ourense rodarán cabezas, pero este cronista pode certificar que rodaron moitas bágoas. E iso, nestes tempos, xa é un comezo.

 

El futuro empezó ayer de Marco Canale
Dramaturxia, interpretación e dirección: Marco Canale
Asesoría na dramaturxia: Gabino Rodríguez
Asesoría na dirección escénica: Elvira Onetto
Creación musical: Camila Ibarra e Marco Canale

Festival Internacional de Teatro de Ourense. Teatro Principal, 9 de outubro de 2015.

 

 

Manuel Xestoso

Manuel Xestoso

Crítico cultural e escritor. Traballou como editor e xornalista cultural en A Nosa Terra e colabora en publicacións como Grial, Faro de Vigo, Sermos Galiza ou Nós Diario, entre outras. Foi subdirector da Erregueté dende 2016 ata 2020. Publicou Antón Reixa. Ghicho distinto, xunto a Xosé Cid Cabido (Xerais, 2012), e o volume de poemas As ruínas de Europa (Galaxia, 2017).

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

jirafa |

El cuello de la jirafa

alakran |

Kairos, sísifos y zombis