in

Archive / Cédric Andrieux

A memoria do corpo

archive |

A memoria do corpo

O corpo posúe unha memoria que non sempre somos quen de interpretar correctamente. Aristóteles establecía unha conexión entre tempo, memoria e imaxinación, afirmando que só os seres que perciben o tempo, poden ter memoria. Para recordar empregarían a mesma facultade coa que discirnen o paso do tempo: as imaxes. E esas imaxes, engadía, “poden chegar a mover o corpo”. Curiosamente, na actualidade, os psiconeurólogos comezan a coincidir na teoría de que todo o que acontece na vida dun ser humano se transmite ao resto das súas células –non só ás neuronas– e queda arquivado para sempre nunha especie de “memoria orgánica”.

A danza, daquela, podería axudar a recuperar eses fantasmas que conforman a nosa corporeidade e a devolverlle un significado que permanece oculto. Sería o instrumento da memoria do corpo. En ocasións, esa memoria refírese á nosa relación cos outros; noutras, ao vínculo coas nosas actitudes ante nós mesmos. Son dous camiños que exploran os dous espectáculos presentados no festival Escenas do Cambio por Arkadi Zaides e Jérôme Bel.

En Archive, Arkadi Zaides parte das imaxes gravadas por voluntarios palestinos en zonas de alta conflitividade aos que o B’Tselem (Centro de Información Israelí para os Dereitos Humanos nos Territorios Ocupados) facilita cámaras de vídeo co propósito de documentar violacións dos dereitos humanos. Mais o coreógrafo non comenta nada sobre as accións dos israelís: limítase a reproducir os xestos que rexistran as gravacións. Son os propios israelís –colonos e soldados– os que crean unha narrativa que, descontextualizada no escenario, resulta ser máis turbadora que calquera descrición retórica das infraccións cometidas nos territorios ocupados.

A extracción de xestos e movementos preséntase nun crescendo que resulta nunha opresiva coreografía de crueldade e brutalidade. A apropiación dos xestos e das voces propón un discurso diferente sobre a orixe da violencia e descúbrenos ata que punto o social acaba por moldear as actitudes individuais; ata que extremos o ambiente remata por forxar unha conduta que interiorizamos coa falsa conciencia de que pertence ao ámbito das decisións persoais.

Quizais a cuestión principal –máis alá da denuncia das atrocidades cometidas no conflito en Palestina– reside na suxestión de que ao adoptar algunhas desas posturas, asumimos as formas de agresión que se asocian a elas: calquera espectador pode decatarse, por exemplo, das grandes semellanzas existentes entre a xestualidade da violencia e a do deporte de alta competición. Zaides colócanos así ante un espello no que debemos interrogarnos sobre cal é o significado político dos nosos corpos.

CedricAndrieux
Foto: Manuel G. Vicente

Cédric Andrieux opera nunha dirección contraria. Conta a historia profesional dun bailarín –un monólogo en primeira persoa, puntuado por mostras das coreografías nas que participou– que, malia traballar en compañías tan prestixiosas coma o Ballet da Ópera de Lyon ou a compañía de Merce Cunningham, desenvolveu a súa traxectoria nun relativo anonimato. Non se trata dunha confesión de intimidades, senón dunha sobria descrición dun itinerario que, non obstante, resulta moi clarificador sobre as motivacións e as expectativas, e sobre como modulalas en consonancia coa realidade.


Publicidade

Andrieux, insiste en varias ocasións en que nunca tivo unhas aptitudes naturais que lle facilitasen entrar no mundo da danza e que só o esforzo e o sacrificio –que por veces, coma nos ensaios de Cunningham, lle provocan o sentimento de estar sendo humillado– lle permitiu chegar a traballar con primeiras figuras da danza contemporánea. E, ao mesmo tempo, explica como a obsesión polas cualificacións das escolas ou a implacable competitividade da profesión rematan por destruír as expectativas sobre a danza coma unha forma de arte igualitaria. O discurso sinala aquí ás contradicións dunha actividade supostamente emancipadora que esixe a alienación dos traballadores que participan nela.

O espectáculo ilumina con ironía a cantidade de frustración, aburrimento, depresión e mesmo dor física que encerra calquera carreira. E, porén, remata co encontro dun espectáculo no que os bailaríns non martirizan os seus corpos (The Show Must Go On, do propio Bel) e que lle permite ao protagonista da historia reafirmarse no seu amor á danza. Pero para conseguilo, as xerarquías de poder e a propia idea de danza deben ser subvertidas.

Ambos relatos afástanse voluntariamente de calquera aproximación psicolóxica ou emotiva, de forma que a súa crónica teña unha aparencia de completa neutralidade. Unha argumenta dende a traxedia e a outra dende a comedia. Pero ambas son sumamente iluminadoras de como un xesto pode marcar un destino.

Archive de Arkadi Zaides
Concepto e coreografía: Arkadi Zaides
Consultor de vídeo: Effi e Amir (Effi Weiss e Amir Borenstein)
Arte sonora e dramaturxia da voz: Tom Tlalim
Asesoría artística: Katerina Bakatsaki
Asistente de coreografía: Ofir Yudilevitch
Vestiario: Adam Kalderon
Iluminación: Thalie Lurault

Cédric Andrieux de Jérôme Bel
Director: Jérôme Bel
Intérprete: Cédric Andrieux
Con fragmentos de: Trisha Brown (Newark), Merce Cunningham (Biped, Suite for 5), Philippe Tréhet (Nuit fragile), Jérôme Bel (The Show Must Go On)

Festival Escenas do Cambio, Santiago de Compostela, 30 de xaneiro de 2016.

Manuel Xestoso

Manuel Xestoso

Crítico cultural e escritor. Traballou como editor e xornalista cultural en A Nosa Terra e colabora en publicacións como Grial, Faro de Vigo, Sermos Galiza ou Nós Diario, entre outras. Foi subdirector da Erregueté dende 2016 ata 2020. Publicou Antón Reixa. Ghicho distinto, xunto a Xosé Cid Cabido (Xerais, 2012), e o volume de poemas As ruínas de Europa (Galaxia, 2017).

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

donjuan |

Don Juan

hamletnt |

Hamlet