in

A leituga

leituga foto1 |

Fisionomía da desgraza

| Manuel Xestoso |
| Foto: Aigi Boga |

 

Cando se fala de familias, xa vén sendo un tópico repetir o inicio de Anna Karenina, aquilo de que todas as familias felices se parecen pero que as infelices teñen cadansúa fisionomía particular. Non é por levarlle a contraria a Tolstoi, mais quizais o que se entendía por familia no século XIX xa non é o mesmo que entendemos agora e, daquela, os infortunios da familia que protagoniza A leituga serán moi ben coñecidos da maioría do público. Quizais houbo unha época en que un apelido obrigaba a sacrificios e privacións extremas, mais na actualidade semella que hai poucas cousas –e a liñaxe non é, en xeral, unha delas– que admita eses niveis de resignación.

A leituga preséntase coma unha “comedia dramática” aínda que, en realidade, debería ser caracterizada como un drama cómico. E a comicidade vén polo lado máis negro dunha sociedade que trata de desfacerse de todo aquilo que altera o benestar malamente logrado entre as cargas cotiás: se un pai se pon enfermo, a cuestión que se debate non é como aliviar o seu padecemento –se é que se pode– senón como amañarnos para que non moleste demasiado.

A leituga, claro, é un ancián en estado vexetativo do que ninguén quere facerse cargo. Unha situación cada vez máis habitual que se presenta baixo o paraugas da comedia pero que pode facernos reflexionar sobre todos eses asuntos que case nunca consideramos ata que nos toca de preto. Por exemplo, sobre a contradición que supón un servizo público de saúde que logra “manter con vida” durante moito tempo aos enfermos pero que non vén acompañado dunhas prestacións para dependentes que complete o traballo (lembro un médico que me dixo unha vez: “prolongando agonías somos moi bos”). Ou sobre esa regra que admite moi poucas excepcións e que dita que son as mulleres as que se fan cargo dos proxenitores doentes ou simplemente avellentados.

Pero iso só é a casca costumista: A leituga admite máis lecturas e debates que apuntan a esa pregunta sobre cal é a ética dunha sociedade profundamente individualista na que nos vemos obrigados a seguir correndo na roda de hámster e, paradoxalmente, deixando atrás as cousas máis queridas ata quedar en soidade, rodeados de ruído.

A traxedia sería arrepiante e rozaría o melodrama, e por iso agradécese que o ton sexa humorístico e, por veces, choqueiro. Os personaxes debúxanse do natural, fiados á observación certeira do dramaturgo e á vigorosa interpretación dun elenco que logra individualizalos sen caer no atordamento do psicoloxismo: non hai alardes, senón unha paciente edificación das verdadeiras raíces do conflito. Destilan verosimilitude precisamente por esa levidade cotiá con que son construídos e, precisamente por esa lixeireza con que van erguendo a súa voz, acaban por adquirir consistencia dramática.


Publicidade

Hai unha escena onírica na función, na que todos fan parte dunha celebración como se supón que deben ser as celebracións familiares: con risas, baile e incluso cariño. Sospeitamos que esa escena ten lugar porque ese é o desexo agochado de todos os angustiados personaxes. Quizais iso é o que todos botamos de menos: que as familias non sexan xa como as de antes. Para non estar tan sós; ou polo menos, para que a desgraza tivese unha fisionomía particular.

 

A leituga de César Sierra

Dirección: Victor Duplá
Elenco: Xose Barato, Mercedes Castro, Antonio Duran “Morris”, Federico Pérez, María Vázquez.
Axudante de dirección: Tamara Canosa
Escenografía e iluminación: José Manuel Faro “Coti”
Música orixinal: Anxo Graña
Vestiario: Uxía Vaello
Deseño gráfico: Roi Fernández–LeGráfica
Vídeo: Lucía Estevez
Produción: Eme2

Teatro Rosalía de Castro, A Coruña. 7 de abril de 2018.

Manuel Xestoso

Manuel Xestoso

Crítico cultural e escritor. Traballou como editor e xornalista cultural en A Nosa Terra e colabora en publicacións como Grial, Faro de Vigo, Sermos Galiza ou Nós Diario, entre outras. Foi subdirector da Erregueté dende 2016 ata 2020. Publicou Antón Reixa. Ghicho distinto, xunto a Xosé Cid Cabido (Xerais, 2012), e o volume de poemas As ruínas de Europa (Galaxia, 2017).

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Falandoabocachea2018 |

II edición do festival “Falando a boca chea” na Coruña

grandstand |

Taller de público(s) con Sabela Mendoza no TRC Danza