Chegamos a novembro e, con el, ao día internacional da eliminación da violencia contra a muller, é dicir, contra a violencia de xénero. Grazas a isto, os axentes culturais de referencia lémbranse de que as mulleres ás veces facemos cousas (coma os cataláns) e sería procedente darnos o espazo, porque somos moi feministas. Disque, porque este ano, na programación do Concello de Vigo para o 25N, das tres obras de teatro programadas, non hai ningunha dirixida por unha muller.
Vou expor as miñas contradicións, porque sempre me estou a queixar de que a perspectiva feminina (e feminista) e a arte feita por mulleres só se considere en datas específicas, pero esta circunstancia espertou en min unha territorialidade que non agardaba.
Ás veces teño quen me lembra que as miñas utopías e a realidade na que vivo non son as mesmas. Gustaríame que ás directoras non só as tivesen en conta no 25N e no 8M, e que as historias de mulleres tamén fosen consideradas universais, e que as pezas non sexan sobre feminismo, senón que tivesen perspectiva feminista. Pero non sempre é o caso e para un dos poucos espazos onde podemos asegurarnos que a nosa ollada estará representada, semella que non. Non quero dubidar da capacidade destes homes que foron programados, estou segura de que son máis que capaces de construír unha peza que conciencie e conmova. Pero podemos falar dunha programación óptima para o 25N cando non hai ningunha directora de escena presente? A pesar de que creo que a resposta é non, de que serve ao mellor que se programe directoras só nas datas procedentes (agora xa non falo do Concello de Vigo), se logo non as programamos?
Gata Cattana falaba disto en Lisístrata. A discriminación positiva non é ningunha solución, e eu concordo con ela. A solución é que os espectadores, programadores e artistas abramos a nosa propia perspectiva. Precisamos ver a vida dende outras olladas e asumilas un chisco como propias. Deberiamos comezar a asumir que o mundo que vivimos se compón de moitas realidades, que temos que entender e normalizar. Pero se as datas escollidas para este labor non parecen dar estes espazos, que facemos? Hei dicir que hai un perigo nisto, e é encaixar ás artistas a falar só sobre feminismo que, insisto, non é o mesmo que tratar as obras con perspectiva feminista. Así, como imos normalizar unha perspectiva? Non é o mesmo que me vendas unha idea cunha obra á que a obra estea filtrada por ela.
Ao final estoume a queixar de que o parche non está ben cosido. Que lle imos facer, ten capas o asunto.