in

Obituario: Ernesto Chao

ErnestoChao88 |

Ernesto Chao: un teatro nacional

| Manuel Xestoso |

 

A memoria adoita ser feble. A memoria do teatro, ademais, ten que encomendarse a instancias que non dependen exactamente da vivencia persoal: a crónicas, críticas ou relatos que van flanqueando a súa historia e que só ofrecen un reflexo imperfecto do que foi unha obra concreta, unha función determinada, a carreira de toda unha vida. Que a maioría dos medios de comunicación lembren agora a Ernesto Chao por un papel televisivo ten a ver con esa natureza escorregadiza do teatro: ou estiveches alí ou non sabes exactamente como ocorreu. Podes reler un libro, volver ver unha película, escoitar de novo unha melodía; pero unha función teatral pertence exclusivamente ao seu tempo. Por iso gardar a memoria do teatro fai parte desa tarefa máis grande que é preservar una identidade, interrogarnos sobre o que realmente somos.

A parella formada por Ernesto Chao e Morris que a memoria debería custodiar non é principalmente a da pequena pantalla, senón a que foi construíndo un teatro nacional dende a compañía Artello: a que se atrevía a facer comedia social dende os clásicos como Aristófanes (As nubes); a que representaba unha modernidade só albiscada nos primeiros oitenta e que se encarnaba n’A cantante calva de Ionesco; a que se atrevía a interpelar a identidade nacional, coa axuda de Ferrín, en Celtas sen Filtro, ou a facer autoironía sobre como esa identidade evoluía no Gulliver FM que artellaron (que ben acae o verbo) a carón de Antón Reixa.

Un teatro nacional pode ser, talvez, o que Ernesto Chao abrigaba na súa mente cando en novembro do 69 formaba parte do colectivo que había de constituír a Agrupación Cultural Abrente: a que concibiu as primeiras Mostras de Teatro Galego ao tempo que organizaba exposicións de artistas plásticos, recitais de poesía, ciclos de cine, concertos de música popular ou campañas pola normalización da lingua. Había xa alí unha visión de conxunto que preludiaba o seu compromiso con erguer unhas instancias e institucións que lle desen forma á personalidade cultural do país.

A transcendencia da tarefa obrigouno en moitas ocasións a asumir responsabilidades na creación dese tecido institucional, xa fose na dirección do Centro Dramático Galego –que axudou a fundar–, na presidencia da Asociación de Actores e Actrices de Galicia, de Escena Galega e da Academia Galega do Audiovisual, ou na constante presenza na reivindicación da dignidade debida ao teatro galego: sempre se podía contar con el para demandar dereitos ou para denunciar os agravios que se lle inflixiron –e, lamentablemente, se lle seguen inflixindo– á cultura propia.


Publicidade

A súa vida e traxectoria profesional corren paralelas á historia do teatro galego das últimas décadas e a súa contribución a esa causa é, sen ningunha dúbida, unha das achegas máis substantivas á sociedade e a cultura galegas, ás que soubo entregarse con convicción e abnegación desinteresada, nun país que tende a ser algo desleixado nos recoñecementos.

E fíxoo, sobre todo, dende o lugar que mellor coñecía, o escenario. Está pendente unha revisión da súa carreira que sitúe no seu contexto non só aquel traballo pioneiro feito dende Abrente e dende Artello, senón tamén a importancia de montaxes do CDG como O incerto señor Don Hamlet ou Soño de verán; que determine o carácter pioneiro dunha compañía como Teatro do Malbarate; que revise a relevancia dos clásicos revisitados con Teatro do Noroeste –Rei Lear, Macbeth, Os xustos, Galileo Galilei...– na década de 1990; que valore xustamente os camiños abertos por Lagarta, lagarta -coa súa inseparable compañeira Rosa Álvarez– con Fobias, Carambola, As últimas lúas ou Aeroplanos.

Probablemente Ernesto Chao –cuxa bonhomía non lle restaba un chisco de mordacidade nin de lucidez á súa retranca– salientaría por riba da súa biografía o traballo colectivo dunha xeración completa: sabía que só na unidade se atopan as vías de chegada aos ideais. Esa humildade e esa confianza no común son só dúas leccións máis que nos deixa. Grazas, Ernesto.

Manuel Xestoso

Manuel Xestoso

Crítico cultural e escritor. Traballou como editor e xornalista cultural en A Nosa Terra e colabora en publicacións como Grial, Faro de Vigo, Sermos Galiza ou Nós Diario, entre outras. Foi subdirector da Erregueté dende 2016 ata 2020. Publicou Antón Reixa. Ghicho distinto, xunto a Xosé Cid Cabido (Xerais, 2012), e o volume de poemas As ruínas de Europa (Galaxia, 2017).

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Craniosprivilexiados |

Arrinca a 40ª Mostra de Teatro Galego de Cariño

ErnestoChao65 |

Textos para Nesto, de Luma Gómez e Eduardo Alonso