As ilusións perdidas
| Manuel Xestoso |
| Fotografía: Ovidio Aldegunde |
Un día espertamos e descubrimos que viviamos en directo, que existía a posibilidade de que houbese un público observando todo o que faciamos. Iso gustounos, sentímonos afagados e comezamos a coidar as formas para saír ben no YouTube e mostrar o perfil bo en Instagram. Fomos incluso un pouco máis alá do que se nos pedía e comezamos a compartir cos nosos amigos e seguidores a nosa vida privada, as nosas lecturas, as nosas viaxes, os nosos almorzos veganos. Comezamos a dar puntual noticia de calquera dos nosos actos, por triviais que fosen: imaxinamos unha vida que en realidade non tiñamos e sentímonos guionistas dunha superprodución. Agora xa non construímos unha existencia, senón que coleccionamos experiencias que, en realidade, non vivimos, pero perseveramos nese empeño de manter a imaxe baleira que nos substitúe. Porque hai que estar aí.
Os personaxes de Celebración proceden de clases sociais diferentes e enarboran ideoloxías contraditorias pero úneos ese afán por estar aí. Onde sexa ese aí é o de menos: sospeitan, como sospeitamos todos, que hai un aí onde están os elixidos. E as vidas que imos construíndo sen que as pantallas nos deixen ver o bosque responden a esa promesa: estar no lugar do privilexio. Os cinco protagonistas desta historia esqueceron a súa posición nesta sociedade desigualitaria, foron vítimas dunha democracia virtual que, en realidade, supuña un ocultamento da escravitude, e agora rebélanse –é un dicir– contra o engano.
Sarabela debuxa unha parábola que apunta ao desclasamento dunha sociedade que só se une para manter as cativas concesións que lle permite o poder (ser mileurista, poñamos por caso), nunca para buscar unha igualdade de fondo. A mobilización destes indignados non responde a un estímulo político relacionado cos dereitos civís, senón polo descubrimento de que a vida relativamente fácil que lle prometía o capitalismo tiña data de caducidade. Non hai idealismo, senón frustración persoal.
A compañía, axudada pola dirección clara de Dani Salgado, serve a trama con franqueza e cunha economía de recursos que non renuncia á estilización formal: hai fórmulas expresivas moi ligadas a un teatro máis experimental que aquí se integran perfectamente no relato, enriquecéndoo. E o humor nunca deixa de estar pegado o amargo retrato que se albisca tras a historia.
Si cabe distinguir un primeiro tramo onde todo resulta estimulante dunha parte final onde a ilusión das masas movidas polos protagonistas da historia queda algo afastada da intención e merecería algo máis de investigación: o reto non era fácil, pero a obra decae un pouco na verosimilitude que ata ese momento mantén.
En todo caso, paga a pena pararse a comparar o que nos ofrece Celebración cos acontecementos políticos da última década e non confundir a lúcida mensaxe que se nos envía co “todos son iguais” que sempre esgrimen os que pretenden que nunca cambie nada.
Celebración, de Fernando Dacosta
Dirección: Dani Salgado
Elenco: Fina Calleja, Nate Borrajo, Sabela Gago, Elena Seijo, Fernando Dacosta.
Escenografía: José Alfaro Coti
Iluminación: Baltasar Patiño
Vestiario: Fina Calleja
Espazo sonoro: Dani Salgado coa colaboración de Rennata Codda Fons
Estrea no Auditorio Munciapal de Ourense. 21 de setembro de 2018.