Actriz e directora. Con máis de cincuenta montaxes ás súas costas, Luma Gómez é unha das grandes intérpretes de Galicia. As suplicantes de Esquilo, Woyzeck de Büchner, Rei Lear de Shakespeare, Bailadela da morte ditosa de Roberto Vidal Bolaño, A vida de Galileo de Brecht e as pezas creadas pola súa propia compañía, Teatro do Noroeste, son un pequeno exemplo da súa dilatada carreira sobre as táboas. Neste confinamento, protagonizou a curtametraxe A enquisa, dirixida por Eva Alonso con guión de Eduardo Alonso.
O libro que tes sobre a mesa de noite.
Estou con lecturas de lecer: Virginia Woolf, Lois Pereiro e Malcom Lowry. Descansando e tratando de levar isto con sentido do humor. Todos días leo prensa, iso que non me falte.
A túa banda sonora destes días.
Moi variada. Eu vivo no campo e aquí escóitase a natureza en primavera, o vento nas árbores, o canto dos paxaros, a treboada que caeu nos pasados días, o ladrido dos cans e, tamén, o silencio. Na tardiña escoito algo de música: jazz, Leilia, Pink Floyd… Un pouco de todo, depende do día.
O último filme que te impresionou.
The Irishman de Martin Scorsese pareceume unha gran película. Tamén Joker de Todd Philliphs. Aínda que volvín á triloxía de The Godfather e segue sendo monumental.
A obra de arte na que te perderías agora.
Pois polas rúas de Roma que están cheiñas de arte por todas partes: pintura, arquitectura, escultura, gastronomía…
A peza que che gustaría interpretar.
Nos tempos que vivimos de monólogos e biólogos, pois non estaría mal algo grande, As Comedias Bárbaras de Valle-Inclán ou Nai Coraxe de Bertolt Brecht. Pero a min calquera proxecto ilusióname e ponme a funcionar. Calquera proxecto pode ser un gran proxecto.
Unha figura histórica coa que compartir unha caña.
Co Che Guevara. Guapo, revolucionario e icono que transcende tempos e xeracións.
Se non foses actriz, serías…
De nena gustaba da danza. Eu son de Ferrol e naquel tempo non había ningunha escola. Despois no instituto empecei co teatro e xa quedei ata hoxe. E xa van anos… Algún dos que faciamos teatro xuntos de novos aínda seguimos; por exemplo Elina Luaces e Eduardo Alonso cos que estou no ultimo traballo de Teatro do Noroeste, As virxes salvaxes.
GIPHY App Key not set. Please check settings