in ,

Teatro Escoitade: 50 anos por un teatro cívico

Xoán Carlos Riobó e Antón Lamapereira conversan con Manuel Dasilva, Raúl Alonso e Doro Piñeiro

Teatro Escoitade, da parroquia de Valladares de Vigo, está a celebrar nestas datas diferentes actos para conmemorar o seu 50 aniversario. O sábado 29 de outubro tivo lugar no Auditorio do Centro Veciñal e Cultural de Valladares o acto central, no que a erregueté estivo presente. Nel, comezaron coa interpretaron de 8 fragmentos das obras máis representativas da súa longa traxectoria. Estes fragmentos foron interpretados por actores e actrices que pasaron polo grupo ao longo destes anos, moitos deles non subiran ao escenario desde hai 40 anos.

Durante o acto recibiron o VII premio FEGATEA, concedido polos 50 anos na súa labor a prol do teatro amador. Contaron tamén co recoñecemento por parte da directiva do Centro Veciñal e Cultural de Valladares e da Concellería de Cultura do Concello de Vigo.

Co gallo desta conmemoración falamos con Manuel Dasilva, Raúl Alonso, dous dos antigos membros do grupo que ocupan no presente distintas funcións, e tamén con Doro Piñeiro, fundador do grupo.

Publicidade

Como xorde Teatro Escoitade en 1972, en plena ditadura franquista?

Raúl Alonso: A raíz dunha lei de Turismo que fomentou a rede de teleclubes para introducir a televisión nas parroquias, Ignacio Costas tivo a iniciativa de formar unha directiva na antiga casa do Sindicato Agrario. No teleclub había unha cafetería e unha biblioteca onde nos xuntabamos.

A partir dos encontros ao redor da televisión comezáronse a facer outras actividades. A primeira delas foi crear o grupo de teatro con xente moi nova, despois xurdiu a coral, o grupo folclórico, o de gaitas…

Como captabades ás persoas para o grupo de teatro?

Raúl Alonso: Eran persoas que tiñan gusto polo teatro, con máis vontade que coñecementos, porque daquela non había nada para formarse. Fernando Guisande e Doro Piñeiro comezaron a ter inquietudes dramáticas e trasladáronllas ao seu grupo de amigos, que estaba e está formado por traballadores de distintos oficios e tamén estudantes.

Cando construíron o Centro actual, tiveron en conta a vosa opinión para facer o auditorio?

Manolo Dasilva: O edificio xurdiu dunha permuta duns terreos que fixo a Comunidade de Montes coa Xunta de Galicia para facer a autoestrada que vai a Baiona. No estudo xa estaba previsto un auditorio, que se foi transformando nun teatro-auditorio para dar cabida a todos os grupos que ensaiaban e actuaban alí. En principio querían facer o chan de baldosa. Eu daquela estaba na directiva do Centro Cultural e Doro Piñeiro era o presidente da Comunidade de Montes, que fixo presión para facer un auditorio en condicións. Se non estiveramos nós o auditorio non tería equipamento, que se conseguiu pouco máis tarde grazas ao Concello de Vigo.

Manuel Dasilva
Manuel Dasilva durante a celebración dos 50 anos de Escoitade. Foto: Alberto Costas

Rematado o novo edificio en 2008, como repartistes o espazo entre os distintos grupos?

Manolo Dasilva: Por unha referencia histórica, digamos. Os que máis anos levamos somos nós, a continuación a coral, o grupo folclórico e despois foron chegando outros. Temos que adaptarnos porque hai máis actividades que espazos e creamos unha escala de horarios para que cada grupo teña o seu tempo.

Publicidade

Que criterio seguides para escoller as obras?

Raúl Alonso e Manolo Dasilva: Cando se trata de elixir unha obra poñémonos todos a buscar. Xeralmente quen máis convence é Doro Piñeiro, que tamén escribe textos con mensaxe. No acto central que temos preparado para mañá poderemos ver un abano dos distintos estilos, temáticas, autores que representamos ao longo da nosa traxectoria e como foi a nosa evolución histórica. Agora tentamos facer cousas actuais e que se aparten do cliché de que todo o teatro amador ten que ser para que a xente se ria.

Unha cousa que nos chamou a atención é que non tendes repertorio.

Manolo Dasilva: Depende da obra e do elenco, moitas veces cambia e non se pode seguir facendo. Hai algunhas que duran dous anos, incluso catro, como Exposición de catro Mementos, pero non moitas, porque non é posible.

Está entrando xente nova no grupo?

Raúl Alonso: Temos unha escola de teatro hai catro anos, de feito dúas das actrices que van actuar mañá no acto central saíron da escola. Levamos 4 anos funcionando. Eu fago a parte de dramaturxia e Doro a historia do teatro. A maior parte dos alumnos son pequenos ou adolescentes. Intentamos xogar con distintas dinámicas de xogo traballando todos os aspectos. Engánchanse moi ben e teñen unha creatividade extraordinaria.

Que repercusión ten o grupo de teatro entre a veciñanza?

Raúl Alonso: Cando comezamos non había actividades teatrais e o teleclub foi o cerne para introducir o teatro na parroquia. Non existían infraestruturas e actuabamos en galpóns ou nun baixo calquera onde non chegara o teatro. Naquela época había moita xente ávida de vivir novas experiencias, había tal fame de cultura que enchíamos onde iamos. Hoxe en día imos a un auditorio con boa infraestrutura e non vén tanto público. En Valladares non temos ese problema porque nos coñecen e xogamos na casa.

En 1979 houbo unha fusión entre Xiada e Escoitade para formar Espantallo.

Raúl Alonso: Con motivo desa integración montamos A casa de Bernarda Alba, de Lorca. Fora unha idea de Darío Álvarez, o director de Xiada que veu todo contento de ver este espectáculo en Mallorca e trouxo a idea para aquí. Montámola tamén con actores, intervindo como actrices. Naquela época non era tan habitual. Despois cada un volveu ao seu seo.

Tamén fixestes dúas curtametraxes en 1982-83

Manolo Dasilva: Iso foi unha incursión de Toño Caeiro, un veciño de Gondomar, home moi interesado polo cine que tiña un tomavistas. En 1981 presentou un proxecto á Xunta e aprobáronllo. Veu pedir a nosa colaboración e nós aceptamos inmediatamente. O resultado foi a película en 8 mm, Manoliño. Despois Doro tamén se animou con nenos do colexio para facer Livia. Foron unhas experiencias impresionantes. A continuación diso, para que vexades o espírito, Doro e outros compañeiros que estabamos na directiva do centro cultural, en vez de publicar unha revista, que daquela levábase moito, fixemos un informativo que gravamos nun vídeo Veta e iamos a poñelo polos bares da parroquia.

Tendes algún centro de documentación propio do grupo de teatro?

Manolo Dasilva: Hai un problema gordo, que hai moita información. Eu teño sempre a sa intención de dixitalizala. Cando me xubile prometo acabalo. Mañá, no acto central, imos facer entrega a todos os membros que pasaron polo grupo dun Pendrive con todas as fotos que puiden recompilar para gardalas na nosa memoria.

Unha última pregunta. Que significado ten o teatro nas vosas vidas?

Raúl Alonso: Hai xente que lle cambia tanto a vida que acaba tendo a parella no grupo. Para min é un hábito. Igual que unhas persoas van tomar o café eu xa sei que hai unhas determinadas horas que teño que ir a ensaiar. No meu círculo de amizades, o teatro conta moito. Axudoume tamén á miña formación como persoa.

Manolo Dasilva: Eu cheguei ao teatro con 15 anos e xa estabamos en democracia. Da escola coñecía a Doro e ver a Raúl e a outra xente ensaiar, engaiolábame. A cousa que máis me gustou foi que tiveran en conta a túa opinión e podela expresar con total con liberdade e respecto. Eu, aínda que por motivos persoais non podo ensaiar e me dedico máis á parte de produción, non o cualifico como un hábito, pero actuar nos aniversarios xa é case un vicio. Mañá vou participar en dúas das obras e non sabedes o contento que estou. O teatro ten un papel importante na miña vida, moi persoal, de dedicación, sacrificio e traballo.

Eclosión cultural en Valadares

Que supón ter un Centro Cultural nunha parroquia como a de Valladares de Vigo?

Doro Piñeiro: En 1971, na parroquia de Valladares de Vigo deu comezo unha eclosión no ámbito social, educativo, cultural, deportivo e sobre todo no relacionado co desenvolvemento parroquial, todo elo como consecuencia do nacemento, nese ano, do xa famoso Teleclub Centro Cultural de Valladares do que eu formei parte como membro da primeira Xunta Rectora. Cada ano o Centro Cultural ía medrando en todos estes ámbitos, e, de tal xeito, en 1972 nace na área de cultura o Grupo de Teatro ESCOITADE que pon en escena a peza de Prado Lameiro, Estebiño. Logo foron formándose a Coral Polifóncia, Grupo Folclórico (gaitas e baile galego), ata os nosos días, con diversas actividades culturais e sociais, sen descoidar o desenvolvemento territorial da parroquia. Hoxe o Centro Veciñal e Cultural de Valladares xa ven funcionando como unha estrutura comparada a dun mediano concello o que permite desenvolver un xeito de organización que vela polo ben común de toda a veciñanza.

Doro Piñeiro
Doro Piñeiro durante a celebración dos 50 anos de Escoitade. Foto: Alberto Costas

Como te acercaches ao teatro amador?

Comezo a facer teatro cando estudaba na Laboral de Zamora. Alí había un teatro espectacular que animaba aos alumnos a subirse ao palco e facer montaxes dos clásicos. No 72, comecei con ESCOITADE como apuntador e logo relevei ao primeiro director un ano despois, por motivos de desprazamento deste ao concello de Tui. Máis tarde, os grupos de teatro amador de Vigo, formamos a Agrupación de Teatro Galego de Vigo, da que fun promotor xunto con Miguel Llanderas, Manolo Camba, Manolo Coruxo, Eduardo Hernández (Yayo), Cándido Pazó e un número indeterminado de membros de todos os grupos que formábamos a Agrupación.

Ademais das actividades que tiñan que ver coas representacións propias dos grupos da Agrupación, houbo tamén unha relación de grupos foráneos do estado que presentaron as súas montaxes na cidade de Vigo, dos que cabe destacar a Els Comediants, Dagoll Dagom, Grup -71, La Picota, Els Joglars, entre outros. A formación tamén foi unha actividade fundamental e cabe destacar a presencia do crítico teatral José Monleón que impartiu un completísimo curso onde descubrín o teatro de Bertolt Brecht, o creador do teatro épico, do que eu aínda hoxe sego bebendo e o considero como un dos mellores referentes da nova escena española da segunda metade do século XX. Brecht inspiroume na miña primeira peza teatral, Historia dunha Reconquista contada a miña maneira, 1975, na que pretendo darlle unha volta á historia da reconquista de Vigo utilizando por vez primeira, como espazo escénico non só o palco, senón tamén todo o patio de butacas.

Tampouco podo desconsiderar como mestre de cabeceira ao que foi director do Teatro de Moscova, Konstantin Stalislavski, o creador do “Metodo”, que me permitiu dar pasos importantes na formación de elencos. Tanto Brecht como Stalislavski foron os mestres de cabeceira que me permitiron darlle forma a todos os textos que teño escrito e representado.

Como dramaturgo, que temas te motivan a escribir?

Fundamentalmente sempre me interesou o teatro crítico. “O espectador debe saír do patio de butacas satisfeito do que viu e observou, mais tamén coa cabeza dándolle voltas polos conflitos expostos”. Todos os meus textos deixan ver conflitos sociais que se resolven ou non no transcurso da representación:

Historia dunha Reconquista contada a miña maneira, 1975, Quen perde nas guerras.

O derradeiro Xuízo. 1979. No máis alá tamén mandan os poderosos.

Queda terminantemente prohibido o suicidio. 1981. O amor pode volvernos tolos.

Longa vida a Martiño de Güimil. 2007. Presta sempre ter un bo amigo ao carón.

Cousiña, o gato que tornou o país de seu. 2009. O gato quere volver a súa terra.

A fatídica festa do ano da serpe. 2011. A inmigración estorba.

Exposición de catro mementos. 2014. Os cartos mandan.

Dominó Celeste. 2020. O mal que non vemos.

Dos espectáculos que dirixiches co teu grupo, de cal estás máis satisfeito? E menos?

Sen lugar a dúbidas a fábula Peer Gynt de Henrik Ibsen. Foi unha posta en escena espectacular, con mais de 50 músicos da Unión Musical de Valladares no escenario interpretando a banda sonora de Edvar Grieg. A que menos satisfeito quedei foi Auto do prisioneiro de Carballo Calero. Non fun capaz de transmitir a esencia da peza ao elenco. Frustreime.

Director ou directora foránea e galega que che gusta máis?

Director foráneo pídome a Lluis Pascual e como director galego a Eduardo Alonso.

Dramaturgo ou dramaturga foránea e galega favoritos?

Como dramaturgo foráneo, por varios motivos, pídome a Federico García Lorca. Como dramaturgo galego a Manuel Lourenzo e como dramaturga a Vanesa Sotelo.

Publicidade
Publicidade
Xoán Carlos Riobó

Xoán Carlos Riobó

Director de escena e dramaturgo. Desenvolve a súa actividade teatral con grupos de adolescentes e adultos dentro do ámbito escolar e amador (Obradoiro de Teatro María Soliña, Teatro a Réplika e Teatro Aberto). Como dramaturgo ten publicados varios textos para crianzas e adolescentes en Edicións Fervenza: 'O retábulo das marabillas no país do chapapote', 'Acariñando os desexos' e 'A viaxe de Burhan: Éxodo'. Fundador da Mostra de Teatro Escolar de Cangas. Dirixe o Ciclo de Teatro Afeccionado do Morrazo. Membro dos grupos de traballo que organizan a Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas (MITCFC) e a Mostra de Teatro do Ensino Secundario do Morrazo (MOTESMO). É membro do consello de redacción da 'erregueté'.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

NEVERMORE de Chévere

Chévere gaña o Premio da Crítica coa obra NEVERMORE sobre a catástrofe do Prestige

Cinco minutos sen respirar de Ítaca Teatro

A lucense Ítaca Teatro estrea a versión en castelán de ‘Cinco minutos sen respirar’