in

As damas de Ferrol

A realidade sempre se impón se mire desde onde se mire

As damas de Ferrol César Seijas
'As damas de Ferrol'. Foto de César Seijas.

A realidade sempre se impón se mire desde onde se mire. As Damas de Ferrol complementa unha visión do que podemos denominar o repertorio teatral galego en feminino, que está construído con textos que protagonizan ou que están baseados na muller ou nas mulleres, cuxas historias tocan diversos aspectos e referencias da vida e dos seus dramas.

O texto, xa estreado en 2002 pola mesma compañía, encerra certo paralelismo coa historia de Maruxa e Coralia; levada ao teatro por Esther Carrodeguas co título de Voaxa e Carmín (2015) e producida por ButacaZero (2016). Estas Damas de Ferrol tamén tiveron a súa versión en castelán (2004) estreada en Madrid producida e dirixida por Adolfo Simón que optou por que as personaxes foran interpretadas polos actores Ángel Savín e Manuel García.

O texto de Eduardo Alonso, ofrece outro punto de vista da condición feminina, da fortaleza natural da muller por saír adiante, disposta a todo para enfrontarse á vida malia todos os sufrimentos e vexacións vividos. Contra todo prognóstico a obra non pretende ser un texto de teatro documento; pode estar máis preto, se cadra, do teatro de bulevar con trazos de comedia negra e con aliño de teatro do absurdo.

As protagonistas, Maruxa e Lurdes, nos revelan un mundo no que a realidade e a ficción se mesturan en “rea-cción” para rachar coa imaxe idílica ou cos prexuízos do estereotipo social das “solteironas”, e amosan a súa capacidade para realizar actos de impensable violencia, levadas por mor das vexacións sufridas, do illamento e do abandono social. Lurdes e Maruxa son dúas leoas tolas bramando, menopáusicas, maquilladas e dispostas a saciar a súa fame cun bo prato de carne cando a oportunidade peta na porta. Eses actos de violencia, case que invisibles na escena, veñen enfariñados, adobados e condimentados cunha cortiza de linguaxe sinxela, básica, sen moito esforzo intelectual e cunha constante e repetitiva verborrea das personaxes que xa está instalada na convivencia e insatisfacción cotiás.

A frustración, o abuso sexual, afectivo e familiar, e o fracaso vital son as trabes que sosteñen as situacións nas que ten tanto valor o que se di coma o que se cala, o que se ve e o que non. A violencia e a ira expresada nos diálogos delata certa carencia de xuízo das personaxes aparentemente normais; coa figura do “macho” Manolo roldando nas súas mentes enfermas e enchendo de fantasía as súas soidades cómplices, mentres navegan entre castelos polas húmidas ondas no enorme balandro do Manolo; ese Manolo ferrolán omnipresente e ausente ao mesmo tempo, que nos lembra ao personaxe lorquiano de “Pepe o Romano” que levanta paixóns e tamén enfronta ás irmás na Casa de Bernarda Alba.

Como liña de fondo, de forma velada, Ferrol. A cidade na que cando algo destaca hai que tombalo para seguir criticando a súa carencia. Ferrol, o non lugar ou o lugar negado que acouta o pensamento de quen nel habita. Ferrol, o taboleiro de xadrez no que disputar esta partida de damas. Ferrol, o porto do que partiu a singradura teatral do autor aló polo final dos anos sesenta nas naves da Escola de Peritos, do Teatro Estudio e do Pequeño zoo.


Publicidade

Levando a batuta da creación escénica Clara Gayo, tamén actriz e autora e mesmo impulsora da asociación de dramaturxia galega Dramaturga, nas súas orixes. Clara afronta este traballo, con afouteza; cunha revisión do texto para achegalo á realidade de hoxe; dulcifica dalgún xeito o texto e introduce transicións con accións físicas das protagonistas con certo adubo coreográfico e potentes acompañamentos musicais e de luz que fragmentan o texto e manteñen un bo ritmo narrativo. Esta escolla estética queda xa implícita desde as primeiras escenas nas que Clara formula a presentación das personaxes e do espazo escénico ao modo dunha sesión fotográfica para unha revista do corazón; xogando así con todas as miradas posibles e para gañar ao espectador cunha estética que atrapa durante toda a obra; ata rematar cun inesperado epílogo que, por unha banda, sitúa ao público na realidade máis crúa e contundente da violencia machista tan actual como detestable, e, pola outra, que nos dá unha sacudida para poñer o asunto, a historia e o conflito nas nosas mentes. A escolla de Casilda Alfaro (Lurdes) e Mónica Camaño (Maruxa) son o garante dun bo espectáculo. Mónica (quen con 14 anos xa pisaba o escenario do desaparecido Cine Perla de Perlío co grupo de mimo “Ancoradouro”) demostra aquí as súas capacidades como actriz de forma excelente; o mesmo que Casilda, tamén vinculada ao teatro profesional desde sempre e mesmo xograresa do FIOT en 2021.

Carlos Alonso resolve cun notable alto (como adoita acontecer) o contexto, cun artefacto escenográfico do mellor estilo da Bauhaus de Walter Gropius. Carlos utiliza retallos doutros proxectos para construír con artesanía, arte, deseño e atino unha escenografía que crea atmosfera e favorece a acción. Un espazo no que podemos intuír, e mesmo recoñecer, a estética ferrolá das súas rúas con elementos paralelos e perpendiculares que definen o plano da cidade como unha tableta de chocolate. Ese artefacto, aparentemente formado coa armazón duns bastidores, leva pinceladas de brocha extraídas do interior ou do exterior dos fogares da arquitectura ferrolá; retallos dun irrecoñecible rótulo do portón de entrada da Bazán ou de calquera outra institución militar ou civil, un cartabón ou vela de balandro levada á mínima expresión, un fragmento dunha cortina ou algo similar e dúas candeas acendidas entre os bastidores-portas, nos sitúan no Ferrol das damas e incluso no de hoxe mesmo; e conforman o labirinto no que as damas se moven con lixeireza. O vestiario, tamén de Carlos, complementa a caracterización das personaxes mantén unha estética decadente que xoga a favor da verosimilitude das nostálxicas personaxes cunha vernizadura estética que reforza o subxectivo e os sentimentos de Maruxa e Lurdes.

Eduardo Alonso, ademais de autor do texto, tamén lle pon luz ás tebras do escenario; e para iso aproveita toda a súa experiencia e sabedoría e mais as circunstancias técnicas e espaciais que ofrece o Teatro Jofre. A luz neste espectáculo funde con atino no espazo escénico, a escenografía, as transicións, a acción e expresividade das actrices e mesmo a música; favorecendo así a totalidade do espectáculo con efectos que vinculan a todos os signos que o compoñen. Resultando unha luminosidade e uns efectos que evocan a algunha das mellores creacións de Robert Wilson.

Chefa Alonso pon toda a súa experiencia musical e teatral, que non é pouca, ao servizo do espectáculo, ou como ela mesma nos di, a partitura está “entre a canción e o golpe, entre os renxidos do que se teme e a nostalxia que chega. Música para un texto sen piedade nun mundo sen esperanza”. E para iso crea, con estilo de jazz, unha atmosfera musical efectiva e fermosa na que recupera, como introito á apertura do pano, algunha das habaneras compostas para a primeira versión da obra na que tamén creou o espazo sonoro.

Así e todo, no conxunto, o espectáculo resulta un prato de bo gusto para un país que adoita elevar a alimentación ao grao de espectáculo e festa. Así esta “carne ao caldeiro”ou “tripas á moda de Ferrol” pode resultar un primeiro esencial no menú teatral que agardamos poida ser degustado, ademais de en Ferrol, nos catro puntos cardinais de toda Galiza. A realidade sempre se impón se mire desde onde se mire. A non perder.

As Damas de Ferrol, de Teatro do Noroeste

Autor: Eduardo Alonso

Dirección de escena: Clara Gayo

Elenco: Casilda Alfaro e Mónica Camaño

Deseño de escenografía e vestiario: Carlos Alonso

Composición musical: Chefa Alonso

Deseño de iluminación: Eduardo Alonso

Fotos e vídeos: César Seijas

Produción: Eva Alonso

Compañía: Teatro do Noroeste

Estrea, 1 de decembro de 2023 no Teatro Jofre de Ferrol

Francisco Oti Ríos

Francisco Oti Ríos

Cabanas, A Coruña, 1954. É titulado superior en Dirección de Escena e Dramaturxia pola ESAD de Galicia. Entre os textos da súa autoría están: 'Teatro Estudio de Ferrol' (Invasoras 2024); 'Alicerces teatrais en Galiza; unha achega de fontes, fundamentos e feitos (1952-1975)' (Invasoras, 2022); 'Deseñando horizontes. Situación actual, orixe e planificación do futuro do teatro galego', (co-editor) (CCG-AGT, 2022); «De congresos, encontros e outras primeiras historias» (Erregueté, 2020); «A Mostra de Teatro Infantil Galego “Xeración Nós”» (Ferrol Análisis, 2020); 'O Novo Teatro Galego en Perlío: O Teatro Círculo e Tagallo' (Invasoras, 2018); «Dramaturxia de Ferrol. O Grupo Autónomo de Lectura de Obras (GALO)» (Madrygal, 2018); «Teatro do Noroeste. Historia cíclica dunha compañía» (Teatro do Noroeste 2017); «Teatro, carteis e cómic na Galicia dos anos setenta» (Madrygal, 2016); Xestión de proxectos e produción de espectáculos (Galaxia, 2006); 'Técnicas de Teatro' (co-autor) (1997); 'Teatro, o xogo de sempre' (dir. e co-autor) (Xunta de Galicia, 1987); ou os textos teatrais 'Archivos de realidad (Tradución) / Arquivos de Realidade' (Invasoras, 2021) con Julio Fernández; «Unha cuestión familiar» (Dramaturga-Invasoras, 2020); 'Arquivos de Realidade' (Erregueté, 2018) con Julio Fernández; 'Lingua de lata' (Edita T/Invasoras, 2014 [2018]) con Julio Fernández; «Una cuestión familiar» (Q-book, 2017); e «Segundo Ricardo Terceiro» (Revista Núa, 2013).

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

AlvaroArribi BERRO3

Os Premios Max 2024 teñen candidaturas galegas

Imaxe de Jacques Callot.

Nancy