in ,

Ceibe

O desfrute de ceibarse

'Ceibe' de Fran Sieira Cía. de danza. Estrea no Auditorio Municipal Xosé Manuel Pazos Varela de Cangas. Foto: Aigi Boga.
'Ceibe' de Fran Sieira Cía. de danza. Estrea no Auditorio Municipal Xosé Manuel Pazos Varela de Cangas. Foto: Aigi Boga.

Ceibe, da Cía. Fran Sieira Danza, parte dunha investigación que a compañía realiza en xullo de 2022 e que materializan nunha peza chamada Neutrx, onde basean a súa investigación no cuestionamento dos roles de xénero no baile tradicional galego. Esta peza serve de punto de partida e formula a necesidade de seguir avanzando, coa intención de dar lugar a unha obra máis extensa que se materializa con Ceibe.

Ceibe é un espectáculo de danza e musica tradicional no que asistimos a unha liberación fronte aos roles de xénero, dende a posta en escena, a caracterización, o vestiario, os pasos de baile… Todo pon en tela de xuízo o rol de xénero preconcibido dentro do baile tradicional e tamén, por extensión, da sociedade hetero patriarcal e machista na que vivimos.

Poderiamos dividir a peza en tres partes diferenciadas. Ábrese coa entrada no espazo escénico de bailadorxs vestidxs cunhas máscaras feitas de novelos vermellos, enmarañados, que ben poderían ser as liñas vermellas que non debemos traspasar, coma regras para cumprir.  Neste caso semellan ser unha maraña mental de pensamentos e de fíos normativos. Levan, ademais, un vestiario formado por unhas blusas brancas amplas de mangas longas, e uns pantalóns moi amplos tamén, de cor vermella, polo que, nesta primeira parte da peza, o xénero xa está totalmente fóra da escena, xa que só intuímos corpos, non diferenciamos a bailadoras ou bailadores e, ademais, non podemos diferencialos entre si.

Nesta parte ocupan o espazo de xeito case ritual. O espazo escénico e as sonoridades tradicionais tamén contribúen a que isto fique remarcado. Hai unha especie de tótem central, en forma de trenza, feita con prendas de vestiario brancas, tamén hai un pano de boca de cor branca, que ocupa toda a parte do proscenio, do chan ao teito, e que vela a escena, pero ao estar retro-iluminado permítenos ver o que acontece alí dentro. En relación ao espazo, salientar que converxe entre o real e o ficticio, non sabemos se o real é o que sucede na escena e o ficticio está fóra, ou viceversa. A iluminación é tenue, entre sombra e luz, e consérvase case durante toda a primeira parte da peza,


Publicidade

Na segunda parte asistimos a unha revelación e a unha liberación que vai in crescendo. O espazo escénico revélase por completo, ao mudar a iluminación a unha atmosfera máis cálida e máis iluminada e ao caer o pano de boca, que é arrancado polxs bailadorxs de xeito desafiante. Logo desta revelación, dáse paso a unha especie de danza das cintas que parte do tótem central que articula o espazo escénico. Nese desenmarañar das cintas chegamos ao momento no que quitan as máscaras e os pantalóns, para comezar unha secuencia de gran forza, de bailes agarrados en parellas de homes e parellas de mulleres, que van xirando e intercambiándo as parellas. Neses bailes agarrados percibimos un momento de gran beleza, onde os corpos e o xénero xa non importan, só vemos persoas desfrutando, e nos seus rostros brilla a ledicia dos sorrisos de quen sabe que se esta a ceibar dalgo. Unha festa de liberación dos roles de xénero a través do desfrute.

Na terceira parte a música comeza a mudar cara a algo máis electrónico, pero sen perder o foco da sonoridade tradicional. O espazo sonoro marca o comezo dunha rave na que asistimos á liberación total por parte das bailadoras e os bailadores. Quitan as blusas e lévannos a unha éxtase de movemento, na que os canons quedan na marxe.  Un final eufórico que transcende ao patio de butacas, para revelarnos que somos algo máis que homes ou mulleres, que somos persoas.

Ceibe é unha celebración do humano.

Ceibe de Fran Sieira Compañía de danza

Dirección artística: Fran Sieira e Sergio R. Suárez

Acompañamento de dirección: VACAburra

Bailadoras e bailadores: Adela Otero, Adrao Casal, Aida Tarrío, André Adrio, Artur Puga, Cristina Canosa, María Montero, Martín Mondragón e Patricia Sánchez

Música orixinal: MounQup con cancións de Carlos Quintá

Iluminación: Fidel Vázquez

Espazo escénico: Laura R. Iturralde

Vestiario: Érica Oubiña

Espazo sonoro: Isaac Millán

Construción escenografía: Nononon.lab

Imaxe e deseño gráfico: Paulina Funes

Distribución: Urdime

Auditorio Municipal Xosé Manuel Pazos Varela de Cangas do Morrazo, 2 de marzo de 2024.

Alberte Bello

Alberte Bello

Director de arte, creador e docente. Titulado Superior en Escenografía pola Escola Superior de Arte Dramática de Galicia, formándose ademais con profesionais como Carlos Marquerie, Paco Azorín ou Pamela Howard. En 2020 funda o colectivo CMV, onde produce e protagoniza pezas como 'Menu-do día'. Activista LGTBIQ+, colabora coa sección PalcosLGTBIQ+ da Erregueté.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Jon Fosse

Jon Fosse asina a mensaxe internacional do Día Mundial do Teatro 2024

Dispositivo cénico para 'MANJAR' de Tiago Cadete, na Black Box do CIAJG

Encontros na Escola do Espetador Emancipado