O día 8 de novembro tiven a oportunidade de ver o espectáculo Unha inimiga do pobo, de Talía Teatro, no auditorio municipal de Vigo, na súa programación de Vigocultura.
O espectáculo propón unha adaptación do clásico de Ibsen ao mundo no que vivimos, tomando o papel protagonista Helena, unha doutora embarazada, que descobre que o balneario da vila é unha fosa séptica.
Como ben sabemos, este espectáculo arrasou nos premios María Casares de 2024, levando un total de sete galardóns. Amais, Vanesa Sotelo e Tito Asorey son unha dupla artística cuxos proxectos desfruto. Deste xeito, as expectativas coas que eu entraba no teatro eran bastante grandes, e alégrome de dicir que foron máis que satisfeitas.
O máis curioso é que Unha inimiga do pobo tiña todas as cartas para non gustarme: o espectáculo é moi grande, o espazo escénico impresiona e hai unha cantidade considerable de intérpretes traballando na peza, e eu son máis fan do intimismo. Á parte, quero dicir que en estética resulta conservador, a pesar da poesía que ás veces se atopa na iluminación, hai unha tendencia cara ao realismo. Este tipo de pezas non adoitan gustarme (e digo isto insistindo en que é unha cuestión de gustos persoais), mais o espectáculo consegue algo que non todos conseguen, e iso é incomodarme.
Falaba Paco Bezerra de que o teatro ten que incomodar o público, e inclúo eu que temos que incomodar, aínda que se dea unha coincidencia ideolóxica entre os creadores e o público (que en Galicia é o que adoita acontecer). Creo que a meirande parte de espectáculos cunha carga social, coma este, non chegan a facer isto. Como diría os británicos, predican ao coro, e iso pode resultar aburrido. Unha inimiga do pobo é unha peza que consegue enfrontar o espectador coas súas propias contradicións, e iso amosa unha honestidade e capacidade de autoanálise por parte dos creadores digna de ter en conta.
Saín do teatro facendo a autocrítica procedente, e iso é o que quero. Quero ver espectáculos que me axuden a ser mellor persoa, non os que me din que xa o son. Unha inimiga do pobo fíxome reflexionar sobre o meu propio medo, como me relaciono co meu mundo, e de que xeitos son (ou non) cómplice.