in , ,

Primeira edición dos Premios Manu Lago do Novo Circo Galego

Foto de familia da primeira edición dos Premios Manu Lago do Circo de Galicia. Foto: Afonso Becerra.
Foto de familia da primeira edición dos Premios Manu Lago do Circo de Galicia. Foto: Afonso Becerra.

O día 10 de decembro de 2024 foi un día histórico para as nosas artes escénicas. A Asociación de Profesionais do Circo de Galicia (APCG) celebrou a primeira gala dos Premios Manu Lago do Novo Circo Galego no Teatro Principal de Compostela, amosando a consolidación e o alto nivel artístico desta disciplina, na que Galiza é unha potencia.

Os presentadores da gala, Malala Ricoy, vicepresidenta, e Iván Casanova, tesoureiro da APCG, xunto a Antón Coucheiro, que dirixiu o acto e fixo a voz en off. Foto: Afonso Becerra.
Os presentadores da gala, Malala Ricoy, vicepresidenta, e Iván Casanova, tesoureiro da APCG, xunto a Antón Coucheiro, que dirixiu o acto e fixo a voz en off. Foto: Afonso Becerra.

Arrincan os Premios Manu Lago de Novo Circo Galego con tres categorías: Mellor Espectáculo de Circo de Rúa; Mellor Espectáculo de Circo de Sala; e o Premio Manu Lago de Recoñecemento do Novo Circo Galego, outorgado a algunha entidade, compañía, artista ou persoa polo seu labor de apoio, promoción e difusión do circo galego. Os premios son concedidos polas socias da APCG e nesta primeira edición xuntaron, como finalistas, compañías, artistas e asociacións con longo percorrido. Un dos puntais da gala foi que os espectáculos finalistas, en cada unha das categorías, presentaron 5 minutos, nunha demostración do mellor de cada peza.

A presentadora da gala e vicepresidenta da APCG, Malala Ricoy, durante o número circense cun globo. Foto: Afonso Becerra.
A presentadora da gala e vicepresidenta da APCG, Malala Ricoy, durante o número circense cun globo. Foto: Afonso Becerra.

O Premio Manu Lago de Recoñecemento do Novo Circo Galego foi para a Asociación Circo Nove de Compostela, a nave na que teñen escola, espazo para residencias e ensaios e outros eventos, desde hai vinte anos. Tamén estaban de finalistas Pista Catro S.L., unha das compañías máis veteranas e  a Asociación coruñesa Manicómicos.

Bea López, representante de Circo Nove, recolle o Premio Manu Lago de Recoñecemento do Novo Circo Galego 2024, entregado por Raquel Oitavén e Mercé Soler. Foto: Afonso Becerra.
Bea López, representante de Circo Nove, recolle o Premio Manu Lago de Recoñecemento do Novo Circo Galego 2024, entregado por Raquel Oitavén e Mercé Soler. Foto: Afonso Becerra.

Na categoría Mellor Espectáculo de Rúa gañou Circanelo da Cía. N+1 de Alfredo Pérez Muíño, artista cunha grande experiencia que, nesta peza, nos trae un clown de estética Charles Chaplin que, en vez de falar, asubía e nos fai rir e abraiarnos ao mesturar humor branco coa calidade de danza acrobática.

Alfredo Pérez Muíño recolle o Premio Manu Lago ao Mellor Espectáculo de Rúa por 'Circanelo' da Cía. N+1, entréganllo Álvaro Reboredo "Fitinho" e Beatriz Rubio (Cía. IO). Foto: Afonso Becerra.
Alfredo Pérez Muíño recolle o Premio Manu Lago ao Mellor Espectáculo de Rúa por ‘Circanelo’ da Cía. N+1, entréganllo Álvaro Reboredo “Fitinho” e Beatriz Rubio (Cía. IO). Foto: Afonso Becerra.

Na tríade finalista tamén estaban Hoxe si, de Marta Sempre Arriba, no que a artista fai figuras e movementos incribles subindo e baixando por unhas teas, ao ritmo de temas musicais de éxito, deses que transmiten grande forza e optimismo.

Marta Sempre Arriba, finalista ao Premio Manu Lago ao Mellor Espectáculo de Rúa por 'Hoxe si'. Foto: Afonso Becerra.
Marta Sempre Arriba, finalista ao Premio Manu Lago ao Mellor Espectáculo de Rúa por ‘Hoxe si’. Foto: Afonso Becerra.

A outra finalista era A vida tola de Natalia Outeiro “Pajarito”, a grande mestra do clown, cun espectáculo divertidísimo no que ironiza sobre os clixés da muller guapa, atractiva e exitosa.

'A vida louca' de Natalia Outeiro “Pajarito”, finalista ao Premio Manu Lago ao Mellor Espectáculo de Rúa. Foto: Afonso Becerra.
‘A vida louca’ de Natalia Outeiro “Pajarito”, finalista ao Premio Manu Lago ao Mellor Espectáculo de Rúa. Foto: Afonso Becerra.

O gañador ao Mellor Espectáculo de Sala foi Orquestra de Malabares de Pista Catro S.L., un traballo de longo percorrido polo mundo adiante, no que asistimos a combinatorias preciosas de malabares, nunha musicalidade en diálogo con bandas de música municipais dos lugares nos que actúan.

'Orquestra de malabares' de Pista Catro recolle o Premio Manu Lago ao Mellor Espectáculo de Sala. Foto: Afonso Becerra.
‘Orquestra de malabares’ de Pista Catro recolle o Premio Manu Lago ao Mellor Espectáculo de Sala. Foto: Afonso Becerra.

Na tríade de finalistas estaban de Xampatito Pato (Xampi), coa filigrana malabar feita con caixas, e SOLO de Roi Borrallas, coas súas transformacións alucinantes, manipulando unha especie de espuma branca enriba da cara e da cabeza. Espectáculos todos eles que tiveron moitas actuacións e recolleron grande éxito.

Xampatito Pato (Xampi) finalista ao Premio Manu Lago ao Mellor Espectáculo de Sala por 'SÓ'. Foto: Afonso Becerra.
Xampatito Pato (Xampi) finalista ao Premio Manu Lago ao Mellor Espectáculo de Sala por ‘SÓ’. Foto: Afonso Becerra.
Roi Borrallas finalista ao Premio Manu Lago ao Mellor Espectáculo de Sala por 'Solo'. Foto: Afonso Becerra.
Roi Borrallas finalista ao Premio Manu Lago ao Mellor Espectáculo de Sala por ‘Solo’. Foto: Afonso Becerra.

A gala serviu para honrar a memoria dun dos artistas que máis fixo pola consolidación do novo circo en Galiza, o pallaso e malabarista Manu Lago (Manuel Lago García), falecido en 2018. Puidemos ver vídeos de diferentes momentos da traxectoria portentosa deste rapaz, artista e activista circense, dos primeiros en marchar a facer os estudos superiores de circo en Londres e volver a Galiza, para botar a andar múltiples iniciativas que foron moi importantes para o despegue das artes circenses no noso país.

Estes vídeos forman parte do Arquivo do Circo Galego, que comezou a elaborar Raquel Oitavén e que se abriu ao público neste mes de decembro, aloxado na páxina web da APCG e na súa canle de Youtube (no número 108 da revista en papel erregueté vai saír un artigo de Ana Abad de Larriva, na sección de artes circenses, dedicado á elaboración do censo e do arquivo do circo de Galiza, xunto a outro de Álvaro Reboredo “Fitinho” sobre a aventura do circo de toldo).

Os premios entregados son pequenas esculturas que lembran a Manu Lago, creadas pola artista plástica Raquel Germade.

En nome da Agadic, Xunta de Galicia, Fran Núñez, o director do CDG. Foto: Afonso Becerra.
En nome da Agadic, Xunta de Galicia, Fran Núñez, o director do CDG. Foto: Afonso Becerra.

Na gala interviñeron, por parte da Agadic da Xunta, Fran Núñez, o director do CDG, institución que presenta unha nova produción de circo, dirixida por Pablo Reboleiro, en 2025, a deputada de cultura da Deputación da Coruña, Natividade González, e a alcaldesa de Compostela, Goretti Sanmartín, que manifestaron o seu apoio ás reivindicacións do sector. Goretti Sanmartín puxo de relevo o valor engadido para Compostela e para o país que achega o circo galego, caracterizado non só pola mestura das súas disciplinas clásicas coa danza, o teatro e o cabaré, senón tamén pola lingua e por un humor galegos.

Goretti Sanmartín, alcaldesa de Santiago de Compostela. Foto: Afonso Becerra.
Goretti Sanmartín, alcaldesa de Santiago de Compostela. Foto: Afonso Becerra.

Durante a gala, dirixida por Antón Coucheiro, as presentadoras e os presentadores fixeron números de maxia e de humor, entraron no palco descendendo das alturas, metamorfoseándose nun globo enorme etc. Tamén desfrutamos dos malabares co número das dagas e con Fran Núñez, o director do CDG, no medio, como voluntario. Foi unha primeira edición divertida, chea de emoción e abraio, grazas ao aire desenfadado e á calidade obxectiva que requiren moitas das disciplinas das artes circenses.

Isaac Rodríguez, presidente da APCG. Foto: Afonso Becerra.
Isaac Rodríguez, presidente da APCG. Foto: Afonso Becerra.
O director do CDG, Fran Núñez, participando no número das dagas malabares, dentro da primeira edición dos Premios Manu Lago do Circo. Foto: Afonso Becerra.
O director do CDG, Fran Núñez, participando no número das dagas malabares, dentro da primeira edición dos Premios Manu Lago do Circo. Foto: Afonso Becerra.
Afonso Becerra
Latest posts by Afonso Becerra (see all)

Afonso Becerra

Afonso Becerra

Director da erregueté | Revista Galega de Teatro. Pertence ao seu Consello de Redacción desde o 2006. Doutor en Artes Escénicas pola Universitat Autònoma de Barcelona. Titulado Superior en Dirección escénica e dramaturxia polo Institut del Teatre de Barcelona. Titulado en Interpretación polo ITAE de Asturies. Dramaturgo e director de escena. Exerce a docencia en dramaturxia e escrita dramática na ESAD de Galiza desde o ano 2005. É colaborador, entre outras publicacións, de revistas de cultura e artes performativas como 'ARTEZBLAI', 'Primer Acto', 'Danza en escena', 'Tempos Novos', 'Grial'. Entre setembro de 2019 e xuño de 2021 foi colaborador especialista en artes escénicas da CRTVG, no programa 'ZIGZAG' da TVG. Desde setembro de 2022 é colaborador semanal sobre artes escénicas do 'DIARIO CULTURAL' da RADIO GALEGA.
Premio Álvaro Cunqueiro da Xunta de Galicia en 2001. Premio María Casares á Mellor Adaptación teatral en 2016. Premio de Honra do Festival de Teatro Galego, FETEGA, do Carballiño (Ourense) en 2020. Premio Internacional de Xornalismo Carlos Porto en 2024 e 2026, de prensa especializada, do Festival de Almada, organizado pola Câmara Municipal de Almada, do que tamén recibira unha Mención Honrosa en 2020.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Entrega Premio Certame Manuel María de Proxectos Teatrais 2024

O 4º Certame Manuel María de Proxectos Teatrais entrega o premio a ‘Berenguela na gaiola’

Associação de Teatro Amador de Lanheses

PLATTA en Arcos de Valdevez, “onde Portugal se fez”