Como estar sen ollar para o teléfono?
Como camiñar sen mirar para o teléfono? Sen ver o Whatsapp, as notificacións das nosas redes sociais, as mensaxes, as stories…?
Como cociñar sen mirar para o teléfono?
Como comer sen mirar para o teléfono?
Como cagar sen scrollear?
Como fumar sen mirar para o teléfono?
Como esperar sen mirar para o teléfono?
Como traballar sen mirar para o teléfono?
Como ir no transporte público sen mirar para o teléfono?
Como estar nas aulas sen mirar para o teléfono?
Isto último, por exemplo, é o que fan algúns dos meus alumnos nas miñas aulas de dramaturxia. Cando van ser avaliados por traballos prácticos individuais non lles digo nada adrede para saber quen está no que está e quen está no teléfono.
A calidade da atención, desde que andamos enganchados ao mundo dixital, minguou considerablemente.
Non son psicólogo nin especialista na materia. Porén, podo percibir a adicción ao móbil en moita xente que me rodea, incluída unha boa parte do alumnado.
Vai iso en detrimento da calidade da atención?
Penso que si, porque os resultados académicos son mediocres ou directamente negativos, en comparación a cando non mandaban as pantalliñas dos teléfonos.
Outra cuestión importante, sobre a que xa teño reflexionado noutros artigos: a ansiedade, a precipitación, a urxencia por resolver ipso facto aquilo que necesita un tempo de atención e esforzo demorado.
Cando expoño un concepto dramatúrxico novo que o alumnado descoñece e que vai ter que aprender e aplicar nos seus exercicios prácticos, unha boa parte entra en pánico. Necesitan entendelo de inmediato, no mesmo instante en que o enuncio e o presento. É nomear o concepto e eles querer entendelo coa mesma rapidez coa que consomen as “ensinanzas” dun influencer ou as “leccións” dunha story de Tiktok.
Isto, claro está, xera unha ansiedade e unha desesperación que non son nada edificantes.
O pensamento complexo, a análise demorada que require tempo de dedicación, a paciencia, están sendo fulminadas polos ritmos impostos polo consumo dixital.
E cando imos ao teatro?
Creo que boa parte do meu alumnado de Arte Dramática non vai moito ao teatro. E podo entendelo, pezas dun minuto, tipo story de Tiktok, non hai moitas. Ademais, como estar no teatro sen mirar para o teléfono?
- Como estar no teatro sen mirar para o teléfono? - 01/03/2026
- Class Enemy - 05/02/2026
- Ábrese o pano e ábrese un libro - 11/01/2026


