Un espectáculo para público familiar que aborda a inmigración e o medo ao diferente. Así presentou esta semana a compañía Elefante Elegante Coralinda, a súa nova creación escénica, que estreará en Galicia mañá, sábado 21 de marzo, ás 19:00 horas no Auditorio Municipal de Rianxo.
No acto de presentación participaron a propia compañía —as súas persoas creadoras, María Torres e Gonçalo Guerreiro, e o elenco da obra, Sofía Espiñeira e Pablo Sánchez—, acompañada por Penelope López Díaz, concelleira de Cultura do Concello de Culleredo; Jacobo Sutil, director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e Julio Alcalde Hermo, concelleiro de Educación e Cultura de Rianxo.

Durante o acto, a compañía amosou algunhas escenas da peza e compartiu as claves dunha proposta escénica que aborda a inmigración e o medo ao diferente a través do humor, a emoción e unha potente linguaxe visual.
A obra está dirixida ao público familiar, a partir dos 3 anos, e inspírase no universo dos debuxos animados para construír unha comedia xestual sen palabras, que busca ser “accesible e universal” e convidar “a reflexionar sobre as experiencias das persoas que se ven obrigadas a deixar o seu fogar na procura dun lugar mellor”.
Sinopse
“Nun lugar cincento, vive un señor todo vestido de cincento que manipula unha serie de caixas… cincentas. Un día, chega unha muller. Ven cantando e bailando alegremente. Trae un vestido colorido e unha actitude exuberante que non deixa a ninguén indiferente. Así que ve ao señor, diríxese a el. Pero este, desconfiado ante expresividade dos xestos dela e o volume da súa música, constrúe un enorme muro que lle impide entrar. Ela tenta dicirlle que as súas intencións son pacíficas e amigables, pero o señor amósase indispoñible a comunicar coa visitante. Será que estas dúas persoas, aparentemente tan opostas serán quen de construír un lugar diferente, onde collan moitas máis cores e máis persoas?”.


