in , ,

A compañía ferrolá Opaí Teatro é galardoada nos Gil Vicente European Amateur Theatre Awards

Recibiu o premio ao mellor proxecto artístico por ‘De marzo a marzo’

Foto da entrega nos Premios europeus Gil Vicente
Foto da entrega do premio a Opaí Teatro. Fonte: Opaí Teatro.

A compañía de teatro amador contemporáneo de Canido (Ferrol) Opaí Teatro vén de ser galardoada co premio ao mellor proxecto artístico nos Gil Vicente European Amateur Theatre Awards (Premios Europeos de Teatro Amador Gil Vicente) que organiza a compañía portuguesa Teatro de Balugas e que buscan distinguir “o mellor do teatro amador europeo”.

Parte do grupo ferrolán trasladouse para recoller o galardón na gala dos premios que se celebrou o pasado sábado 28 de marzo no Theatro Gil Vicente de Barcelos (Portugal), unha cerimonia creada especialmente “para celebrar a orixinalidade, a creatividade e o compromiso no teatro amador europeo”.

O xurado resaltou “a forte ligazón de Opaí Teatro coa comunidade e a memoria colectiva”, así como “a singularidade do proxecto De marzo a marzo, que evoca a memoria da represión das loitas obreiras de marzo de1972 en Ferrol”. Esta obra é resultado dun proceso de investigación que partiu da documentación histórica e da recollida de testemuños a través de entrevistas individuais e xuntanzas con protagonistas dos sucesos. O texto, creación de Cristina Mariño e Carlos Castrillón, enlaza os feitos do pasado coas loitas que acontecen no presente.

O proceso creativo iniciouse en 2021 coa proposta, por parte da organización do 50º Aniversario do 10 de marzo, de realizaren unha peza teatral conmemorativa. O espectáculo percorreu numerosos escenarios e o traballo xa foi recoñecido en certames como a Mostra de Teatro Afeccionado de Sada, o Certame de Teatro Afeccionado de Foz ou o Certame Amador de Arteixo.

Opaí Teatro, da SRD Canido, comezou a súa andaina en 2020 e dende aquela puxo en marcha nove montaxes e actualmente participan na compañía máis de trinta actrices e actores.

Estrea do proxecto De marzo a marzo
Imaxe da estrea do proxecto ‘De marzo a marzo’. Fonte: Opaí Teatro.
Redacción

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Foto: José Caldeira - TNSJ

O Fim