Como en todas as publicacións desta colección, ademais do texto en si, hai unha primeira parte na que se presenta ao equipo que participou na montaxe e se comentan diferentes elementos escénicos; acompañándose con ilustracións do vestiario, a escenografía, a montaxe…
Nesta publicación cabe destacar o apartado dedicado á linguaxe específica das marionetas, así como a análise do contexto no que a obra se escribe por primeira vez e a análise do propio texto orixinal. Preséntanse tamén un par de propostas de traballo interdisciplinar para as áreas de historia e literatura galega.
O texto orixinal rematou de escribirse no 1921, hai 100 anos, aínda que non se publicaría ata o 1926. O libro, con portada de Castelao foi moi ben recibido pola intelectualidade galega da época e reeditouse en 1929. Ano no que se puxo en escena por primeira vez a versión operística D’O Mariscal, con decorados de Camilo Díaz Valiño. Sendo esta a primeira ópera en galego que se puña en escena.
En 1994, o Centro Dramático Galego estreou esta versión adaptada e representada por marionetas. Cabe destacar o feito curioso de que o CDG, que non adoita montar espectáculos de marionetas, escollese precisamente esta técnica para este texto e esta temática . En 2010 volveu a poñerse en escena a ópera dentro da programación do Xacobeo. O texto orixinal, interpretado por actores e actrices permanece aínda hoxe sen levarse a escena.
Ramón Cabanillas e Vilar Ponte escriben sobre a figura de Pardo de Cela e a súa captura e execución por ser ese un momento histórico idóneo para a representación do conflito nacional. Segundo o propio Vilar Ponte: “Co aforcamento do indomabre galego Pardo de Cela, sucumbeu a nacionalidade galega” (Emilio Xosé Insua López, 2005, p.131).
A adaptación que nos ofrece o CDG desta lenda tráxica en verso é unha versión moi reducida mais respecta a trama central baseada na traizón, a derrota e o engano do final que impide salvar a vida dos condenados.
É este un caderno de lectura fácil, amena e interesante que ben se pode recomendar para a ESO.