Pensar co corpo é un pequeno manual que ten como obxectivo profundar no coñecemento e na toma de conciencia do propio corpo como instrumento teatral, así como no campo da expresividade corporal.
O libro estrutúrase en catro partes:
Organicidade, na que o autor profunda na procura do movemento orgánico e natural, na consciencia e no coñecemento do propio corpo.
Organización, leva a explorar a resposta aos estímulos externos, as expresións sonoro-textuais, a memoria sensitiva…
Invención, propondo improvisacións con obxectos, con música, con escenas que mudan cun novo actuante que se incorpora..
Teatralización, proceso que culminará na representación.
Estes catro apartados guían un traballo progresivo que é importante ter en conta e que Manuel Lourenzo expón logo de anos de experiencia no eido do teatro.
É un libro moi útil para o profesorado de Primaria e Secundaria á hora de traballar o teatro no ensino, pois aporta propostas de traballo e experiencias didácticas, mais tamén unha argumentación da valía e importancia das mesmas.
Desde a creación do Estudio de Teatro Casahamlet na Coruña, en 1988 Manuel Lourenzo desenvolveu nel case toda a súa actividade teatral como profesor, director de escena e actor.
Como autor conta con máis de sesenta libros publicados. Traduciu tamén ao galego obras teatrais de autores como Brecht ou Chéjov, entre outros.