O Premio “María Teresa León”, que convoca a ADE xunto coa SGAE e o Instituto de la Mujer, busca resaltar o traballo das mulleres na produción artística contemporánea, así como dar publicidade a autoras menos coñecidas polo público e colaborar na creación de espazos que faciliten a divulgación das súas obras. Leva ese nome en memoria da dramaturga da Xeración do 27, Mª Teresa León Goyri.
En Cartas de consuelo as protagonistas son dúas secretarias dun centro psiquiátrico na Alemania nazi que teñen que comunicar, mediante cartas dulcificadas, a morte dos pacientes aos seus familiares. Estas mortes, que en realidade son producidas polo propio centro a xeito de exterminio das persoas que non son consideradas válidas socialmente, trasládanselle ás familias con gran pésame e valorando a vida dos pacientes e as súas calidades, ocultando, por suposto, o gran sufrimento no que remataron os seus días. A parte destas traballadoras, hai un relator que introduce un discurso informativo sobre as situacións nas que vivían as persoas con enfermidades mentais na época e outros personaxes que poden ser títeres ou sombras, os cales fan de apoio nalgunhas das escenas.
En Acuática hai cinco personaxes que se enfrentan aos seus desexos e á necesidade de mudar as súas vidas. Todos eles, cuns obxectivos aos que se entregan de xeito casi obsesivo, acaban interaccionando entre si, ben porque xa tiñan unhas relacións previas -caso de Laura, o Entrenador e o Nadador- ou ben por acontecementos casuais, no caso do Home e da Moza. Comeza o texto cunha escena cómica e tensa na que dúas descoñecidas, Laura e a Moza, se atopan ao pé duns cantís, á sombra dunha autocaravana, e curiosamente ao final volven ter ambas mulleres outro encontro ao pé da autocaravana, que marcará o remate desta comedia tráxica. “Ti cres no azar ou no destino? Eu creo que o azar ten sentido… debe telo… seguro”, di Laura ao final.
Ambos textos indagan na psicoloxía humana ao tempo que os personaxes enfrontan situacións límites.
Laura Blanca Coton é unha escritora arxentina recoñecida con diferentes premios tanto dentro do seu país como fóra. Begoña Tena é cantante e letrista do dúo experimental Antorcha Amable e comezou a escribir no ano 2005.