O libro ten tres partes diferenciadas:
Deus Fratesque Gallaetiae: As Irmandades da Fala. Título que recolle o lema dos Irmandiños e que á vez nos lembra o “Deus fratesque Gallaecia” de Alfredo Brañas musicado e popularizado por Suso Vaamonde.
Nesta primeira parte os autores fan un percorrido histórico das Irmandades destacando a súa constitución en 1916, a celebración da I Asemblea en 1918 e as consecuencias da Ditadura de 1923.
O ideario teatral irmandiño. Un dos obxectivos das Irmandades era a actividade dramática, superando a concepción do teatro galego como unha simple exhibición de asuntos folclóricos sen transcendencia e o outro obxectivo fundamental era, por suposto, reafirmar a funcionalidade do idioma.
Nesta segunda parte analizan o labor propiamente teatral das Irmandades, coa creación en 1919 do Conservatorio Nazonal de Arte Galego (CNAG), dirixido nun primeiro momento por Fernando Osorio, actor galego diplomado na Escola de Lisboa, quen ademais se encargaba da formación en interpretación. A análise complétase coas tarefas desenvolvidas polo Cadro de Declamación da Irmandade e da Escola Dramática Galega (1922).
De todas estas andanzas queda constancia no voceiro A Nosa Terra, mais coa chegada da Ditadura a acción cultural queda totalmente limitada, prohíbense as actividades da EDG, os cursos de lingua e outras moitas iniciativas.
Antoloxía. Última parte do libro na que se recollen escenas das pezas clave das Irmandades ao longo da súa singradura, rematando co texto O Mariscal, que Vilar Ponte lle encomendou a Cabanillas, mais que quedou fóra do repertorio da Escola Dramática Galega; texto do que xa se falou no Boletín FTMC número 14.
Esta obra axuda a profundar nunha etapa da nosa historia que supuxo unha oportunidade de dignificación da lingua e da cultura galega. Moi recomendable para traballar en secundaria, nas áreas de literatura galega e de historia.
Carlos Caetano Biscaíno ademais de ter experiencia como actor, docente, director, crítico e guionista, tamén é autor de varios libros relacionados co teatro entre eles o Manual nº 5 de Casahamlet: Conformando o brinquedo; reflexións á volta da preparación do actor.
Cilha Lourenço é profesora na UDC e ten escrito sobre o Teatro Circo, mais tamén sobre outros aspectos relacionados co teatro en obras colectivas. Como actriz traballou no Teatro do Alvardán, no Clube Teatral Elsinor e na Compañía Casahamlet.