Sen vergonzas, conta con tradución de Heitor Mera ao galego e está editado pola Revista Galega de Teatro no nº 47.
Se as dúas obras anteriores están dirixidas para a infancia a que imos comentar agora vai dirixida á mocidade. Esta peza, na súa tradución ao galego, foi levada a escena en diferentes ocasións polo Grupo de Teatro do IES de Rodeira de Cangas en 2005 e participou na IX Mostra de Teatro de Ensino Secundario (MOTESMO).
En clave de comedia e de humor esta obra fala “sen vergonzas”, dos afectos e dos medos, dos complexos, da sida, da homosexualidade, dos anticonceptivos, do sexo…
É un monólogo contado a moitas voces, un traballo coral. Non hai un fío narrativo, só unha sucesión de escenas ligadas entre si que serven para plasmar as situacións individuais e colectivas que rodean á mocidade no terreo da sexualidade.
Un texto fresco, directo, natural preto á linguaxe dos xoves.