Versión escénica da novela Retorno a Tagen Ata que foi publicada por vez primeira en 1971 por Edicións Castrelos na memorable colección o Moucho e que foi adaptada ao cinema en 1974 nunha cortametraxe de Eloy Lozano.
Esta versión teatral editada agora foi levada a escena en novembro de 1990 nunha coprodución entre a Cooperativa Teatro Caritel e Teatro do Noroeste coa dirección de Eduardo Alonso. Actuaron Imma António e Miguel Pernas que prologan arestora esta edición con suxestivas lembranzas do que foron os ensaios e todo o proceso da montaxe.
….Que conta Tagen Ata? Unha das Histórias máis vellas sobre os grupos humanos e a súa identidade neste mundo, a loita pola liberación Nacional dun pobo colonizado e, porén, oprimido, e as voltas e reviravoltas que ese proceso conleva. Encontros e desencontros, lealdades e traizóns… Porque Tagen Ata é unha alegoría sobre Galiza, responde Miguel Pernas.
Alén de publicar este texto, Edicións Positivas na súa colección Diteatro ten tamén os seguintes títulos:
Doppelgängen de Paula Carballeira; Santa Bolaña 2018; Da avaricia, a luxuria e a morte, de Valle Inclán en versión de Manuel Guede; Polos camiños do tempo, de Gustavo do Campo; Somos criminais, de José Prieto, Xosé A. Touriñan, Carlos Blanco; e Casa de bonecas de H. Ibsen, versión de Xoán Carlos Mejuto.