Durante 15 anos e en diversos grupos teatrais, o autor fixo teatro por diversas zonas da provincia de Lugo e o occidente asturiano. Fixo teatro como actor, representando sobre os escenarios unha chea de obras, e tamén como autor, escribindo comedias para os grupos Raiolas, A Maseira, Trípode, e o Grupo de Teatro do Instituto de Ensino Secundario Alfoz-Valadouro, no que é profesor de Ciencias Sociais.
O teatro que se presenta neste libro é teatro afeccionado, xeralmente cómico, aínda que non exento de mensaxe. Obras de teatro afeccionado, que é a mellor forma de definilas, pero nese adxectivo de afeccionado –manifesta Peinó- non debe verse un ton despectivo, porque o teatro afeccionado é unha forma de teatro máis, diferente ao teatro profesional, pero non inferior.
O libro ofrece 20 obras desta modalidade de teatro, todas comedias, todas representadas en público (algunhas en decenas de ocasións) e moi coñecidas polos concellos da Mariña Lucense, onde principalmente se ofreceron.
En cada unha das 20 obras, atópase unha breve historia de cómo xurdiu o texto, a descrición dos personaxes e as indicación dos decorados.
Obras: Coidadiño no Camiño; A verdadeira historia de Parvo de Cela; Alí vén o teu pai; Os paramandruscos azuis; Revolución no ximnasio; A máquina do tempo; A apidemia; A pedreira; O Inimigo Público Número 1; Bruxas, vampiros, trasgos e fantasmas; O príncipe debe casar; Cursiño antimachista; Asasinato na tenda de roupa; Ladronzuelos no belén; Non volvas, Salustio, non volvas; Cousas de vellos; A caixa de Pandoriña; Diñeiro negro; Deusas; O caldeiro Máxico.
Teatro para ler e para representar por outros grupos de teatro amador .