Este volume recolle críticas, artigos, estudios, entrevistas, recensións…cousas escritas sobre teatro desde 1992 ao 2002.
Dez anos de traballo a pé de escena, o libro recolle, entre outras cousas, unha andaina ben representativa da creación teatral e literaria galega. Nas súas páxinas aparecen reflectidos e analizados os traballos de autores, directores e compañías moi significativas, polo que o valor da escolma aumenta en tanto pode resultar de utilidade para analizar a historia recente do teatro e da literatura dramática galega.
Para facilitar a lectura e consulta, o volume inclúe un índice de autores, obras, textos, directores, espectáculos ou autoridades.
Un dos capítulos está dedicado a unha serie de entrevistas con directores de escena. Nelas se analizan cuestións certamente relevantes para o exercicio profesional sobre todo se consideramos a traxectoria dalgunha das voces convocadas v.g:Peter Brook.
Entrevistas que teñen un valor dobre, pois se dunha banda informan de aspectos concretos do acontecer histórico da outra tamén conteñen atinadas consideracións respecto de aspectos tan relevantes como a interpretación, a dirección de escena ou as relacións entre escrita dramática e creación teatral, a través da palabra de persoas como franco Passatore, Pino Capitani,Luís de tavira, Antonio Simón, José Martíns ou Manuel Lourenzo…
Outras seccións deste volume presentan materiais moi diversos, todos relacionados coas políticas culturais e teatrais, con propostas de exhibición como mostras e festivais e coa súa lectura crítica, coa situación das ensinanzas teatrais ou co proceso de estabilización e regularización da actividade teatral e coa conseguinte creación de tecido teatral teima que leva directamente ás compañías residentes, un discurso que se fai recorrente.
Os potencias lectores destas crónicas ben poden ser todas as persoas interesadas no estudio dos procesos de creación, difusión e recepción cultural e por suposto as alumnas e alumnos da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia e as xentes do teatro amador.
O autor, licenciado en Filoloxía Xermánica e doutor en Ciencias da Educación é un investigador, tradutor e animador teatral imprescindible no teatro galego contemporáneo. Foi director e profesor da ESADg desde a súa fundación en 2005 até a súa xubilación.