Este libro recolle a investigación e recolleita de documentos (programas de man, carteis, fotografías e testemuños orais) realizadas ao longo de varios anos por Francisco Piñeiro, coa colaboración de María Paz Rodríguez Silva.
As súas páxinas son tamén un froito colectivo. Están escritas pola amizade e o altruísmo de máis de medio cento de colaboradores espallados dentro e fóra das fronteiras dese escenario azul e verde que conforman o mar coas serras do Xistral e da Corda: Mondoñedo, Ribadeo, Viveiro, Foz, Vilanova de Lourenzá, Ourol, Alfoz, Riotorto, Burela, Xove, O VIcedo, Ferreira do Valadouro, Barreiros, Trabada e Cervo.
Como escribe no prólogo, desde Vilaúde, Manuel Lourenzo: Hoxe, e docemente neste libro comezan a danzar, en amorosa procesión, os nosos cómicos…os artistas das terra da Mariña…; os mariñáns que ven o mar de cara e aqueles que só o presenten, montañeses e valecos que un día, porque faltaba alguén no grupo ou porque tiñan boa figura, ou má, ou eran ricos ou non tanto, por algunha casual circunstancia, se viran lanzados á vertixe do palco, escénico, recitando os versos dalgunha gloria ou facendo de crego, de bandido, de fidalgo, de burgués, de princesiña ou de tarasca….personaxes, tal vez por un día e xa para toda a vida…
Con voces cada vez máis afinadas nos usos da lingua propia, na eficacia dos recursos expresivos e estilísticos, na absoluta propiedade do teatro para rexistrar os pulsos do presente, para ser, entre todas as artes, aquela que non pode ser substituída por ningunha outra: é dicir, a propia vida, convenientemente enmascarada, para que nos represente sen truco nin artificio.
Este libro non é un dicionario de grupos, actuacións, actores, directores e outros “facedores de teatro”… É algo diferente e algo máis: unha “revista” posíbel- non hai obras terminadas- ao que foi e é o teatro na comarca mariñá: as súas xentes, autores, actores, escenógrafos, músicos, alfaiates, etc…mais tamén a aventura que supón en todo tempo o “uso” e marabilla do teatro, desde o primeiro ensaio até a postreira representación: viaxes, comidas, aloxamentos, amizades, amoríos, sorpresas, altercados…Todo o que constitúe, en fin, unha aventura destinada á diversión presidida pola máscara, nunca á distracción ou pasatempo inútil.
Un libro necesario e un exemplo a seguir para gardar a memoria dos grupos amadores ciscados por todo o País.
Francisco Piñeiro González (Mondoñedo 1956). Mestre e escritor, para completar o seu traballo pedagóxico realizou varias experiencias teatrais no Auditorio de Sargadelos escribindo e representando dez pezas de teatro infantil.
Fundador e director de varios grupos de teatro para adultos na Mariña Lucense : O Bordelo de Cervo (1988), A Adala de Fazouro (1999), O Batán de Cangas ( 2009).
Entre as súas obras máis representadas destacan: Andar á comenencia; Na Encrucillada; Cambadelas; Relax-Total; Trébedes sen lume; Plática Sisual; A criada xorda: Mazás de Cuco; Escoitando cores; O Espello do Prestamista; Ferro e Fariña; Fobias con amor; A derradeira batalla do Marqués de Sargadelos publicada por Edicións do Castro.
O autor tivo a xentileza de asinar o volume: Que estas catro liñas coas que dedico este libro ao Fondo Teatral “María Casares” da Biblioteca Pública de Cangas sirvan de agradecemento para todos aqueles que traballan de forma altruísta polo ben da cultura galega dándolle ao noso o valor que merece. Francisco Piñeiro. Daián. Cervo. 3/09/2019.