Entre o milagre e a Revolución
| Manuel Xestoso |
A revista goza de mala fama polos longos anos en que tratou de disimular que sobrevivía mentres afogaba nos seus propios tópicos. E, non obstante, na súa orixe compartía moitos elementos co cabaré literario, co burlesque, co music-hall. E, tamén, co teatro político. En Portugal, a revista autóctona serviu de único baluarte ante as impiedades da censura durante os anos da ditadura, e quizais iso é o que levou á compañía Teatro Praga a recuperar o xénero: reivindicar o espectáculo como forma popular de crítica.
Conseguírono: Tropa fandanga semella unha gala de Eurovisión dirixida por Bertolt Brecht. Iso sí, o único participante desa curiosa edición sería Portugal. Un Portugal cuxos tópicos máis reverenciados se desafían na busca da reflexión sobre a identidade nun pobo que, como tantos outros, ve destruídos os lazos comunitarios en beneficio do beneficio. O neoliberalismo deixa pouco espazo para sentirse portugués, ou galego, nin tan sequera alemán. Apenas nos queda a opción de ser consumidores, precarios, talvez emprendedores.
Asistindo á representación desta revista, non se pode menos que considerar con que rapidez iso que chamamos Europa logrou decepcionar á poboación europea. A entrada en Europa –nesas institucións que se arrogan o dereito de usar ese nome– foi vista case sempre como unha garantía de entrada na modernidade, nunha modernidade en que os mínimos de civilización e dignidade estaban garantidos. En pouco máis de dúas décadas, Europa revelouse, porén, coma a responsable da perda de case todos os dereitos que permitían seguir soñando con aquelas tres palabras: liberdade, igualdade, solidariedade. Posiblemente a clave está no lapsus entre o que o pobo entendía por Europa e o que os seus representantes decretaron que debía ser.
Dese desengano fala esta obra. Talvez os portugueses se dividan entre os que veneran o milagre de Fátima e os que honran a Revolución dos cravos; pero todos eles atopan un punto de encontro nos shopping center e nos reality shows. Neste sentido, Tropa fandanga funciona como espello que destrúe calquera mito fundacional para enfrontarnos coa nosa verdadeira posición. Algúns o toman como provocación: debería ser visto máis ben como unha salutífera busca de vieiros alternativos.
E, con gran dominio da ironía, esta busca realízase a través da forma teatral considerada máis caduca e avellentada, demostrando que unha nova mirada pode cambiar a realidade máis cansa. O elenco avanza en fila india pola liña que separa o kitsch da vangarda, e descobre que a diferenza non é insalvable. Que entre o discurso posdramático que esixe a frontalidade e o monólogo do chistoso apenas se interpón un grao de autoironía. Aínda que non queda claro a favor de quen.
Cun gran respecto polo xénero, a compañía converte está función nunha extraordinaria máquina teatral na que se administran sabiamente os momentos de humor fácil, os de humor intelixente e os de humor corrosivo disfrazado de chiste barato. Hai fado tradicional e novas músicas, números clásicos e innovadores. Nada diferencia Tropa fandanga dunha revista clásica e, non obstante, todo é novo. Esencialmente, é divertida e conmovedora. E talvez por aí deban comezar os cambios.
Tropa fandanga de Teatro Praga
Dirección: Pedro Zegre Penim, José Maria Vieira Mendes e André e. Teodósio
Elenco: José Raposo, André e. Teodósio, Cláudia Jardim, Diogo Bento, Diogo Lopes, Filipa Cardoso, Joana Barrios, Joana Manuel e João Duarte Costa
Corpo de baile André Garcia, Jenny Larrue, Travis Walker e Vicente Trindade
Escenografía: José Capela
Deseño de iluminación: Daniel Worm D´Assumpção
Son: Carlos Casado
Cancións orixinais: Sérgio Godinho
Coreografía: João dos Santos Martins
Fitei, Festival Internacional de Teatro de Expressão Ibérica. Teatro Rívoli, Porto, 13 de xuño de 2015.