in

Um museu vivo de memórias pequenas e esquecidas

craveiro |

Unha voz con voces para re(con)stituír a memoria

| Vanesa M. Sotelo |

Craveiro

 

O silencio pódese impoñer; o esquecemento, non. Por iso é preciso preparar o espazo para que a memoria fale. Con Um museu vivo de memórias pequenas e esquecidas, Joana Craveiro constrúe o dispositivo necesario para rescatar e amplificar as voces do pasado. Faino a través de historias individuais que atravesan as oito últimas décadas da historia de Portugal –desde a instauración da ditadura militar que daría orixe ao Estado Novo ata os corenta anos que sucederon á Revolución do 25 de abril. Concibido como teatro-documento, Un museu vivo de memórias pequenas e esquecidas é, ante todo, unha experiencia desde a que reconstituír a memoria e restituír a identidade de varias xeracións que aínda se preguntan que foi a revolución e se esta acabou ou aínda está por facer.

“Pódese falar das contradicións dun país e das complexidades da súa historia durante catro horas e media coa forma dun monólogo?” Esta é unha das preguntas sobre a que se estruturou o presente traballo da compañía Teatro do Vestido e a resposta, positiva, queda patente na acollida do público no Teatro-Estúdio António Assunção durante o XXXII Festival de Almada. Joana Craveiro asenta a súa proposta nun traballo de investigación e documentación intenso e rigoroso que desemboca nunha execución escénica intensa, intelixente, esixente e medida con grande honestidade. Estruturado en sete partes –con prólogo e epílogo- este museo é un espello desde o que poder recoñecerse e descubrirse na historia coa guía da palabra en combinación cunha coidada selección de elementos visuais e rexistros sonoros.

Um museu vivo de memórias pequenas e esquecidas é, por riba de todo, unha experiencia intensa, extensa e próxima. A proximidade formúlase desde o inicio e desprégase a cada paso coa exposición de vivencias que abordan o universal desde a memoria local e o persoal. No percorrido que deseña este museo-teatro-experiencia, Craveiro rescata a figura dos heroes e das heroínas anónimas, recupera os pequenos actos da resistencia que poñen en valor a importancia da cultura e sitúa a actualidade en diálogo co pasado. A proximidade que require a proposta complétase ademais coa enerxía desbordante e o verbo imparable cos que Craveiro atrapa e implica a cada persoa asistente. Ela é portavoz e altofalante. A súa presenza prepara o terreo para asistir á conmoción, á emoción, ás nostalxias, ás esperanzas, as frustracións, ás vitorias e ás utopías.

Un museu vivo de memórias pequenas e esquecidas conta, mostra, comparte, fala, cuestiona, reivindica, denuncia, visibiliza, revive, reconstrúe, fai presente. O espectáculo constitúe un patrimonio de gran valor para restituír a memoria –non só portuguesa, mais ibérica- ameazada por políticas que intentaron destituír identidade e memoria. A súa é unha voz chea de voces que desafía a dar pasos de futuro. É unha man que recupera poemas escritos no aire con espiñas de peixe para saber que somos e que facemos aquí ou cara onde imos. É unha mirada que cuestiona e acende pensamentos adormecidos como a pregunta que apuntaba unha espectadora que confesaba sentirse culpable por non ter sido nin presa nin mártir como outros compañeiros. A súa pregunta era: “Será que a revolución está aínda por facer?”


Publicidade

 

Um museu vivo de memórias pequenas e esquecidas
Compañía: Teatro do Vestido
Investigación, texto, dirección e interpretación: Joana Craveiro
Colaboración creativa: Rosinda Costa e Tânia Guerreiro
Figurinos: Ainhoa Vidal
Deseño de luz: João Cachulo
Dirección técnica: Carlos Ramos
Produción: Cláudia Teixeira
Asistente de produción: Igor de Brito

Festival de Almada. Teatro-Estudio António Assunção, Almada. 12 de xullo de 2015.

 

 

Vanesa M. Sotelo

Vanesa M. Sotelo

Actriz, dramaturga, directora teatral e crítica teatral. Destacan as súas obras Campo de covardes, coa que obtivo o VI Premio Abrente de Textos Teatrales; Nome:Bonita, dentro do III Programa de Desarrollo de Dramaturgias Actuales del INAEM e El retrato de la sibila, proxecto dramatúrxico internacional 365 Women a Year. Foi directora da Erregueté dende 2016 ata 2020.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

ritorno a casa |

Il ritorno a casa

britanico |

Britânico