in

Daniel Faria

a4d1706b 1476 42cb 929e 3aa4c668d010 289 00000053fc4a7ab9 tmp |

Mítica da mística

| Camilo Franco |

 

a4d1706b-1476-42cb-929e-3aa4c668d010-289-00000053fc4a7ab9_tmp

O dato fundamental da obra escénica de Daniel Faria é que non sabemos como era. O dato fundamental da biografía de Daniel Faria é que morreu novo, que morreu nun convento e que deixou unha obra interiorísima, minorizada de divulgación e que pode pasar por secreta. Daniel Faria é o centro da atención de Pablo Fidalgo e a coprodución na que participa o CDG e que xoga nesa contradición de explicar a un poeta que se movía sobre o silencio, que parecía decidido a dicir sen pronunciar ata quizais ese punto no que pronunciar os versos pode parecer sacrilexio. Nalgunhas relixións pasa iso: o nome verdadeiro da deidade é impronunciable e, polo tanto, permanece oculto.

Pablo Fidalgo entra en Daniel Faria con ánimo de reinvención. Non por alterar unha historia senón porque esa historia existe pero non está contada. Fidalgo explora algunhas singularidades do poeta e, quizais, dramaturgo e faille dous planos para que os espectadores sintan algo da chamada que o director de escena puido ter sentido. Divide a representación en dous planos: un para o recitado, outro para a biografía. Un para a trascendencia, outro para unha certa levedade biográfica. Un para, como diría Valente, entrar en materia, outro para darlle contexto a esa materia. Pode aparentar que texto e contexto son lixeiramente contraditorios e que a poesía, finalmente, é iso: unha contradición entre o que se vive e o que se di. O recitado quere ser natural, pero seguindo o texto resulta algo descoidado. Pode ser un xeito de rebaixar ese fulgor con que se manifestan algunhas veas poéticas. Ese fulgor que parece dar valor á textualidade da mística.

A outra parte explica esa reivención de Daniel Faria. Non é menosprezo. É que todo é reinvención. O poeta aparece aquí reconstruído desde a súa vida conventual, desde as súas actividades escénicas e desde esa idea tan improbable para a contemporaneidade dos tres votos da vida benedictina. Hai unha rareza, claro. A vida monástica é exótica para calquera que non sexa monxe. A vida conventual é unha rareza difícil de concibir para os espectadores e a ambientación paira sobre a vida simpatizada deste monxe. Un escritor calado, tranquilo, que fai teatro no Nadal e que escribe libros para amigos con ese sentido de vivir unha vida radicalmente diferente da normal. É como unha revelación. E a confusión da contemporaneidade sempre se rende a unha descuberta sobre o íntimidade da mística.


Publicidade

A montaxe xoga un pouco a esa mítica da mística, como se en realidade, houbese outro lugar no que estar ou fose posible encontrar outro mundo dentro deste. Hai máis admiración que incredulidade cara a esa vida o que pode ser entendido como un síntoma de que algo non funciona na sociedade ou pode ser entendido pola brava, como que hai algo de bo na esperanza do que non existe. Daniel Faria quédase entre as dúas augas, quizais admira a fe do poeta, pero non a práctica. Os últimos anos resucitaron a idea de que hai valores positivos na crenza. Igual é un punto no extravío da crise ou outro síntoma máis da desesperación que acompaña á resignación. Pero só son, unha vez máis, as catacumbas.

Daniel Faria de Pablo Fidalgo e Tiago Gandra
Elenco: Pablo Fidalgo e Tiago Gandra
Luz: Nuno Figueira e Pablo Fidalgo
Asesoría Artística: Vítor Roriz e Gabino Rodríguez
Tradución: Inês Dias
Fotografía: Tiago Gandra
Apoio á creación e produción executiva: Amalia Area
Produción e difusión: Sofia Matos/Materiais Diversos
Coprodución: Teatro Nacional Dona Maria II de Lisboa, Centro Dramático Galego e Teatro Municipal Rivoli (Porto)
Co apoio de: Teatro Municipal Campo Alegre (Porto), Azala (Álava), Câmara Municipal de Lisboa e Polo Cultural Gaivotas, Largo Residências (Lisboa)
Espectáculo en portugués

Salón Teatro. Santiago de Compostela. Xoves, 26 de xaneiro de 2017.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

umpunhadodeterra |

Um punhado de terra

resaca |

Resaca