NON ALTERARÁS O CANON DA ARTE
Formarás parte da historia da arte como placebo que oculte a súa parcialidade, mais:
NON ALTERARÁS O CANON DA ARTE
Permitirán, quizais, a entrada na historia dalgunha das túas obras, mais:
NON ALTERARÁS O CANON DA ARTE
Deixarán que explores algunha temática transgresora, mais:
NON ALTERARÁS O CANON DA ARTE
Poderás realizar algunha excentricidade, mais:
NON ALTERARÁS O CANON DA ARTE
Así, con este pequeno salmo, podería comezar a historia e a Historia da arte escénica e non só da arte escénica, senón da arte en xeral, cargada dun canon inalterable, cheo de retrousos que con hábito vicioso perpetúan a preponderancia dunha única especie: o home branco, o hetero home branco, o hetero home normativo e practicante.
Este home-cis-branco-heterosexual-burgués-occidental sempre atopa canon onde asentar a súa sabedoría conxénita a cambio de regalías e prebendas e unha vez instaurada a súa hexemonía non adoita soltar o óso baixo ningún concepto. Podes agardar unha palmadiña no teu ombro ou unha cálida ollada de camaradaría, pero o orzamento máis grande, o posto directivo, as mellores prazas e escenarios xa os ten comprometidos. Crédeme que é así, as directoras ‘feminazis’ isto témolo moi estudado, o placebo funciona á perfección, a curación a través da suxestión dun modelo de mundo onde só caben uns poucos, uns mesmos, pero parecen moitos e variados.
E así, segue a estar establecido que as contribucións máis valiosas no mundo da arte e a cultura -igual que nos demais mundos- teñen sido realizadas por ese pequeno grupo da poboación, idea reforzada e transmitida polo sistema educativo, a historiografía, os medios, as estruturas artísticas e un longo blablablá ao que lle presta ocultar outras existencias, seres e saberes.
E mentres isto sucede, calquera diría que as demais, es outres, vagamos pola terra como zombies sen rumbo, sen Historia e sen Historias, teimando en alzar a voz coa nosa turra egoísta identitaria que non representa o “universal” que en nada axuda ao “normal”, a pesar de que hai tempo que nós sabemos -como canta Viruta FTM- que “normal” non é máis que un programa da lavadora. E nós, insistindo en sacar da carteira con orgullo as fotos da nosas xenealoxías, dislocadas, descontinuas, que nos lembran que non brotamos de xeito espontáneo que tamén temos lugares nos que fuxir da ollada heterocentrada, nos que apousentar, nos que acubillarnos, nos que nomearnos se é que acaso queremos nomear(nos).
Mira como digo:
TRANS!
Mira como digo:
LESBIANA!
Mira como digo:
MARICÓN!
Mira como digo:
MARIBIBOLLO!
SAPATONATRAVELO!
INTERCUIRSÁFICA!
MACHORRALESBOGAY!
NONBINARIEPLUS!
Mira como digo palabras que importan, mira que palabriñas máxicas que amolan a uns e divirten a moites, palabras palabriñas que son corpos e corpos que son escena. Corpos disidentes que comparten espazo entre o público e que non adoitan ter un lugar destacado en escena, non están, non se ven, non, non, aínda non están e non se ven o suficiente. Apenas aparecen nesa palestra de corpos que se constrúen normativizados, normas que por máis que non se expliciten están aí empapándoo todo, atravesando a escena e o patio de butacas, significando os corpos e os discursos, enmarañándoos nun marco regulado de difícil fuxida, como ben sinala a Vasallo, utilizando a trampa de invisibilizarse como lentes, facéndose pasar por olladas neutrais que de cando en vez, si incorporan esas disidencias como obxectos decorativos non contaminantes, lonxanos, exotizados, temáticas de moda fáciles de soster no slogan.
Quizais debamos seguir preguntándonos a través de que medios podemos complexizar eses modos de estar hexemónicos, como podemos manter en continua alerta eses lugares de disidencia, colarnos polos ocos da enunciación, quizais propoñer linguaxes bastardas, sucias, emborranchadas, buscar a incoherencia entre disciplinas, descentralizar o peso da palabra e a narrativa linear, facer que púbico e creadoras nos contaxiemos de corpos desviados, atufemos a escena de disidencias!, aforo completo de invertidos!, elencos a rebosar de cuirismo!, camaríns ateigados de diverxentes! E quizais así, atopar no medio escénico un espazo de posibilidade.