En carne viva, a primeira obra da compañía emerxente Bengala Teatro Físico, invita a reflexionar a través da arte na súa estrea o domingo 16 de febreiro no Auditorio lucense Fuxan os Ventos.
A compañía lucense Bengala Teatro Físico debuta coa peza titulada En carne viva. As integrantes deste novo colectivo de teatro físico auto-defínense como “paridoras de preguntas”. A compañía está formada pola directora An González e as actrices Andrea Maseda, Anna Aycoberry, Alicia López, Estela del Río e Estrella Tomé. Este grupo de artistas multidisplinares (teatro, danza, audiovisuais) xúntase neste proxecto común co propósito de investigar as problemáticas sociais máis alarmantes da actualidade e trasladarllas ao público a través dun impacto xerado polo traballo físico e visual, que fomente o espírito reflexivo e o pensamento crítico.
Esta primeira peza da compañía, En carne viva, pon o foco en realidades do noso presente como a disforia de xénero, a frustración, o amor, o suicidio e a xuventude, formulando unha cuestión central ao público: Ata onde podemos presionar a un ser humano para que faga o innomeable?
A representación será o domingo 16 de febreiro ás 20:00h no Auditorio Fuxan os ventos, e as entradas están dispoñibles na web do propio Concello: entradaslugo.es.