Corufest, o festival de artes escénicas pola diversidade afectivo sexual, celebra este ano a súa oitava edición entre os próximos días 8 e 18 de maio cunha quincena de actividades culturais e artísticas que achegarán á cidade da Coruña a figuras emerxentes e consolidadas das artes escénicas e do activismo cultural LGTBIQ+.
O Corufest 2025, “un festival queer, libre e diverso”, desenvolverá a súa programación en diversas sedes da cidade, grazas ao apoio do Concello da Coruña, dando visibilidade a un amplo abanico de propostas artísticas innovadoras relacionadas coa identidade, a diversidade e a memoria, co fin de promover, un ano máis, a reflexión e o debate arredor destes temas. Nesta edición, o festival centrarase en “explorar identidades, recuperar relatos históricos e xerar novas narrativas desde a arte e a cultura”. As entradas para os espectáculos están xa dispoñibles a través de Ataquilla.
O Corufest abrirá a súa programación o xoves 8 de maio ás 19.00 horas, coa inauguración na Casa Museo Casares Quiroga da exposición ‘Inevitable’, unha crítica social pola liberdade sexual e de xénero onde usuarios e usuarias do Obradoiro Daulloa para persoas con discapacidade con sede en Monterroso (Lugo) reinterpretan a bandeira LGTBIQ+ para mostrar 13 situacións catalogadas “de seria gravidade” polo colectivo.
Ao día seguinte, o venres 9 de maio, o Centro Ágora acollerá ás 20.30 horas a Gala Inaugural do festival, coa presentación da programación completa e a actuación da transformista, actriz e monologuista Muna Duval, que interpretará varios extractos da súa obra ‘Azules y maricones’. A música, pola súa banda, virá da man do dúo galego Abril, que destaca por reinterpretar o folklore galego desde unha óptica actual.
Durante o acto terá lugar tamén a entrega do recoñecemento Samuel Luiz ao compromiso social coa visibilidade LGTBIQ+, que este ano recaerá sobre a Asociación ALAS A Coruña, polo seu papel fundamental na defensa dos dereitos LGTBIQ+ e na loita pola xustiza tras o asesinato de Samuel Luiz, que tivo lugar na Coruña en xullo de 2021.
Os dereitos LGTBIQ+ serán os protagonistas do encontro que terá lugar o sábado día 10 no espazo Cultural Galgo Azul (12.00horas.) nunha charla co activista palestino LGTBIQ+ Murad Odeh, á que seguirá a presentación do libro ‘Vida y legado de Pedro Zerolo’, de Miguel A. Fernández. O mesmo día, pola noite, o pub Claro Boba abrirá as súas portas para acoller a festa do Corufest 2025, cun espectáculo drag preparado para a ocasión.
O periodista, escritor, locutor e guionista Bob Pop subirá o domingo 11 de maio ao escenario do Teatro Rosalía Castro (20.30 hrs.) xunto ao demandante Daniel Bayona con ‘Hablar no sirve. De Nada’, unha peza “sobre a dependencia, vulnerabilidade e a incomodidade que xera tanto o escenario como a vida mesma”. A través dun relato íntimo e provocativo, a obra explora temas como o amor, o corpo, o sexo, as palabras ou o tempo.
A programación do Corufest levará este ano a memoria LGTBIQ+ aos máis pequenos e pequenas coa peza teatral ‘caLORCAlor’, de Guayomini Producións, na que dous actores buscan a través desta comedia interactiva reivindicar a figura de Lorca. A obra terá lugar o mércores 14 de maio no Teatro Colón (12.00 horas) cunha función programada para centros escolares da cidade.
Ese mesmo día, pola tarde, o Centro Cívico Cidade Vella acollerá ás 19.00hrs. un encontro con TRC Danza xunto a Pablo Lilienfeld e Federico Vladimir, creadores de ‘Mónica’.
O xoves, 15 de maio, terá lugar a presentación do catálogo ‘Propuestas artísticas para una nueva arquitectura social’, no que un repertorio de artistas, creadores e pensadores españois ou residentes en España traballan, crean e investigan sobre ou desde a diversidade ou a disidencia sexual e cuestións de xénero. O encontro, programado ás 19.00 horas na Casa Museo Casares Quiroga, contará coa presenza do seu autor, César Espada, a artista Petra Iglesias e Julio del Valle de Íscar, director xeral para a Igualdade Real e Efectiva das Persoas LGTBI+.
Ese mesmo xoves, o centro Ágora acolle ás 20.30 horas a obra ‘Hermafroditas a caballo o la rebelión del deseo’, do colectivo Que No Saia de Aquí. Con ferramentas do teatro documental, a performance, o conto de ciencia ficción e o freak show, a peza “aborda a vivencia das intersexualidades en primeira persoa e propón a fundación dun novo orde afastado dos esquemas ríxidamente duais”.
Primeiro encontro de creadores LGTBIQ+
Como novidade este ano, o Corufest celebrará o Primeiro encontro de creadores e creadoras LGTBIQ+, que debaterán arredor da programación sobre a realidade LGTBIQ+ no ámbito da creación, o venres 16 de maio ás 12.00 hrs. en Galgo Azul Espazo Cultural.
O festival conta un ano máis co apoio do programa TRC Danza, que traerá ese mesmo venres ao Teatro Rosalía Castro o espectáculo ‘Mónica’, ás 20.30 horas, no que Pablo Lilienfeld e Federico Vladimir afondan na historia das súas nais. Fotografías e pinturas constitúen os elementos visuais da obra, que combina performance, danza, vídeo e música.
O sábado 17 de maio, coincidindo co Día das Letras Galegas e o Día Internacional contra a Homofobia, Transfobia e Bifobia, o Galgo Azul Espazo cultural acollerá a partir das 11.00 horas o Vermut Corufest 2025, que contará coa presentación do libro ‘O centro Voando’, de Ánxela Lema, e o Concerto de Sophie Simonds.
Debate sobre o ‘Chemsex’
A última xornada do festival, o domingo 18 de maio, estará centrada no fenómeno do ‘Chemsex’. Pola mañá, o político Eduardo Rubiño (portavoz adxunto de Más Madrid no Ayuntamiento de Madrid), debaterá sobre esta realidade xunto ao Comité Cidadán Antisida da Coruña (CASCO) e o equipo da obra ‘El Gé’, que será representada pola tarde no Teatro Colón (20.30 hrs.).
Obradoiro de investigación escénica con Pablo Messiez
O multipremiado actor, autor e director teatral Pablo Messiez será o encargado de impartir o obradoiro de investigación escénica ‘A mi manera no es como acostumbro’, unha proposta na que os e as participantes se reunirán para probar exercicios arredor das relacións dos corpos no espazo, tomados pola xestualidade das divas e a canción. O obradoiro levarase a cabo do 15 ao 17 de maio no Centro Ágora, con prazas limitadas.