Os 16 galardóns dos XXIX Premios de Teatro María Casares resolvéronse onte á noite, nunha gala celebrada no Teatro Rosalía Castro da Coruña. Iribarne, de ButacaZero, converteuse na gran triunfadora da noite ao facerse con nove dos doce premios aos que aspiraba: espectáculo, dirección (Xavier Castiñeira), dirección de movemento (Sabela Domínguez), texto orixinal (Esther F. Carrodeguas), actor protagonista (Anxo Outumuro), actriz protagonista (Lidia Veiga), espazo sonoro (Berto), vestiario (Diego Valeiras) e espazo escénico (Diego Valeiras e Xavier Castiñeiras). Este último premio foi compartido con O Dragón de Ouro, espectáculo de Sarabela Teatro que levou catro galardóns: adaptación-tradución (Catuxa Pato), actriz secundaria (Sabela Gago), Iluminación (Laura Iturralde) e o xa citado espazo escénico (Iris Branco).
Os contos do Lobicán, obra de Redrum Teatro, obtivo o premio ao mellor espectáculo de monicreques, mentres que Monstros, de Producions Teatrais Excéntricas, acadou o de mellor espectáculo infantil. Apaga o candil, de Contraproducións, fíxose cun galardón (Toni Salgado ao mellor actor secundario), igual que Pum! Pum! Quen hai?, de Ártika Cía, que se impuxo na categoría de maquillaxe (Rocío Salgado e Fernanda Barrio).
Gañadores/as por categoría
- MAQUILLAXE: Rocío Salgado e Fernanda Barrio por PUM! PUM! Quen hai?, de Ártika
- VESTIARIO: Diego Valeiras por Iribarne, de ButacaZero.
- ILUMINACIÓN: Laura Iturralde por O Dragón de Ouro, de Sarabela Teatro.
- ESPAZO ESCÉNICO: (ex aequo) Iris Branco por O Dragón de Ouro, de Sarabela Teatro, e Diego Valeiras e Xavier Castiñeira por Iribarne, de ButacaZero.
- ESPAZO SONORO: Berto por Iribarne, de ButacaZero.
- ADAPTACIÓN-TRADUCIÓN: Catuxa Pato por O Dragón de Ouro, de Sarabela Teatro.
- TEXTO ORIXINAL: Esther F. Carrodeguas por Iribarne, de ButacaZero
- ACTOR PROTAGONISTA: Anxo Outumuro por Iribarne, de ButacaZero
- ACTRIZ PROTAGONISTA: Lidia Veiga por Iribarne, de ButacaZero
- ACTRIZ SECUNDARIA: Sabela Gago por O Dragón de Ouro, de Sarabela Teatro.
- ACTOR SECUNDARIO: Toni Salgado por Apaga o candil, de Contraproducións
- DIRECCIÓN: Xavier Castiñeira por Iribarne, de ButacaZero
- DIRECCIÓN DE MOVEMENTO: Sabela Domínguez por Iribarne, de ButacaZero
- ESPECTÁCULO: Iribarne, de ButacaZero
- ESPECTÁCULO INFANTIL: Monstros, de Producións Teatráis Excéntricas.
- ESPECTÁCULO DE MONICREQUES: Os contos do Lobicán, de Redrum Teatro
A gala
O acto de entrega dos XXIX Premios de Teatro María Casares converteuse nunha homenaxe aos oficios teatrais na que gañou gran protagonismo “a figura das compañías de furgoneta”, elemento central no cartel deste ano, deseñado por Sonia García. A gala, conducida por Sarabela Teatro, contou coa dirección de Fernando Dacosta e cun elenco conformado por Sabela Gago, Fernando González, Belén Constenla, Josito Porto, Elena Seijo e Víctor Mosqueira. A música correu a cargo de Vadim Yuknevich, mentres que o vestiario o deseñou Tegra e Lele. José Bayón e Rubén Dobaño encargáronse do son e da iluminación, Héctor Martínez exerceu como auxiliar de dirección, e Marta Horjales asumiu a produción executiva.
Durante a gala, Belén Regueira leu o Manifesto Galego no Día Mundial do Teatro e fíxose entrega do Premio de Honra Marisa Soto a Xabier Deive. O galardón recollérono a súa filla, Irea Deive, e a súa muller, Eva Albaradejo.
A vicepresidenta e o secretario da Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG), Eva Fórneas e Xosé Barato, encargáronse de pronunciar o discurso da Xunta Directiva da AAAG, que neste 2025 xirou ao redor de tres temas: a situación do galego, os medios públicos e a necesidade do asociacionismo para a defensa dos dereitos.
Os Premios
Os Premios de Teatro María Casares están organizados pola Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG), coa colaboración de institucións e entidades como a Xunta de Galicia a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), o Concello da Coruña, a Deputación da Coruña, a Fundación AISGE, a Fundación SGAE e Gadis.