Entre os 179 proxectos recibidos na actual convocatoria, o Colectivo RPM vén de seleccionar a Antón Yanguas, Euyín Eugene, Isabel do Diego, Natalia Fernandes & Marta Azparren, Suevia Rojo, Rocío Bello & Javier Hernando, Bal Castro e Isolda Comesaña como ‘Artistas Paraíso 2025’, para formaren parte da súa 9ª edición.
O proxecto, impulsado por RPM, conta co financiamento da Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais, e das distintas institucións coprodutoras do programa: Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo, Concello de Vimianzo, Concello de Carballo, Concello de Corcubión, MIT (Concello de Ribadavia) e Fundación Cidade da Cultura de Galicia.
A comisión encargada da selección de proxectos destas Residencias Paraíso 2025 estivo formada por un total de cinco profesionais do sector: Joaquín Collado (artista e responsable do Festival Paisaje, en Villamalea), Marcia Vázquez (artista galega, artista Paraíso 2022 e responsable de Escora Danz, na Costa da Morte), Sabela Ramos (xestora cultural independente galega), Félix Fernández (artista e cocoordinador de Residencias Paraíso) e Caterina Varela (artista e directora de Residencias Paraíso).
O programa Residencias Paraíso 2025 diríxese a artistas de Galicia, España e Portugal, con maior ou menor traxectoria, que precisen recollerse de forma intensiva arredor dun proxecto de investigación ou creación durante dúas ou tres semanas. Residencias Paraíso vai na procura de artistas de danza e artes vivas, “preocupadas e ocupadas polas derivas do seu tempo”. Contan cun importe total de 20.000 € para acoller estas 8 propostas en residencia, cunha dotación económica de entre 1.500 e 3.000€ cada unha, e favorecer, así, as distintas fases dun proxecto artístico, desde a investigación, a escritura, o traballo dramatúrxico, a creación coreográfica ou, tamén, as residencias de carácter técnico.
As residencias artísticas desenvolveranse entre abril e novembro de 2025 no Vello Cárcere de Lugo, o Pazo da Cultura de Carballo, a Cidade da Cultura de Santiago de Compostela, o Salón Teatro do Centro Dramático Galego en Compostela, a Igrexa da Madalena de Ribadavia, a Casa da Cultura de Vimianzo, a Casa da Cultura de Corcubión e Pazo da Cultura de Narón. Paralelamente, as e os artistas residentes seleccionadas e seleccionados participarán nun encontro anual promovido polo Colectivo RPM que terá lugar os días 12, 13 e 14 de setembro de 2025 na Illa de San Simón, en Redondela.
Sobre os proxectos
RPM abrirá o programa na Casa da Cultura de Vimianzo coa residencia do creador galego Antón Yanguas, que estará traballando no proxecto de investigación titulado Open Call. Neste proxecto, Antón aborda “o mundo das convocatorias artísticas e a exposición continua da figura do bailarín”.
A continuación, chegaralle a súa quenda á primeira das dúas residencias combinadas entre a Cidade da Cultura e o Salón Teatro / CDG en Santiago de Compostela, que acollerá o proxecto Tuerce, do creador transmasculino residente en Madrid Euyín Eugene. No centro desta investigación están “a disforia de xénero e a necesidade de diálogo a través das prácticas artísticas de creadores trans e persoas non binarias”.
Pola súa banda, a artista andaluza Isabel do Diego será a segunda creadora residente entre a Cidade da Cultura e o Salón Teatro / CDG co seu proxecto Brutalismo: “un concerto-escénico no que a artista reflexiona sobre o folclore do século XXI, a electrónica, a sonoridade, a musicalidade e o corpo que sae a escena”.
No marco da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia (MIT), desenvolverase unha residencia na Igrexa da Madalena coas artistas estatais Natalia Fernandes & Marta Azparren, para o seu proxecto Cerrados y dormidos los ojos bailan. Trátase dunha conferencia performativa “que fai dialogar a ‘Anatomía Inventada’ de Natalia e o ‘Cine Ciego ‘de Marta, propoñendo a creación do corpo imposible da non-bailarina a partir dunha imaxe mental colectiva”.
A artista galega Suevia Rojo –afincada en Portugal– será unha das artistas residentes en O Vello Cárcere de Lugo co seu proxecto Incorpórea. Nesta investigación, Suevia quere afondar “nos conceptos de introspección e autorecoñecemento, procurando dar forma á materia invisíbel do corpo e a súa vulnerabilidade”.
Asemade, O Vello Cárcere de Lugo e o Pazo de Cultura de Narón acollerán o proceso de creación Ensayo, da creadora galega Rocío Bello e do creador estatal Javier Hernando. Neste proxecto, os artistas preparan unha conferencia performativa “sobre a cancelación de futuro e a problemática sobre a vivenda a partir dunha serie de xestos invisibles e humildes que nos permitan pensar o presente e imaxinar o futuro”.
O creador galego Bal Castro mergullarase no seu proceso de creación titulado Instinto desexo no Pazo da Cultura de Carballo. No proxecto, Bal aborda “temas arredor do afecto, a hipersexualización e a mercantilización do corpo”.
E, para rematar, RPM inaugurará o novo espazo colaborador, a Casa da Cultura de Corcubión, con Sagrado Corazón, da creadora galega Isolda Comesaña. A artista prepara unha investigación escénica –a cabalo entre a poesía e a danza– “arredor do desexo, a divindade, o privilexio e a vinganza. Baixo unha perspectiva feminista, este proxecto cuestiona a construción da identidade europea no imaxinario medieval”.