in

Goldi libre

goldilibre |

Primeira persoa do plural

| Manuel Xestoso |

 

goldilibre |

 

Se nos dá por facerlle caso a Aristóteles, o ser humano extrae do teatro un gozo que procede do seu “natural gusto por aprender”. Sería unha boa noticia, porque tal e como están as cousas o que nos relata Goldi libre podería parecer unha ficción para unha boa parte das novas xeracións: que alguén vaia ao cárcere “simplemente” por manter os seus principios. Aprender que existiron persoas que enfrontaron unha condena de privación de liberdade polas súas conviccións antimilitaristas semella hoxe máis ficción aínda que o feito de que a sociedade mantivese o discurso contrario.

E porén, iso é o que conta este espectáculo. Goldi libre, aínda que se promociona como teatro documental pertence máis ao xénero da autobiografía. Goldi conta a súa experiencia teatralizándoa a partir de pequenas accións escénicas e de pequenos interludios musicais, mais a cerna da montaxe é un relato en primeira persoa. E habería que especificar que, aínda que a conta dende a primeira persoa do singular, a narración expándese ata a primeira persoa do plural, facendo gala dunha solidariedade con todo o movemento insubmiso que fai parte dese relato: a reivindicación do colectivo tamén pertence á época que se retrata. Goldi mesmo invita aos compañeiros da insubmisión daquela época a subir ao escenario e recibir un aplauso que debe ser para todos.

Porque ademais dunha experiencia persoal, Goldi libre funciona como fotografía dunha xeración e dun certo ambiente político que parecía esquecido. O subtítulo da obra, Autorretrato dun insubmiso preso nos cárceres de Felipe González, ademais de ser o suficientemente explícito, rescata dese esquecemento unha parte da Historia relegada a un afastamento máis ou menos oficial e, dende logo, moi interesado.


Publicidade

Non se debe perder de vista que aquel movemento significaba non só unha negativa a entrar nos cuarteis, senón tamén a cumprir cunha “prestación social substitutoria” que duraba o duplo que o servizo militar e que se entendía, en consecuencia, como un castigo a quen non participaba da mentalidade de servizo á patria pola vía das armas. Tratábase dunha posición ética que xerou un movemento de resistencia cívica con características únicas na historia europea recente e, por esa razón, recuperar a súa memoria constitúe un exercicio non só histórico, senón tamén moral.

Que o Goldi que protagonizou aquela aventura fose un rapaz procedente de Cataluña que entraba en contacto cunha realidade nacional diferente ofrece a oportunidade de observar as características propias da esquerda galega da chamada Transición (ou con Felipe González xa non se trata da Transición?) e de reflexionar sobre a herdanza política que aínda hoxe opera sobre a nosa realidade.

Pero afortunadamente, esa reflexión faise cun humor que exime de solemnidade ao discurso, deixando que sexa a propia narración a que vaia descubrindo o punto de encontro –ou de colisión– entre a circunstancia persoal e a histórica: ese punto onde nace a conciencia política.

Porque obviamente, Goldi libre é unha obra política no mellor sentido da palabra: unha obra que reflexiona sobre como unha sociedade se organiza a si mesma para posicionarse fronte a un poder que comeza a dar síntomas de xordeira ante a colectividade á que debe representar. Unha lección que non ten a ver só coa Historia, senón tamén coa actualidade máis recente.


Goldi libre

Dirección e dramaturxia: Xron.
Texto: Goldi, Xron e Manuel Cortés.
Escenografía, atrezzo e vestiario: Berberecheira.
Deseño de iluminación: Fidel Vázquez.
Espazo sonoro: Xacobe Martínez Antelo.
Xefa de producion e asistencia de dirección: Patricia de Lorenzo

Sala Ártika, Vigo. 17 de dezembro de 2016.

 
 
 
 
 
 
 
 
 

Manuel Xestoso

Manuel Xestoso

Crítico cultural e escritor. Traballou como editor e xornalista cultural en A Nosa Terra e colabora en publicacións como Grial, Faro de Vigo, Sermos Galiza ou Nós Diario, entre outras. Foi subdirector da Erregueté dende 2016 ata 2020. Publicou Antón Reixa. Ghicho distinto, xunto a Xosé Cid Cabido (Xerais, 2012), e o volume de poemas As ruínas de Europa (Galaxia, 2017).

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

ubureitalicc81a1 |

Notas dende Galicia Escena Pro 2017: día 4

imaxergt91b cocc81pia |

A erregueté saca a rúa o seu número de verán