in

Elisa e Marcela, de A Panadaría, premiada no I Concurso de Ideas Luísa VIllalta

elisaemarcela23 |

O proxecto Elisa e Marcela, unha historia que parece conto da compañía A Panadaría e Por min mesma. Mulleres pioneiras 2017, de Iria Ares Campo son dúas iniciativas teatrais seleccionadas dentro do I Concurso de Ideas “Luísa Villalta” de proxectos culturais pola igualdade. A través das áreas de Cultura e Igualdade, a Deputación da Coruña apoia o desenvolvemento de dez proxectos culturais pola igualdade a través deste certame que este ano se convoca por primeira vez e que contribúe a divulgar a figura da creadora coruñesa Luísa Villalta. En total, 174.000 euros son os destinados para as propostas elixidas, que van desde producións audiovisuais a iniciativas de recuperación da historia das mulleres, pasando por un festival e un catálogo de ilustradas.

O xurado do I Premio Luísa Villalta estivo composto pola xornalista e escritora Ana Romaní, a directora de teatro Cristina Domínguez e a profesora e guionista Anxa G. Refoxo, ademais das deputadas de Cultura e Igualdade, Goretti Sanmartín Rei e Ánxela Franco, xunto coa xefa de servizo Mercedes Fernández Albalat.

Elisa e Marcela, unha histora que parece conto presentado pola compañía de teatro A Panadaría, recibe unha cantidade de 20.000 euros. Elisa e Marcela é o terceiro espectáculo da compañía integrada por Areta Bolado, Noelia Castro e Ailén Kendelman e con el homenaxean e visibilizan a Elisa Sánchez Lorica (A Coruña, 1862) e Marcela Gracia Ibeas (Burgos, 1867), dúas mulleres que conseguen casar o 8 de xuño de 1901 na Igrexa de San Xurxo na Coruña para o que Elisa ten que transformarse en Mario. Estreado en outubro de 2017, o espectáculo convértese no primeiro da historia do teatro galego en abordar a temática lésbica de xeito explícito e protagonista e supón un produto cultural cargado de activismo en prol da igualdade e unha reivindicación da recuperación de dúas mulleres galegas revolucionarias no seu tempo.

Por min mesma. Mulleres pioneiras 2017 é un proxecto social, teatral e de barrio deseñado para a Agra do Orzán da Coruña e que integra actividades teatrais e debate participativo. Nace para dar voz a figuras femininas que, ante a realidade imposta por unha sociedade patriarcal, tiveron o valor de loitar por un dereito fundamental: a capacidade de decidir por elas mesmas. Presentado por Iria Ares Campo, o proxecto recibe unha cantidade de 18.000 euros para o seu desenvolvemento.

Entre as outras iniciativas seleccionadas no I Concurso de ideas “Luísa Villalta” atópanse:

I Festival Metropolitano Elas Son Artistas, dotado con 18.000 euros, trátase dun proxecto que pretende ofrecer a posibilidade de que moitas artistas de disciplinas diferentes, e tamén profesións do corpo técnico relacionado coas artes, teñan tempo para coñecerse e compartir a súa visión sobre problemas como acoso laboral, oportunidades de formación, boas prácticas…Ademais inclúe un festival protagonizado por mulleres que se desenvolverá no mes de xullo en sete concellos da Coruña.

As mulleres e o mar. Traballadoras invisibles na Costa da Morte, presentado por Socialdocs S.L. o proxecto recibe unha cantidade de 16.000 euros. É un documentario que ten como obxectivo xeral amosar como o xénero inflúe na participación das mulleres nas actividades pesqueiras e como isto repercute na súa vida familiar, participación social, na súa saúde. Seguindo un estudo realizado pola facultade de Ciencias da Saúde da UdC o documentario abordará a influencia das desigualdades de xénero nas ocupacións das mulleres que se adican a actividades pesqueiras na Costa da Morte.


Publicidade

Arte+Muller+Galicia, de Rosario Sarmiento Escalona, é un documentario que ten como obxectivo poñer voz ás artistas galegas que durante moitos anos foron inexistentes para a historia, condenadas a ser mulleres do silencio. As artistas mulleres da Galiza contemporánea convértense nas protagonistas deste vídeo e as súas respostas e reflexións constitúen unha información moi valiosa sobre a problemática de ser artista e muller en Galiza. O proxecto recibe 16.000 euros.

A nena azul. Mulleres que contan. Narrativas femininas do eu a través da cámara, presentado por María Sánchez Cachaza e dotado con 20.000 euros, é un filme -25 minutos dirixido por unha muller, escrito pro dúas mulleres e protagonizado por unha nena que aborda unha historia de crecemento, deconfiguración dun “eu” feminino e dun imaxinario alleo a convencións e estereotipos. As autoras rematarán a curta e iniciarán un proceso de mostralo no territorio en que foi concibido, a Costa da Morte, cunha serie de obradoiros prácticos coas mulleres da comarca que aprenderán a contarse a través da cámara.

A silenciosa revolución das mulleres de Vilasantar, de Marina Dias Porto Chiavegatto recibe 18.000 euros. O proxecto quere contar a historia dos centos de mulleres que cambiaron a economía e organización social de toda unha comarca no inicio do século XX en Galiza. Tiñan 14 anos cando comezaron a traballar na fábrica de tecidos de Présaras. Cobraban 37 pesetas á semana, un salario que era a súa independencia, o empoderamento feminino antes de que o concepto chegara a nosa terra; máis de cincuenta anos despois do peche da fábrica, a iniciativa busca recuperara a historia coa voz das súas protagonistas. Inclúe un documentario e unha páxina web para a súa difusión.

Catálogo ilustradas, presentado por Consultoría e Formación SL e dotado con 14.000 euros. A iniciativa consiste no deseño e edición dun Catálogo Feminista Ilustrado que recompilará mulleres de distintas áreas para recoñecer e poñer en valor a todas as que quedaron esquecidas ou inmobilizadas polo patriarcado ao longo da historia. Preséntase como ferramenta didáctica para que o profesorado poda incorporalo como materia transversal nas aulas, contemplando así unha perspectiva integral, sistémica e participativa.

Juana_Docencia, presentado por Noente Paradise S.L. e dotado con 18.000 euros. Trátase dun proxecto que pretende achegar a creación artística a toda a sociedade, vinculando a performance “Juana de Ibarborou_Inspiracións” –presentada en xuño de 2017- ao empoderamento feminino, a sororidade e o autocoñecemento a través das mulleres escritoras. O proxecto artístico está fundamentado na figura da escritora uruguaia de ascendencia galega Juana de Ibarborou (1892-1979) e a declarada influencia que sobre esta exerce Rosalía de Castro. Baixo a creación orixinal e dirección da poeta e performer Marina Oural _MOV- únense xénero, poesía, danza, música e creación escénica neste proxecto.

O diñeiro das mulleres, presentado por Isabel Iglesias Oviedo e dotado con 16.000 euros. O proxecto parte da idea da carencia de referencias ao medio de vida das mulleres, como se a maior parte planearan nun escenario de ausencia de necesidades e por tanto de relación económicas, ou como se este tipo de datos “afeara” o dereito a súa recuperación. A pesar dos atrancos e dificultades, as mulleres levan séculos exercendo e participando nas actividades produtivas, sendo protagonistas da súa supervivencia e contribuíndo a xerar riqueza e emprego. “O diñeiro das mulleres” busca capturar este coñecemento a través da narración cinematográfica.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Premios |

Convocados os premios de literatura dramática Álvaro Cunqueiro, Manuel María e Barriga Verde

Dramaturxa2 |

O CDG crea un grupo de escrita para promocionar a autoría teatral contemporánea