Vinte bolsas para investigación en distintos ámbitos e outras vinte para o perfeccionamento de estudos artísticos forman parte da oferta da área de Cultura da Deputación da Coruña que engade nesta nova convocatoria as destinadas a traballos sobre políticas culturais.
Apoiar a investigación en distintos ámbitos e contribuír ao perfeccionamento de estudos artísticos en centros de referencia é o obxectivo da nova convocatoria de bolsas da Deputación da Coruña que este luns publica o Boletín Oficial da Provincia (BOP). En total, son corenta bolsas, vinte para as distintas disciplinas artísticas e vinte para proxectos de investigación que, despois de ter incrementado na pasada edición os ámbitos de Xénero e Planificación Sociolingüística da lingua galega ofrecen como novidade este ano a oferta para a área de Políticas Culturais.
Deste xeito, a Deputación resolveu asignar un orzamento de 160.000 euros para sufragar os custes de até 20 proxectos de investigación en que se aborden temas de interese de acordo á realidade social, cultural, económica e política galega na actualidade. Así, a institución contribuirá con 8.000 euros o desenvolvemento duns traballos cuxo período de realización deberá posuír unha duración mínima de nove meses.
O prazo para participar na convocatoria está aberto até o vindeiro día 31 de maio (14:00 horas) para inserir as súas investigacións dentro dalgunha das oito áreas do coñecemento desta nova edición. A Deputación da Coruña concederá 3 bolsas para cada unha das seguintes áreas: Ciencias Sociais e Xurídicas, Ciencias, Ciencias da Saúde e Artes e Humanidades. Do mesmo xeito convoca dúas bolsas -por modalidade- para estudos centrados nas áreas de Enxeñaría e Arquitectura, os Estudos de Xénero, Planificación Sociolingüística da lingua galega ou Políticas Culturais.
20 bolsas para completar a formación de estudos artísticos
Así mesmo, a área de Cultura da Deputación destina este ano 180.000 euros para sufragar vinte bolsas formativas -repartidas en seis modalidades- para aquelas persoas, que queiran completar e actualizar os seus estudos artísticos en centros de referencia de fóra de Galiza.
Neste sentido, cada unha das persoas solicitantes poderá acceder a unha axuda económica de 9.000 euros para optimizar a súa formación nos eidos da música (8 bolsas), o teatro e interpretación (3 bolsas), as artes plásticas e visuais (3 bolsas), a danza e as artes do movemento (2 bolsas), o audiovisual (2 bolsas) ou as áreas da ilustración e a banda deseñada (2 bolsas). Do mesmo xeito que na anterior convocatoria, o prazo para presentar as solicitudes rematará ás 14:00 horas do vindeiro 31 de maio.