O conselleiro de Cultura e Educación presentou a sexta edición do evento, que organiza a Agadic do luns 11 ao xoves 14 de xuño en Compostela.
Galicia Escena PRO ábrese un ano máis ao público xeral cunha carteleira de 19 espectáculos, que se poderán ver en Santiago de Compostela entre o vindeiro luns 11 e o xoves 14 de xuño. A Consellería de Cultura e Educación, que organiza o evento a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), busca así darlle unha maior proxección social á actual produción escénica galega, ademais de fomentar o intercambio comercial entre os preto de 200 profesionais acreditados nesta sexta edición do evento.
Na carteleira deste ano, amosaranse 17 producións galegas (13 de teatro e catro de danza) xunto a dous espectáculos teatrais de Madrid (Lo nunca visto, de La Estampida; e Soñando a Pinocho, de La Tartana), que se presentan en Galicia grazas á colaboración coa Asociación de Empresas Productoras de Artes Escénicas de Madrid Artemad. Dáse continuidade deste xeito, á política de intercambios con outras comunidades autónomas, como os mantidos nos anos precedentes co País Vasco e Castela e León, e que, desta volta, suporá tamén a inclusión de dúas propostas galegas na vindeira edición de MADferia en xaneiro de 2019.
Esta oferta, cunha media de cinco representacións diarias, será de acceso gratuíto para o público non profesional, en función da capacidade dispoñible en cada caso e previa retirada das entradas nas billeteiras do espazo correspondente.
Así, ademais dos devanditos espectáculos madrileños, poderán gozar das últimas propostas teatrais para adultos das compañías galegas Contrapoducións (Fillos do Sol), Talía Teatro (O servidor de dous amos), Borja Fernández (Salvador), PT Excéntricas (Cranios privilexiados… ou a crítica da razón perralleira), Sarabela Teatro (O rei morre), Compañía Ensalle (Procedimientos ante el vacío), A Panadaría (Elisa e Marcela), Eme2 Producións (A Leituga) e Ibuprofenos Teatro (Casa O’Rei).
En canto á oferta teatral para público familiar, que se concentra nos horarios de mañá, poderán verse Bathtime, de Katarsis; A galiña azul, de Tanxarina; Planeta Ardora, de Trompicallo; e Patapatúm, de Elefante Elegante. En danza, prográmase outra montaxe pensada para o público infantil e familiar (Gaia, de Entremans) e outras tres para adultos: Plastic, de Paula Quintas-trasPediante; Método negro, de Javier Martín, e La soledad de Wally, de Elahood.
Programa profesional
O resto da programación de Galicia Escena PRO diríxese exclusivamente aos profesionais acreditados, entre os que se atopan programadores de teatros, auditorios, salas e festivais, así como representantes de empresas produtoras e distribuidoras.
Os programadores acreditados terán tamén a oportunidade de coñecer de primeira man en que proxectos están a traballar outras 10 compañías galegas de cara á vindeira temporada. Os títulos seleccionados para a sesión de pitching, que terá lugar na mañá do xoves, son Alma (non é hippie), de Colectivo Verticalia (compañías Duelirium & Traspediante); Anatomía dunha serea, de Chévere; Arnoia, Arnoia: o Circo da casa pequena, de Compañía Pistacatro; Auga que non vas beber, de Fantoches Baj; Cinco mulleres que comen tortilla, de Señora Supina; In Between, de Compañía Mikel Arístegui; Insubmisión, de Teatro del Andamio; Involución, de Alfredo Muíño; Liberto, de Marelas; e Sofía e as postsocráticas, de Inversa Teatro.
Tamén se mantén este ano a oferta de actividades paralelas, entre as que se atopan o taller “Como converter o teu proxecto en noticia”, impartido pola xornalista cultural Marta Baeza, o encontro da Coordinadora de Ferias de Artes Escénicas del Estado Español (COFAE) e as presentacións da colaboración Galicia Escena PRO-MADferia e das Residencias Paraíso, promovido polo Colectivo RPM en colaboración coa Agadic.